A USC programa 50 xornadas de actividades culturais na cidade de Lugo ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, tal e como adiantou este martes a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias, no acto de presentación das actividades organizadas para 2023, unha sesión na que tamén participou a vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo e concelleira delegada da área de Cultura do Concello de Lugo, Tareixa Antía Ferreiro, e o adxunto para Organización Académica e Cultura no Campus de Lugo, Antonio Álvarez.
Vinte e nove anos despois do nacemento do Lugo Cultural, unha iniciativa que dá conta da colaboración e coordinación institucional a prol da promoción de actividades artísticas na capital luguesa e da posta en valor dos espazos universitarios como escenarios culturais, o abano de actividades incluídas na programación de 2023 busca incentivar unha maior implicación da comunidade universitaria na cohesión social. A aposta pola sustentabilidade ambiental, a loita contra a exclusión social e o impulso da vida universitaria como xerme de iniciativas innovadoras a través da ciencia e da razón, son outros dos cometidos que persegue a USC a través dunha programación cultural ampla e heteroxénea
Fiel aos seus comezos, o convenio Lugo Cultural 2023 mantén programas xa consolidados na súa programación, tal e como son o ciclo de cámara Músicas a carón da Mosqueira ou o Lubicán, que dá cabida a novos valores e intérpretes galegos. Teatro, cine, fotografía, danza, visitas guiadas á Domus do Mitreo e foros de debate científico e humanístico, son outras das disciplinas que conservan protagonismo de seu na programación cultural para este ano, unha oferta que tamén renova a súa aposta pola videocreación, o debate ou as intervencións sociais tanto en espazos universitarios como noutras localizacións da capital luguesa.
A vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias, fixo fincapé na súa intervención na colaboración institucional que fai posible renovar ano a ano o convenio Lugo Cultural, razón pola que fixo público o seu agradecemento ao manifesto apoio da Deputación e do Concello de Lugo, administracións que continuarán a participar no desenvolvemento dun programa que complementa a oferta cultural de Lugo, segundo dixo Tareixa Ferreiro.
Alén de salientar o entendemento entre as distintas administracións, Murias tamén se referiu á cultura como a mellor canle de proxección social da USC e dos valores asociados ao debate académico e científico, ademais de contribuír ao desenvolvemento da poboación moza, e a mellorar a calidade de vida e o grao de benestar de toda a cidadanía. Todos estes argumentos xustifican a forte aposta pola cultura que se fai desde a USC, dixo.
A técnica de Cultura da USC no Campus de Lugo e responsable dest programación do Lugo Cultural, Paloma Lugilde, apuntou como novidades de 2023 a iniciativa Ao pé do carballo, que contempla unha intervención artística na carballeira de As Pedreiras, a recuperación do ciclo Na Calzada, que ofrece a artistas locais que se atopan fóra un espazo na súa cidade para expoñer as súas creacións, a incorporación do ciclo de faladoiros Debates de Lúa ao programa do Lugo Cultural, a fin de extendelo desde a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría a outros centros das sede universitaria, ou a sesión Micro aberto, tal e como se denomina unha actividade programada na Facultade de Administración y Dirección de Empresas, onde a comunidade universitaria interesada poderá presentar as súas respectivas creacións artísticas.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.