Notas de prensa

Pontevedra recupera a Mostra de Teatro Universitario

Doce anos despois da súa última edición, a Mostra Internacional de Teatro Universitario retorna a Pontevedra. Promovida pola UVigo coa colaboración do Concello, esta mostra desenvolverase entre os días 20 e 28 de abril no Pazo da Cultura, onde poderán verse as montaxes realizadas nas aulas teatrais dos tres campus da Universidade, entre as que se atopa Nosa señora das nubes, coa que se estrea a impulsada no presente curso no campus de Pontevedra.

Con catro funcións con entrada gratuíta e programadas para as 21.00 horas, a Miteu abrirase o mércores 20 coa obra A Casa da forza, da aula de teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC), tras a que poderán verse O parke do crepúskulo, do grupo Maricastaña de Ourense, e Emigrados, da aula do campus vigués.

“Despois de doce anos, o teatro universitario volve a Pontevedra, que é unha cidade onde tiña xa un percorrido moi importante nos anos 70 e 80”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, na presentación da XIII Miteu de Pontevedra, coa que se recupera unha iniciativa interrompida, lembrou, en maio de 2010. Na presentación desta programación, estivo acompañado pola concelleira de Promoción Económica e Universidades, Yoya Blanco, e polo responsable de Teatro de Ningures e da Aula de Teatro do campus, Salvador del Río. Soto lembrou que, no marco do convenio de colaboración coa Concellaría, o pasado mes de novembro púxose en marcha, baixo a coordinación de Del Río, unha aula que arrancou “cun cheo total de matrícula”. Esta iniciativa formativa, aberta a toda a cidadanía, comprendía “dous bloques de contidos”, buscando en primeiro termo que as e os participantes puidesen “empezar a vivir e sentir o teatro”, para logo comezar a traballar nunha montaxe teatral. O resultado dese proceso é Nosa señora das nubes, a obra que levarán ao escenario un grupo de 13 alumnos e alumnas, do que forman parte tanto estudantes universitarios como persoas alleas á institución académica de diferentes xeracións.

Sumando as catro representacións, serán preto de 60 as persoas, entre intérpretes e técnicos, que tomarán parte nunha mostra que, como lembrou Del Río, continuou desenvolvéndose nos campus de Vigo e Ourense e á que agora hai que “darlle a benvida de novo” en Pontevedra. Nese senso, Blanco subliñou o positivo de “recuperar o teatro”, dado o seu “labor didáctico” e a súa capacidade para “facer chegas as mensaxes”, á vez que puxo énfase en que esta iniciativa insírese nun convenio “co que estamos a facer un grande traballo”.

Catro obras para a reflexión

A aula de teatro da USC, abrirá o mércores 20 esta Miteu con A Casa da forza, unha obra dirixida por Roberto Salgueiro. Baseada nun texto da dramaturga Angélica Liddell, trátase dunha obra centrada “no feminismo e a situación da muller no século XXI”, sinalou Del Río, que salientou que as catro montaxes que integran a programación abordan temáticas “que sempre van invitar ao diálogo e á reflexión”.

Ao día seguinte poderá verse no Pazo da Cultura O parke do crespúskulo, do grupo Maricastaña, nivel 3 de aula de teatro do campus de Ourense. Con dramaturxia e dirección de Fernando Dacosta e inspirada nun libro de Paul Auster, a obra que na noite deste mércores puido verse na Miteu de Vigo pon o foco na ocupación, “nos motivos que levan á xente a ocupar unha casa deshabitada”, como salientou Del Río. Faino, como recolle o seu texto de presentación, presentando as historias de persoas diversas que conviven nunha casa abandonada, desde unha que traballa nunha empresa de desafiuzamentos a unha “pintora amadora idealista” ou “unha doutoranda que debe acabar a súa tese sen un can”.

Xa á semana seguinte, a mostra pecharase con dúas obras “cunha temática similar”, recoñeceu Del Río. O mércores 27 poderá verse Emigrados, unha montaxe dirixida por Casilda Alfaro e Sonia Rúa e centrada “nun tema mundial do que aquí en Galicia sabemos moito”, como é a emigración. A través dunha historia múltiple que engarza unha serie de pezas de distintos autores, presenta unha serie de situacións que, desde a proximidade co espectador contemporáneo, buscan promover unha reflexión sobre a emigración, o retorno ou o desenraizamento e “o drama individual e social que supón este outro xeito de exilio”.

Por último, o xoves 28, pecharase a programación con Nosa señora das nubes, na que conflúen as temáticas de memoria e o exilio. Dirixida por Del Río, esta montaxe ten como punto de partida un texto do autor arxentino Arístides Vargas que, como lembrou, tivo que exiliarse no Ecuador por mor da ditadura militar que sufriu o seu país natal. “É unha obra que collemos como metáfora de todos os movementos de exiliados que se están dando hoxe en día”, salientou o director dunha peza que, “desde o realismo máxico”, permite afondar nas consecuencias que “ten para tanta xente ter que abandonar o teu país de orixe e de como isto incluso faiche perder a memoria do lugar onde naciches”.

Universidade de Vigo, 2022-04-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) O ciclo xa ofreceu xa en marzo e abril as actuacións de Andhrea & The Black Cats na Pecera de Vigo e na Pousada da Galiza Imaxinaria, de Sabela King & The Heartbreakers e The Lakazans en La Room, de Ferrol, e continuará mañá venres 22 de maio co concerto de Berlai na sala boirense. A programación seguirá o 30 de maio con Habelas Hainas, na sala Guión de Pontedeume; o 13 de xuño con Cachas & Cousins, no Club Clavicémbalo, de Lugo; o 1 de agosto con Habelas Hainas, na Arca da Noe, de Vilar de Santos; o 11 de setembro con Sacha na Horta, no Club Clavicémbalo; o 10 de outubro con Blues do País e O Sindicato da Verbena, na Arca da Noe; o 24 de outubro con The Lakazans e o 28 de novembro con Habelas Hainas, estas dúas últimas no Pub Gatos, de Melide.
Foto de la tercera plana (lobo-galicia.jpg) A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ãngeles Vázquez, denunciou que o Goberno central está a comprometer a viabilidade das explotacións gandeiras coa súa postura sobre a protección do lobo. Durante unha visita que realizou en Vilalba a unha explotación gandeira en extensivo que sufriu varios ataques de lobo, a conselleira explicou que o sector gandeiro está a sufrir as consecuencias do empeño do Ministerio para a Transición Ecolóxica en que o estado de conservación desta especie sexa desfavorable.

Notas

O Concurso Runas 2026, que desde o ano 2000 impulsa a difusión da cultura e da música celta, pechou as súas votacións en liña superando os 100.000 votos emitidos, consolidando esta edición como unha das de maior participación dos últimos anos. O resultado final estivo marcado pola coincidencia entre o voto popular e a valoración do xurado profesional, que seleccionaron a JDC, Aérokorda e Leni Pérez & Sekadra como os tres grupos finalistas que actuarán este verán no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
Baixo o título ...miña prenda, desde este xoves e ata o 24 de xullo, a Sala Alterarte acolle unha exposición do artista Xosé Poldras comisariada por Marta García. Con ela pecharase a programación deste curso académico do espazo expositivo do campus de Ourense. A mostra recolle principalmente gravados deste creador pero tamén dá entrada a outro tipo de pezas súas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES