Notas de prensa

Unha nova vaga de 'Faíscas culturais' acende a reflexión e o debate arredor de Shakespeare nas aulas da USC

A nova vaga de actividades do programa 'Faíscas culturais' permitirá que o lume da cultura siga a espallarse polas aulas universitarias e prenda no currículo académico do alumnado. A través desta iniciativa, a USC introduce, nas clases de diversas materias, proxectos artístico-pedagóxicos que serven de ancoraxe para a reflexión e o debate.

“Queremos conectar o que facemos no eido cultural e artístico co que se está estudando nas aulas”, explica a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, á hora de definir este proxecto que se sitúa na intersección entre o coñecemento académico e a expresión artística.

Esta iniciativa botou a andar, a finais do pasado ano, coa conversa que membros do Centro Dramático Galego mantiveron co estudantado de Ciencias Políticas e Sociais co gallo da estrea ‘Shakespeare en Roma’. Esta faísca permitiu que alumnado da materia ‘Historia do pensamento e das institucións políticas’, coordinada polo profesor Manuel María de Artaza, afondase nos contidos políticos e na mensaxe que esta produción achega aos cidadáns contemporáneos. Ademais, logo do debate, o alumnado ten a oportunidade de asistir á representación que se desenvolve no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

Este venres 17, na Facultade de Filoloxía, o diálogo entre a literatura e a posta en escena será posible grazas ás ‘Conversas con Shakespeare’. Cada un dos encontros, enmarcados nas materias de Literatura de expresión francesa 2 (teatro), Introdución á literatura inglesa e no mestrado en Estudos da Literatura e da Cultura, agrupará a especialistas no ámbito teatral dende o punto de vista da filoloxía, así como ao director de cada unha das montaxes de ‘Shakespeare en Roma’, ao responsable en dramaturxia e algún dos actores e actrices que forman parte do elenco.

Trátase de conversar en torno a cada un dos textos que integran a montaxe dende diferentes puntos de vista: texto literario, fontes textuais, éxito editorial, recepción en forma de traducións, fortuna escénica da obra, sentido e significado no momento da composición, influencia en dramaturxias veciñas durante a Idade Moderna, interpretacións actuais da obra, sentido das postas en escena do CDG, construción das montaxes, construción dos personaxes, así como a obra de Shakespeare para o público actual.

O vindeiro 22 de febreiro será a quenda da faísca ‘Plutarco en Shakespeare’ que se desenvolverá no marco da materia Historia Antiga II, coordinada por Pedro Manuel López Barja de Quiroga e Héctor Paleo Paz, na Facultade de Xeografía e Historia.

Marzo

As ‘Faíscas culturais’, coas que se pretende enriquecer a formación do estudantado a través de intervencións de carácter cultural no seo das materias, continuará no mes de marzo con ‘Pontes entre a historia e a literatura’ (2 de marzo), clase maxistral na que se debaterá, en Xeografía e Historia, sobre o contexto de Shakespeare, as intencións do seu relato e as diferenzas entre o enfoque literario e histórico. O Ciclo de Cinema Filosófico a través do filme Hamlet terá lugar o día 22 na Facultade de Filosofía, mentres que ‘O teatro como ferramenta educativa’ desenvolverase o 27 de marzo en Formación do Profesorado e ‘A actualidade de Shakespeare’, o día 28, en Filosofía. Os contidos de cada faísca están abertos ao conxunto da comunidade universitaria e poden consultarse na web do programa.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-02-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES