Actualidad de Cultura

Noticias cultura

Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
De pais galegos, nace en Toledo, aos sete anos volve a Galicia e instálase coa familia en Ferrol. Na súa adolescencia séntese atraído pola pintura e recibe clases do pintor ferrolán Felipe Bello Piñeiro, cursa estudos de maxisterio e exerce como mestre nacional en varias escolas. Máis tarde, en 1947 trasládase a Madrid para estudar belas artes na Escola de San Fernando, e licénciase en 1951. É nesta época cando abandona a pintura realista e entra en contacto coa corrente expresionista europea coa que sente afinidade non só no aspecto formal senón tamén polos seus contidos sociais. É tamén a época en que empeza a escribir as súas primeiras novelas e a interesarse pola filosofía, o ensaio e a literatura.
A Cidade da Cultura súmase en maio á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á música, profesora e poeta Luísa Villalta, cunha variada programación divulgativa destinada a dar a coñecer a súa figura e a súa obra a toda a cidadanía. Ao longo do mes das Letras, o Gaiás organiza propostas como unha lectura participativa de poemas, un encontro con rapazada de centros de ensino, unha exposición bibliográfica ou dúas propostas teatrais —para público adulto e público familiar—. A primeira destas actividades será o mércores 8 de maio, e consistirá nun encontro entre alumnado de dous dos institutos nos que Luísa Villalta se desempeñou como profesora e activista cultural.
O Play-Doc celebra os seus 20 anos en Tui, cunha edición que despregará durante cinco días unha programación con seccións cinematográficas competitivas, espectáculos musicais, actividades formativas e propostas para todos os públicos. O festival tudense caracterízase pola súa especialización na non ficción e por ser modelo na difusión neste xénero ao pousar a ollada nun cinema que experimenta e explora os diferentes xeitos de abordar a realidade na pantalla. As tendencias do documental en todo o mundo teñen o seu reflexo no festival a través de retrospectivas, homenaxes e unha competición internacional á que aspiran ingresar centos de obras cada ano. A coidada selección fílmica inclúe cada ano estreas en España e absolutas.
Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
O programa TRC Danza, organizado polo Teatro Rosalía Castro da Coruña, ten como obxectivo promover as artes do movemento, e para iso ofrecerá a exhibición de 13 espectáculos e 39 actividades de mediación para o fomento de públicos arredor desta disciplina escénica. TRC Danza 2024, que se articula anualmente en dous bloques temporais de primavera e outono, inclúe tres pezas programadas no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios e contén outras propostas creadas coa contribución das subvencións á creación escénica ou como coprodución co Centro Coreográfico Galego, ademais de acadar un patrocinio específico para toda as citas de mediación.
O Centro Dramático Galego (CDG) estrea 'Os actos e as profecías', a produción central do seu 40º aniversario, este xoves 11 na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, onde desenvolverá 48 funcións ata o 26 de maio. Tamara Canosa dirixe esta nova proposta, á que lle dan vida 20 intérpretes, constituíndo un dos elencos máis numerosos do CDG nestas catro décadas de historia. Co mundo dos talent shows como punto de partida, Os actos e as profecías lanza ao aire cuestións como o lugar do público na creación, a fama, a competición e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito.
En FONTEGAM, xa aberto ao público para consulta libre, converxen textos latinos e romances. Os primeiros son achega do Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA), proxecto desenvolvido tamén desde o Ramón Piñeiro, dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades; mentres que os materiais romances son a contribución do Corpus Galego-Portugués Antigo (CGPA), impulsado desde o Instituto da Lingua Galega, centro de investigación da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dun recurso innovador que unifica nun mesmo espazo as linguas usadas na escrita da Galicia medieval, unha etapa da nosa historia na que ambas as institucións son un referente.
Este ano, o calendario chega con importantes novidades, entre as que destaca o regreso da Feira do Libro de Vigo ao centro, localizándose na praza de Compostela. Tamén se reforzarán todas as citas con maior variedade de eventos, contando con mesas redondas, presentacións, actividades infantís e debates, entre outras actividades. Baixo o título Atopa a túa Historia, a cita inaugural será en Ferrol, do 19 ao 21 de abril. A Feira do Libro de Santiago de Compostela celebrarase do 27 de abril ao 5 de maio; no Porriño será do 9 ao 12 de maio, e en Lugo do 13 ao 17 dese mesmo mes. Xa en xuño, Ourense acollerá a súa feira do dia 5 ao día 8, mentres que en Redondela será do día 13 ao día 16.
« Anterior | 22  de  281 | Siguiente »

Notas cultura

O CORNO, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, estréase este mércores 11 de outubro nun total de 82 salas en todo o territorio español, 24 delas en Galicia. Trátase da maior estrea en salas dun filme en versión orixinal galega da historia. Unha sala chea dos Cantones Cines da Coruña recibiu o equipo da película para a estrea comercial do filme. O CORNO foi a película gañadora da Cuncha de Ouro á mellor película no 71º Festival Internacional de Cine de San Sebastián.
A VIII Xornada de Onomástica Galega explorará o 21 de outubro en Pontevedra o papel dos nomes propios e a súa riqueza na cultura popular. O encontro anual que organiza o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, coa colaboración coa Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra, prestaralle atención especial á presenza da toponimia e a antroponimia no cancioneiro, e terá tamén en conta outros xéneros.
Música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais integran a programación do Outono Cultural, unha iniciativa que abrangue a meirande parte da acción da USC en materia de cultura neste primeiro período do ano. Esta nova programación leva aos campus de Santiago e Lugo múltiples propostas dirixidas ao alumnado da USC pero abertas, na súa maioría, ao conxunto da cidadanía.
O espazo expositivo do campus de Ourense, a Sala Alterarte, arrancou este xoves a programación do curso 2023/2024 coa exposición Clinamen. Catro propostas de abstracción radical. A mostra, comisariada por Manolo Figueiras, conta con obras dos artistas ourensáns Alejandro Caporale, Antonio Fernández Seoane, María Puertas e Antonio Soria Rocafort.
4.162 espectadores viron algunha das 135 películas proxectadas na Semana de Cine de Lugo 2023, ou das facilitadas a Aspnais e aos centros penitenciarios de Monterroso, Bonxe e Teixeiro. 3.043 destes asistentes foron ás diversas sesións celebradas no Auditorio de Lugo, 769 nas outras salas da capital, e o resto en Aspnais e nos centros penitenciarios.
Kathleen March (Nova York, 1949) é galega por elección e contribúe de forma destacada dende hai décadas á proxección internacional da literatura galega como crítica literaria e tradutora. En recoñecemento ao seu labor, a RAG recibiuna no Balneario de Mondariz como membro de honra. A filóloga reflexionou sobre o carácter global da literatura galega e propuxo novos camiños que cultivar para facela chegar “máis alá”, como fixeron Rosalía e Manoel Antonio.
O XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña xa ten gañador: o xornalista e escritor Alberto Ramos coa obra “Conxo, non restraint", unha peza de texto documento sobre a violencia psiquiátrica no Hospital de Conxo. Alberto Ramos é xornalista e escritor, dedícase á comunicación cultural e durante seis anos traballou na Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
Comezando a campaña (Re)Coñecer, promovida pola Rede Museística provincial de Lugo, está aberta na sala de exposicións da Deputación de Lugo a mostra de dúas coñecidas artistas lucenses, Concetta e Luisa Paz Montenegro. Na inauguración da mostra participaron a Deputada de Cultura, Iria Castro; a directora do Museo provincial, Aurelia Balseiro, e a Xerente da Rede, Encaarna Lago.
Vén de publicarse o cartel anunciador da Semana de Cine de Lugo, na súa edición XLV, que se celebrará do 18 ao 23 do próximo mes de setembro. O motivo principal do cartel é unha foto de agosto de 1914, da rodaxe en Lugo do cineasta José Gil, desde un automóbil que circulaba polo adarve da Muralla lucense.
Lourenzá, a vila natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2023, acollerá do 4 ao 6 de setembro un encontro de tres días no que se afondará no seu legado dende diversas perspectivas. Preto de vinte especialistas de distintas institucións analizarán a biografía e a obra de Fernández del Riego como activista, intelectual, estudoso e escritor nos sucesivos contextos históricos que percorreu na súa case centenaria vida.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES