Notas de prensa

Presentada a XIX edición do Festival de Cans, que terá lugar en maio

A XIX edición do Festival de Cans, que terá lugar do 18 ao 21 de maio, continuará esta edición na súa liña de programar unha retrospectiva internacional, que dea coñecer ao público algúns dos cineastas máis interesantes e orixinais do momento. Este ano Cans programará unha retrospectiva de gran nivel, como é a do cineasta portugués João Nicolau, un dos expoñentes máis brillantes do novo cinema portugués.

João Nicolau (Lisboa, 1975), realizou ata o de agora tres filmes, que se poderán ver en Cans e que foron estreados en certames de gran prestixio como Cannes, Venecia, BAFICI de Bos Aries, Locarno ou Sevilla. A irrupción do fantástico e o onírico entremesturados coa cotiandade que dá paso a novas realidades é unha das características da obra de Nicolau, convertendo o seu cine nun territorio máxico, onde a música e o humor xogan un papel destacado.

O director estará presente en Cans, onde o público poderá conversar con él sobre os seus filmes, e tamén sobre as súas curtametraxes, das que o festival ofrecerá unha sesión, con Rapace (2006), estreada en Cannes, Cançao de Amor e Saúde (2009), que tamén pasou por Cannes, e Gambozinos (2013), premiada en festivais internacionais como Milán, Belfort ou Vila do Conde.

Como explicou na presentación da imaxe desta XIX edición o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, a retrospectiva das longametraxes de Nicolau servirá como introdución ao festival na fin de semana anterior ao mesmo, buscando ampliar a mirada cinéfila do público á par que se descobren novos e interesantes autores de proxección internacional. Os filmes proxectaranse no Centro Cultural, cedido polo Concello do Porriño, e a entrada será de balde.

A primeira película, A espada e a rosa (xoves, 12 de maio ás 20 h), contará coa presentación do director que se dirixirá ao público vía streaming, para dar paso a John From (venres, 13 de maio ás 21 h) e o a Technoboss ( sábado 14 ás 12 h). João Nicolau estará presencialmente en Cans na fin de semana máis intensa do festival onde será o convidado do encontro Café Dromedario con CREA, organizado en colaboración coa asociación de directoras e directores galegos. Tamén ofrecerá ao público un avance do seu novo filme en posprodución, John in Christ.

Nova imaxe a cargo de Rei Zentolo, e o prezo máis baixo de todas as edicións para as primeiras 200 entradas

A retrospectiva anunciouse durante a presentación da imaxe gráfica e as camisetas do XIX Festival de Cans celebrada no Riquela Club, en Santiago de Compostela. Pablo Rodríguez, deseñador de Rei Zentolo, empresa que regrea a Cans, quixo destacar o elemento principal desta edición número 19: a volta da edición de Cans ao mes de maio, recuperando as datas habituais do certame. Explicou que o número 19 do tarot elixido para o deseño da imaxe deste ano e representada polo sol na parte superior, significa cousas positivas: vida, amor e felicidade. No fondo da imaxe, o can e outros símbolos do "agroglamour" de Cans como o jaliñeiro, os chimpíns, as flores ou o símbolo da paz, entre outros elementos agochados que quedan á descuberta do público.

Ao acto tamén acudiron a señora Alicia, do Jalpón de Alicia, a colaboradora máis popular e de maior idade de Cans, e César Lourido, en representación da Asociación Cultural Arela, encargada da organización do festival. Lourido avanzou que desde hoxe están á venda as primeiras entradas ao prezo máis baixo de toda a historia do Festival de Cans. Serán 15 euros por cada pack de entrada, camisola oficial do certame, catálogo e chapa de edición limitada. O prezo final os días do festival será de 27 euros. A oferta está limitada aos primeiros 200 packs e só estará dispoñible ata o 26 de abril na tenda virtual do festival de cans https://tenda.festivaldecans.com. Esta rebaixa nos prezos realízase para fomentar o retorno do público ás salas trala pandemia.

No que respecta ás capacidade dos jalpóns, neste 2022 amplíase ao 75%, aumentando as fixadas nas dúas edicións pasadas. Coa máxima da prudencia, a organización mantén a obrigatoriedade da mascariña no interior dos jalpóns, os espazos privados en casas que cede a veciñanza de Cans.

Festival de Cans, 2022-04-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (20251223-xunta.jpeg) A conselleira do Medio Rural, acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, presidiu este mediodía a constitución do Observatorio do sector lácteo de Galicia, órgano colexiado de seguimento, asesoramento, consulta e análise deste eido produtivo. Esta reunión ten lugar trala entrada en vigor do decreto que actualizou a regulación deste órgano e que, entre outros obxectivos, persegue facer un seguimento continuado do sector e mellorar o seu funcionamento. O Observatorio vén funcionando dende a súa creación no ano 2007
Foto de la tercera plana (otero-pedrayo.jpg) En concreto, o programa do Calendario do Libro e da Lectura inaugurará as súas 35 efemérides para o longo de todo o ano o 11 de xaneiro, co Día do usuario/a da Biblioteca e terá como unha das súas datas significativas desde mes, o Día da Ilustración, que se celebra o 30 e está dedicado ao humorista gráfico Siro López. Complétanse as datas significativas coa celebración, o 1 de abril, do Día das artes galegas, que se centra neste 2026 nun dos nosos fotógrafos máis vangardistas e internacionais, o ourensán José Suárez. En todo caso, este festexo estenderase todo o ano cunha ampla oferta de accións, do mesmo xeito que sucederá co Día das letras galegas (17 de maio) que nas bibliotecas xirará ao redor da escritora Begoña Caamaño.

Notas

O LHCb, un dos detectores do gran colisor de hadróns (LHC) do CERN en Suíza, produce colisións de protóns a altísimas enerxías. Estas colisións xeran partículas inestables que conteñen quarks pesados, cuxa desintegración permite estudar fenómenos de física fundamental que axudan a explicar por que o universo está formado principalmente por materia e case non contén antimateria.
Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Abel Caballero, alcalde de Vigo, mantiveron este martes unha xuntanza na que se abordou a posta en marcha do Observatorio de Vivenda de Vigo tras a sinatura dun convenio de colaboración entre as dúas institucións con esta finalidade. O obxectivo desta nova ferramenta será realizar e ofrecer unha diagnose constante do mercado da vivenda, monitorizar a súa evolución e propoñer medidas de corrección coa previa avaliación de súa idoneidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES