Notas de prensa

Unha viaxe polo xornalismo do século XX a través da ollada de Álvaro Ruibal

A figura de Álvaro Ruibal percorre o xornalismo do Estado español no século XX. Unha mostra bibliográfica no Colexio de Fonseca recolle ata o vindeiro 27 de maio parte da que foi a súa biblioteca, artigos en prensa e correspondencia mantida ao longo dos anos, dando conta da súa ampla e rica traxectoria. A carreira de Álvaro Ruibal (Santiago, 1910 - Barcelona, 1999) comeza moi cedo facendo colaboracións na prensa local de Compostela. Os estudos universitarios —Matemáticas e Arquitectura— levárono a Madrid ao comezo da década dos trinta.

Despois da Guerra e seguindo a súa vocación xornalística, trasladouse a Barcelona onde dirixiu a revista Destino, que contaba cun importante elenco de colaboradores como Josep Pla, Ana María Matute, Álvaro Cunqueiro, Camilo José Cela ou Augusto Assía.

Ao mesmo tempo, envía colaboracións ás principais cabeceiras galegas da época como é o caso de La Noche, El Correo Gallego ou Faro de Vigo. No ano 1962, crea o pseudónimo ERO co que publica en La Vanguardia unha columna que chegou a converterse nun fito do xornalismo cotián baixo o nome ‘La calle y su mundo’, prolongada durante corenta anos. O seu vencello con Galicia e Compostela amósase na grande cantidade de artigos que publicou arredor de temas xacobeos, de persoeiros galegos ou costumes, sendo un dos grandes embaixadores galegos en Barcelona. A pegada destes artigos iniciou tamén a quenda dunha serie de columnistas galegos que escribían sobre Galicia dende Cataluña. Na década dos setenta publicará dous volumes monográficos: Los Pueblos y las sombras e El tiempo retenido. O seu último artigo ve a luz ao día seguinte do seu pasamento que tivo lugar o 15 de xaneiro de 1999.

“A exposición que hoxe presentamos dá conta da importancia da figura e a obra deste compostelán barcelonés, deste xornalista algo poeta que sempre levou Galicia e a súa cultura dentro de si”, explican dende a Biblioteca Universitaria encargada da organización da mostra e que conta co apoio da Área de Cultura da Universidade. “Tamén é un acto de agradecemento á súa familia pola doazón de preto de 6000 volumes”, explicou Mabela Casal, directora da Biblioteca. No acto inaugural tamén interviñeron o vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, e Álvaro Ruibal Morell, fillo do protagonista da exposición. A mostra poderá visitarse de luns a venres en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-03-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES