Notas de prensa

A revista Minius lanza un novo número afianzando o seu carácter multidisciplinar e internacional

A revista Minius. Historia, Arte e Xeografía, acaba de lanzar o seu número 27, estando xa dispoñible na rede para a súa descarga de balde. Nas súas 470 páxinas, esta publicación do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo recolle un total de 13 artigos e tres reseñas que abranguen áreas moi diversas, desde a arqueoloxía á xeografía.

Editada polo Servizo de Publicacións da UVigo, a revista ten como director a Xosé Antón Díaz e como director adxunto a Xosé Ramón Campos. Do seu novo número, os seus responsables destacan que a súa estrutura xira arredor das diferentes áreas que internamente compoñen o Departamento de Historia, Arte e Xeografía e que corresponde “á tarefa académico-investigadora desenvolvida ao longo de 2022”. Nel, indican, “a dirección da revista fíxose eco do Plan Estratéxico da UVigo aprobado no ano 2020, no que se apostaba pola internacionalización da investigación” e deste xeito publícanse traballos de especialistas de universidades estranxeiras e nos comités científicos e de investigación da publicación hai concorrencia de especialistas estranxeiros de “recoñecido prestixio investigador”.

Segundo explican os seus directores, Minius, fundada en 1992 e “decana das revistas de investigación do campus de Ourense”, conta xa cunha colección de 25 números. “A experiencia deste tipo de publicacións para a UVigo non é outra que a de xerar valor nas investigación dos seus PDI, así como tamén traballar na procura de difundir o coñecemento e a investigación feita por esta universidade”. A súa edición, engaden, “constitúese en todo un referente, así como tamén nunha imaxe de marca senlleira do campus de Ourense e da UVigo”.
Da arqueoloxía á xeografía

O novo número recolle achegas de seis áreas. Así, en arqueoloxía preséntase un artigo que recolle novos datos sobre a ocupación antiga na illa de Sálvora (Ribeira), resultado da intervención arqueolóxica no xacemento romano do Areal dos Bois, que foi realizado polos investigadores do GEAAT Adolfo Fernández, Nerea Ruanova, Raúl Méndez e Manuel García. Séguelle un artigo da área de prehistoria no que a investigadora Eva González dá a coñecer a pía galaica da capela de Folgoso (Esgos, Ourense).

A terceira das áreas académicas que presenta traballos de investigación neste número é a de historia contemporánea. Así, o revista recolle un artigo de Carlos Lozano no que realiza unha aproximación á lexislación provincial durante o reinado de Sabela II (1833-1868); outro de Juan Carlos Montero sobre a intelixencia económica e a directiva Codford no Proyecto Safehaven (1944-1945) e outro sobre o movemento estudantil e transición social no tardo franquismo en Galicia e a contribución de Erga á toma de conciencia nacionalista (1972-1981), de Adrián Martínez. Tamén hai neste número de 2023 achegas das áreas de historia de América (cun traballo sobre as causas da emigración galega a Venezuela contadas polos seus protagonistas, realizado Xosé Ramón Campos) e de historia da arte (co artigo A transmisión dun oficio. Familias de prateiros inéditas de Santiago de Compostela: Los Sánchez (séculos XVIII-XIX), de Ana Pérez).

A sexta das áreas con propostas, concretamente seis, é a de xeografía. Entre elas están os artigos As infraestruturas de transportes e comunicacións por ferrocarril en Galicia: unha oportunidade para o desenvolvemento económico rexional 1941-2011, de José Antonio Díaz; e a Situación e oportunidades de desenvolvemento socioeconómico nunha área protexida transfronteriza. O caso da RBTGX, de Martín Docampo. Tamén se inclúe unha investigación sobre a política e xestión da auga en Venezuela e América Latina, de Mariana Núñez, e outra sobre as consecuencias dos cambios e transformación da oferta comercial das cidades e o comercio de proximidade, de Sara María Torres. Completan este apartado artigos sobre a repercusión turística da pandemia en Sanxenxo, de Carlos Alberto Patiño, e sobre a xeodemografía da provincia de Pontevedra (1970-2020), de Julio Hernández.

Reseñas e agradecementos

Para rematar, este número 27 inclúe tres reseñas: unha elaborada por Israel Barandela sobre a obra Peñas Sacras de Galicia, de Martín Almagro e Fernando Alonso Romero; outra de Antonio Santamaría sobre Los márgenes de la esclavitud: resistencia, control y abolición en el Caribe y América Latina, de Consuelo Naranjo (editora), e unha última de Jesús de Juana sobre Juan Carlos I, el Faruk español. Orígenes, episodios, sucedidos, lances y conflictos del monarca honorífico, de Fernando Ramos.

Desde a dirección da revista queren por último trasladar o seu agradecemento ao Departamento de Historia, Arte e Xeografía e moi en especial ao persoal docente e investigador das diferentes áreas académicas que o constitúen “pola atención continuamente dispensada e o apoio prestado ao longo desta nova andadura”. Este agradecemento fano extensible “ao Servizo de Publicacións da UVigo e ao seu director, Jorge Luis Bueno, polo sempre atento apoio institucional” e ao reitor, Manuel Reigosa, “polo seu labor de apoio institucional cara esta marca investigadora” que é Minius.

Universidade de Vigo, 2023-02-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma.JPG) O Proxecto Xenoma Galicia, que procura detectar variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar, xa permitiu detectar 42 persoas positivas entre as 2.504 mostras que se levan analizado. Este programa pioneiro de cribado xenético acada 2.504 mostras analizadas ata o de agora dos 4.261 participantes reclutados ata o momento, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 %. En decembro do ano 2024, botaba a andar o programa coa posta en marcha de dúas probas piloto, consistentes na recollida de mostras de sangue e de saliva.
Foto de la tercera plana (festaclown-2026.jpeg) O Festaclown volve a converter Vilagarcía de Arousa nun dos puntos de referencia do circo e das artes de rúa en Galicia, entre o 17 ao 22 de agosto, cunha programación que nesta edición reforza especialmente a súa dimensión internacional e o seu compromiso coa inclusión. Compañías e artistas procedentes de Colombia, Arxentina e Australia compartirán cartel con destacadas formacións galegas e do resto do Estado nun programa para todos os públicos que se desenvolverá fundamentalmente ao aire libre en rúas, parques e prazas da cidade.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corresponde á USC, á Universidade de Cambridge e ó Instituto Colombiano de Antropología e Historia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES