Noticias

O Gaiás pecha 2023 cun balance de máis de 700 eventos e actividades culturais e superando de novo a cifra do millón de visitas

A Cidade da Cultura de Galicia pechará o 2023 organizando máis de 700 eventos e actividades culturais. Con estas cifras despide un ano no que arrincou a construción do Centro galego de artes dixitais, e no que o Gaiás volveu situarse entre as tres institucións da Comunidade mellor valoradas polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea. Á espera dos datos de decembro, a Cidade da Cultura rematará o 2023 superando en máis dun centenar o número de eventos e actividades que acolleu en 2022. O incremento amosa os avances na consecución dun dos obxectivos do seu II Plan Estratéxico: consolidarse como ferramenta no desenvolvemento social, cultural e económico de Galicia.

A expansión da actividade explícase, por unha banda, pola transformación do Gaiás que a Xunta está a levar a cabo, converténdoo nunha factoría que produce contidos para ser programados non só nas instalacións da Cidade da Cultura, senón en centros de toda Galicia, coma acontece co ciclo de exposicións de Cidades no tempo, no que se organizan mostras en cada unha das sete principais cidades galegas, así como co seu programa de itinerancias de contidos dentro e fóra de Galicia.

A segunda razón que permite comprender esta expansión apunta a unha maior capacidade do Gaiás para organizar nos seus espazos eventos institucionais, empresarias ou sociais, algúns deles tan relevantes como o Ecofin, a reunión de ministros de Economía e Finanzas da UE. Neste eido, cómpresubliñar o papel que están a xogar as instalacións do Edificio Fontán para atraer actos deste tipo.

En termos xerais, o Gaiás despide 2023 superando de novo a cifra do millóns de visitas e, nunha visión más ampla, situándose por riba dos dez millóns de visitas desde o súa apertura ao público, en xaneiro de 2011.

Dixitalización da cultura

Ao tempo que se inicia a construción do Centro de artes dixitais, en 2023 impulsouse xa o traballo no eido destas tecnoloxías, con proxectos inmersivos como Hábitats. Natureza estendida -que esgotou en días as entradas para o Nadal- ou as experiencias englobadas no Galiverso, proposta que achega o patrimonio á cidadanía a través de aventuras de realidade virtual.

O Museo Gaiás, con máis de 100.000 visitantes en 2023, converteuse na principal peza da internacionalización e a divulgación da cultura galega. Se o ano comezaba con Camiños creativos, exposición que contou coa participación dunha trintena de museos europeos, e a itinerancia a París da exposición Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970), o mes de decembro remata co anuncio de que o Gaiás será o único destino en España onde se exhiba a exposición Tesouros reais. Obras mestras do Museo de Terra Santa, formando parte Santiago de Compostela dun exclusivo circuíto internacional de só catro cidades.

O programa expositivo incluíu Luz na Terra, coa que se conmemorou o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos, e a colaboración co CGAC para festexar os seus 30 anos, exhibíndose por primeira vez xuntas as obra de grandes dimensións da colección CGAC no Museo Gaiás. Tamén en 2023 pudieron contemplarse propostas como Detrás do espello, exposición que lembraba a vinculación de Galicia con figuras relevantes da cultura e ciencia universais, desde Einstein a Hemingway, unha mostra de fotografías de Nicolás Muller ou a antoloxía do pintor galego José María Barreiro.

Apoio á creación

No balance cultural destaca o resultado que está a dar o programa da Cidade da Cultura de apoio á comunidade galega de creadores e creadoras a través das Residencias Artísticas do Gaiás. A xeito de exemplo, aludir a recoñecementos a participantes neste programa, como o Premio Ojo Crítico de Novela a Brais Lamela, un dos seleccionados na Residencia Literaria do Gaiás, ou o Premio Nacional de Artesanía na categoría de produto a Inés Rir, beneficiaria dunha axuda, así como o feito de que eventos internacionais tan relevantes como a Feira do Libro de Guadalajara en México elixise para a súa programación unha obra de teatro desenvolvida na Cidade da Cultura en colaboración co Centro Dramático Galego -Canta máis luza, máis sombra-.

Por último, de novo en 2023 os espazos do Gaiás deron conta da súa capacidade para dar resposta a demandas de Galicia, sendo capaces de incrementar o seu nivel de actividade e ao mesmo tempo acoller de novo un centro de vacinación do Sergas e de ser sede da vista oral do xuízo do Alvia, xa rematada.

R., 2023-12-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES