Notas de prensa

Reflexións que parten do cinema para explorar 'a relación entre imaxe, realidade e verdade'

Estreada en 1963, A inmortal (L´Imortelle) foi a primeira longametraxe dirixida polo escritor e cineasta francés Alain Robbe-Grillet, principal expoñente do movemento literario Noveau Roman, que avogaba pola ruptura coas concepcións da novela decimonónica. É o punto de partida de 'La musa inquietante', novo libro de Alberto Ruiz de Samaniego.

Tomando como punto de partida este filme, no que un home marcado pola pasividade coñece unha enigmática muller en Istambul, o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego articula no seu novo libro La musa inquietante un conxunto de reflexións sobre “a relación entre a imaxe, a realidade e a verdade, o espectral, o deambular urbano, as ruínas e o fragmentario ou a escritura do mito e da novela”, explica.

Publicado por Abada Editores, trátase, como recoñece o ensaísta e docente, do seu libro “máis digresivo”, no que a análise dunha película “extraordinaria e que non está o suficientemente recoñecida sérveme para falar de todas aquelas cuestións que me interesan e interesaron ao Noveau Roman”, sinala. A primeira das dez longametraxes dirixidas por Robbe-Grillet, que previamente realizara o guión de O ano pasado en Marienbad, de Alain Resnais, é, “pola forma na que está narrada, toda unha declaración de intencións”, que entronca directamente coa visión da escritura do Noveau Roman. “Non é unha película lineal, é unha película fracturada, da que o espectador ten que ir logo pegando os anacos, sen que haxa, diríamos, unha solución perfecta a ese proceso de reconstitución do sentido perdido”, sostén Ruiz de Samaniego, que lembra nese senso como este movemento literario, no que se insiren tamén autores como Claude Simon ou Marguerite Duras, “ataca os fundamentos básicos do que se entende por novela, como a trama lineal ou o propio concepto de personaxe”. De aí que o profesor de Estética defina o filme que dá lugar a este ensaio como “un dos exemplos máis perfectos da modernidade cinematográfica, dunha ruptura moi evidente coa narrativa clásica tal e como a instaura Hollywood”.

Imaxe, realidade e memoria

Co filme como fío condutor, Ruiz de Samaniego aborda en La musa inquietante un conxunto de temas que, ao igual que a trama, non se suceden dun xeito lineal, senón que “van entrecruzándose e complementándose uns aos outros”. Partindo dunha historia na que o protagonista deambula por Istambul, atrapado pola imaxe dunha muller “que non chegamos a saber se existe de verdade”, o libro sitúa entre os seus “temas fundamentais a ontoloxía da imaxe, a análise de cal é a relación entre a imaxe, a realidade e a verdade”, destaca.

“A película é en certa maneira, unha historia de pantasmas, que se desenvolve nunha Istambul que ten moito que ver coa presenza de ruínas, coa persistencia de tempos pasados”, engade Ruiz de Samaniego. De aí que outro dos eixos do libro sexa precisamente, como sinala o seu texto de presentación, promover unha reflexión sobre esas “imaxes das que está feita a nosa memoria” e sobre como estas permanecen nela como “espectros”, xa que, no fondo, engade este texto, “do que sempre se trata é de restituílas a vida, de como as imaxes son reincorporadas á existencia”.

Así mesmo, a “preocupación polo papel da memoria, en relación coa vida”, a espectralidade e a antigüidade grecorromana conflúen noutra das referencias nas que Ruiz de Samaniego afonda neste libro, Freud e a súa análise da novela Gradiva, do escritor alemán Wilhelm Jensen. Trátase, lembra, dunha historia que “se desenvolve noutra paisaxe” caracterizada pola presenza de ruínas, como é Pompeia, ao que se suma o feito de que Gradiva é un “personaxe recorrente” na traxectoria de Robbe-Grillet, que centrou de feito nesta figura a súa última longametraxe.

Mitos e reinterpretacións

O propio devir do personaxe protagonista permite tamén a Ruiz de Samaniego afondar neste volume noutra temática que forma parte dos seus eixos de análise, a do “deambular urbano”, a vez que na “vontade” do protagonista “de ordenar os signos” ao longo dun filme marcado por ese “desenvolvemento nunca lineal”. Estas temáticas conéctanse á súa vez coa “natureza do mito”, outro motivo recorrente na traxectoria literaria de Robbe-Grillet, na que foi frecuente a formulación “de núcleos narrativos de que dependen do mitolóxico”. De feito, lembra, “o que hai detrás dunha das súas novelas máis coñecidas, Les gommes, é o mito de Edipo”.

Esta exploración levou á súa vez ao docente e investigador a tratar de coñecer o mito tras A inmortal, “que por un lado ten que ver coas augas, co carácter inquietante que ten o acuático para unha civilización sedentaria, e, dunha maneira moito máis clara, co mito de Diana e Acteón”. Narrado por Ovidio nas súas Metamorfoses, trátase da historia dun cazador que, percorrendo un bosque, quedouse contemplando a deusa Diana bañándose núa nun lago, o que provocou que esta o convertese nun cervo e fose devorado polos seus propios cans. “A película é unha translación contemporánea deste mito, dun home que persegue a unha muller que sempre se escapa, ata o punto de que non chegamos a saber se existe de verdade ou non é máis que unha mera imaxe”, conclúe Ruiz de Samaniego.

Universidade de Vigo, 2023-02-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (ensino-edixgal.jpg) Un total de 596 centros de Primaria e Secundaria de toda Galicia van participar o vindeiro curso no programa de ensino híbrido E-Dixgal. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP incorpora á iniciativa, a petición dos centros, dous colexios e deciden saír outros tres, de xeito voluntario. En concreto, os centros de nova incorporación son os colexios CEIP de Castrelo de Miño (Castrelo de Miño, Ourense) e o CEIP de Valeixe (A Caniza, Pontevedra). No que atinxe ás renuncias, son as do CEIP de Zalaeta (A Coruña), CEIP Península da Paz (Cervo) e a do Instituto Martaguisela (O Barco).
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos. Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados.

Notas

Galicia prepárase para acoller a edición máis expansiva do festival Pint of Science, que este ano se celebrará de xeito simultáneo en 14 localidades galegas do 18 ao 20 de maio. O evento, que busca sacar a ciencia dos laboratorios e levala ao ambiente distendido dos bares, marca un fito en 2026 ao consolidar a súa presenza tanto nas sete grandes cidades como en concellos do rural e vilas de toda a xeografía galega.
Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, 'unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español'. A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES