Noticias

O programa de aceleración musical Sonemerxente pon en marcha a súa segunda edición con 12 novos artistas e grupos

Ponse en marcha a segunda edición da aceleradora musical Sonemerxente, ao abeiro da que 12 grupos e artistas emerxentes de Galicia verán impulsadas as súas carreiras mediante diferentes accións de formación e promoción. Abril, Amoebo, Candela Liste, Catuxa Salom, Eris Mackenzie, Filloas, French Riviera, Futuro Alcalde, Habló Pablo, Javier Lago, Marián e Verter GZ son os proxectos seleccionados nesta nova xeira da iniciativa, que conta coa Fundación Paideia Galiza como entidade colaboradora na súa xestión. Ao igual que na primeira edición, esta segunda escolma de bandas e intérpretes, seleccionada por unha comisión a partir das máis de 30 propostas recibidas, reflicte o gran potencial e variedade en canto a xéneros e estilos do actual panorama da música emerxente galega.

A través deste programa, dotado con 240.000 euros, o Goberno galego pon á súa disposición as ferramentas necesarias para lograr un salto cualitativo nas súas traxectorias, así como para facilitar o seu acceso ao mercado musical e ao financiamento.

Formación individual e grupal

O proceso de aceleración desenvolverase en dúas fases. A primeira delas consistirá nunha serie de consultarías individualizadas e grupais, tanto presenciais como telemáticas, que incluirán diferentes accións de mentorización co foco posto na proposta artística, produción, promoción, comercialización e modelo de negocio. En concreto, o programa de formación grupal articularase arredor do discurso como elemento esencial para a conexión co público, a posta en escena, a produción de temas musicais e de videoclips, a estratexia no negocio da música en directo e o benestar emocional dos artistas.

A segunda fase dedicarase á promoción e difusión dos proxectos a través da súa participación en circuítos de concertos, festivais e mercados profesionais, dentro e fóra de Galicia, ademais de nun evento final de presentación das propostas.

A ducia de proxectos seleccionados desta volta súmanse a Adrian Timms, Ani Baires, De Ninghures, Helena Egea, Hydn, Law, Mondra, Paraíso Canto, Samudra Trio e Zeltia Irevire, que participaron durante 2023 na primeira edición de Sonemerxente, no marco da que tiveron a oportunidade de traballar no impulso das súas carreiras man a man con primeiras figuras da industria musical, ademais de ofrecer unha trintena de actuacións en diferentes festivais e citas culturais de toda Galicia.

R., 2023-12-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES