Notas de prensa

Lugo Cultural mantén a súa 'oferta diversa' nunha edición que se achega máis á comunidade universitaria

O concerto de presentación do último traballo de Berto abre o abano de “actividades diversas” programadas ao abeiro da vixésima oitava edición do convenio Lugo Cultural, unha iniciativa froito da colaboración entre a USC co Concello e a Deputación Provincial de Lugo, que nesta edición pretende achegarse un pouco máis á comunidade universitaria coa celebración de máis actuacións nos centros universitarios.

Os vicerreitores de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, presentaron este mércores o calendario de actividades previstas para este mes de abril, no marco dun acto no que tamén participou a vicepresidenta da Deputación provincial e concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Tareixa Ferreiro.

O menú deste nova edición do convenio Lugo Cultural mantén en axenda ciclos e certames artísticos xa consolidados, tales como o Festival de Teatro Universitario ou Encontro Universitario de Danza. O programa de visitas guiadas e musicadas á Domus do Mitreo ‘Noites na Domus’, os ‘Xoves de moda’, ‘Lubicán íntimo’ ou o certame de videocreación ‘Findecurta’ son outras das propostas culturais que teñen garantida a súa continuidade na primavera artística que garante na capital luguesa o convenio Lugo Cultural, cuxos participantes reiteraron a súa disposición a incorporar novas administracións a esta iniciativa, a fin de “traballar a prol da confección dun calendario único e interxeracional que resulte atractivo para todos os públicos”, sinalou a vicepresidenta da Deputación de Lugo e concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Tareixa Ferreiro.

A programación deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural para 2022 pretende asemade afondar na conexión entre o campus e a cidade a través da organización de actividades en diferentes espazos urbanos e noutros emprazamentos da sede universitaria, onde se contempla a celebración de concertos, que os que ofrecerá o 28 de abril grupo lugués Los Jorobados del Minho’ na Facultade de ADE, ou a intervención que ten prevista Cora Velasco tres días na Facultade de Veterinaria, no marco do ‘Lubicán íntimo’.

O obxectivo de achegar a oferta cultural promovida desde a USC á propia comunidade universitaria pretende facilitar a participación do alumnado e tamén de docentes nesta programación lúdica, ademais de servir de estímulo para que os propios universitarios desenvolvan o seu potencial artístico e se convertan en protagonistas desta programación, comentou o vicerreitor de Organizaición Académica e do Campus de Lugo. Francisco Fraga tamén avanzou o interese do actual equipo goberno da USC por avanzar no deseño duns horarios docentes máis flexibles que permitan aos membros da comunidade universitaria cumprir coas súas obrigas académicas sen ter que renunciar a estas oportunidades de lecer.

A vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias Fernández, salientou neste mesmo senso a sua vontade de achegar a cultura ao colectivo universitario, así como ao resto da cidadanía e referiuse á programación articulada ao abeiro do convenio Lugo Cultural como un modelo de referencia para a USC en todos os seus campus.

A recuperación do programa de visitas musicadas á Domus do Mitreo ‘Noites na Domus’, cuxa primeira xornada será o 27 de abril ou a convocatoria xa en marcha da sétima edición do certame de videocreación ‘Findecurta’ son elementos que corroboran a “vitalidade e a diversidade” da programación do Lugo Cultural, que atopa no Encontro Universitario de Danza e no Festival de Teatro Universitario dous dos seus fitos máis consolidados.

Festival de Teatro e Encontro de Danza

O 28 Festival de Teatro Universitario e a vixésima edición do Encontro Universitario de Danza converterán a capital luguesa do 18 ao 30 de abril nun escenario artístico no que gozar do talento universitario. A nova convocatoria do festival de teatro contará nesta edición coa participación das compañías de teatro da USC en Compostela e Lugo, así como da formación integrada por alumnado do IV Ciclo Universitario e tamén de dous grupos chegados do Campus de Ourense da UVigo e da Universidade de León. As representacións teatrais serán no auditorio municipal Gustavo Freire, onde o 18 de abril haberá tamén un ensaio aberto a cargo da compañía de teatro USC-Lugo que dirixe Aarón Navia. Ese mesmo día, o grupo Vaites Teatro, integrado por alumnado do IV Ciclo e dirixido por Marga Portomeñe, fará a lectura dun texto dramatizado na Casa do Saber de Lugo.

A vixésima edición do Encontro Universitario de Danza reunirá os día 21 e 22 de abril no Vello Cárcere de Lugo seis compañías universitarias de danza da USC e da Uvigo, que presentarán cadanseu espectáculo en sesións abertas ao público en xeral. A compañía USC-Compostela + Pandereteiras USC presentará ‘Espertares’ o 21, a partir das 21.00 horas, no Vello Cárcere, onde actuarán de seguido a compañía D-ou-tras, do Espazo de Danza da Uvigo en Ourense e a compañía de danza USC-Lugo, dirixida por Juan Carlos Zahera. As compañías da USC e a formación SanTango, volverán a actuar ao día seguinte no mesmo escenario.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-04-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (20251223-xunta.jpeg) A conselleira do Medio Rural, acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, presidiu este mediodía a constitución do Observatorio do sector lácteo de Galicia, órgano colexiado de seguimento, asesoramento, consulta e análise deste eido produtivo. Esta reunión ten lugar trala entrada en vigor do decreto que actualizou a regulación deste órgano e que, entre outros obxectivos, persegue facer un seguimento continuado do sector e mellorar o seu funcionamento. O Observatorio vén funcionando dende a súa creación no ano 2007
Foto de la tercera plana (otero-pedrayo.jpg) En concreto, o programa do Calendario do Libro e da Lectura inaugurará as súas 35 efemérides para o longo de todo o ano o 11 de xaneiro, co Día do usuario/a da Biblioteca e terá como unha das súas datas significativas desde mes, o Día da Ilustración, que se celebra o 30 e está dedicado ao humorista gráfico Siro López. Complétanse as datas significativas coa celebración, o 1 de abril, do Día das artes galegas, que se centra neste 2026 nun dos nosos fotógrafos máis vangardistas e internacionais, o ourensán José Suárez. En todo caso, este festexo estenderase todo o ano cunha ampla oferta de accións, do mesmo xeito que sucederá co Día das letras galegas (17 de maio) que nas bibliotecas xirará ao redor da escritora Begoña Caamaño.

Notas

O LHCb, un dos detectores do gran colisor de hadróns (LHC) do CERN en Suíza, produce colisións de protóns a altísimas enerxías. Estas colisións xeran partículas inestables que conteñen quarks pesados, cuxa desintegración permite estudar fenómenos de física fundamental que axudan a explicar por que o universo está formado principalmente por materia e case non contén antimateria.
Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Abel Caballero, alcalde de Vigo, mantiveron este martes unha xuntanza na que se abordou a posta en marcha do Observatorio de Vivenda de Vigo tras a sinatura dun convenio de colaboración entre as dúas institucións con esta finalidade. O obxectivo desta nova ferramenta será realizar e ofrecer unha diagnose constante do mercado da vivenda, monitorizar a súa evolución e propoñer medidas de corrección coa previa avaliación de súa idoneidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES