Noticias

O Centro Dramático Galego estrea 'Os actos e as profecías', con 20 intérpretes e 48 funcións ata o 26 de maio

O Centro Dramático Galego (CDG) estrea 'Os actos e as profecías', a produción central do seu 40º aniversario, este xoves 11 na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, onde desenvolverá 48 funcións ata o 26 de maio. Tamara Canosa dirixe esta nova proposta, á que lle dan vida 20 intérpretes, constituíndo un dos elencos máis numerosos do CDG nestas catro décadas de historia. Co mundo dos talent shows como punto de partida, Os actos e as profecías lanza ao aire cuestións como o lugar do público na creación, a fama, a competición e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu hoxe na presentación do espectáculo canda o director do Centro Dramático Galego, Fran Núnez; a propia Tamara Canosa, quen tamén asina a dramaturxia con Xacio Baño, e Raquel Espada e Manuel Cortés, en representación dun equipo interpretativo interxeracional e multidisciplinar. Conviven nel tanto nomes moi coñecidos da escena galega, que xa teñen participado en anteriores producións do teatro público, como caras novas para as que Os actos e as profecías supón o seu debut na compañía institucional.

Ademais de enmarcar o espectáculo no amplo programa da conmemoración destes 40 anos, o responsable de Industrias Culturais subliñou que o Centro Dramático leva traballando máis dun ano nesta proposta ao abeiro do proxecto europeo Phōnē, do programa Europa Creativa. Baixo o lema Dándolles ás linguas minorizadas unha voz, participan nesta iniciativa distintos departamentos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto con entidades escénicas doutros sete países: Alemaña, Francia, Irlanda, Italia, Noruega, Países Baixos e Romanía.

Máis accesibilidade

Para Sutil, Os actos e as profecías exemplifica a folla de ruta que está a seguir nos últimos anos o teatro público galego, con especial incidencia neste ano de celebración. Neste sentido, xunto co devandito traballo de internacionalización, que neste caso se centra no contexto europeo, a nova produción afonda na accesibilidade territorial co reforzo do servizo de mobilidade do Centro Dramático Galego, grazas ao que público procedente de medio centenar de concellos das catro provincias fará uso do servizo de autobuses habilitado para asistir ás funcións no Salón Teatro.

Subliñou, así mesmo, a aposta do CDG pola inclusión a través das habituais funcións descontraídas dos mércores, que posibilitan unha atmosfera acolledora para persoas con déficit de atención, espectro autista e deficiencias intelectuais ou sensoriais, e mais a aplicación do seu sistema SINTE para que o público con discapacidade visual e/ou auditiva poida gozar igualmente do espectáculo.

Sinopse

Outra das liñas de acción do CDG que se materializan nesta proposta é o apoio á dramaturxia galega actual, neste caso a través do traballo de Tamara Canosa e Xacio Baño. Co mundo dos talent shows como punto de partida, Os actos e as profecías lanza ao aire cuestións como o lugar do público na creación, a fama, a competición e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito.

Segundo a directora do espectáculo, este tipo de espectáculos televisivos “conteñen moitas fendas vitais con potencialidade para amosar os puntos de fricción entre a vida e os soños”. Para levar esta idea ás táboas, Canosa aposta por un uso diferente do espazo escénico a partir do deseño de José Faro, quen asina tamén a iluminación con Iván Nuñez Casal. Conta, ademais, con Montse Piñeiro e Marta Ferrer Ucelay no vestiario e caracterización, Rut Balbís a cargo do traballo de movemento, Xosé Lois Romero do espazo sonoro e Laura Míguez como axudante de dirección.

As interpretacións corren a cargo de Sergio Abelaira, Marta Alonso Tejada, Mónica Camaño, Miguel Canalejo, Isolda Comesaña, Manuel Cortés, Antón Coucheiro Cou, Iván Davila, Raquel Espada, Xosé Manuel Esperante, Alba Fernández Cotelo, Sara Ferro, Atenea García, Miguel Gendre, Raquel Nogueira Watson, Alba Recondo, Ana Santos Maneiro, Lois Soaxe, Jorge Varandela e Antía Vidal.

Horarios e venda de entradas

As funcións de Os actos e as profecías desenvolveranse de mércores a domingos ás 18,00 h., cun segundo pase ás 21,00 h. os venres e os sábados. A venda de entradas xa está dispoñible en ataquilla.com e tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación.

Como actividade complementaria a esta produción, os días 8, 15 e 22 de maio levaranse a cabo as Improversións que, en colaboración con The Momento Impro, achegaranlle ao público unha serie de improvisacións con esta produción como punto de partida.

R., 2024-04-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-atardecer.jpg) A Cidade da Cultura reuniu preto de 15.000 persoas nos doce concertos ao aire libre de Atardecer no Gaiás, que se celebraron entre os meses de xullo e agosto. Cun cartel de 14 artistas, erixiuse como a segunda edición máis multitudinaria deste ciclo de música gratuíto, que se celebra desde hai 16 anos na Cidade da Cultura e procura ser escaparate das tendencias actuais. A actuación de 9Louro foi a que tivo maior afluencia, cunhas 5.000 persoas que encheron a Praza central do Gaiás para escoitar este referente da música urbana.
Foto de la tercera plana (hotel-corredor.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este venres os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que amosan un crecemento dos ingresos do sector nos primeiros sete meses do ano. Entre xaneiro e xullo, os establecementos hoteleiros galegos obtiveron uns ingresos totais nominais de 242,3 millóns de euros, o que representa un 5,8% máis que no mesmo período de 2025. O mes de xullo marcou tamén un novo máximo histórico. Os hoteis e pensións de Galicia alcanzaron uns ingresos de 68,3 millóns de euros, un 6,9% máis que en xullo do ano pasado. Trátase da primeira vez que a facturación do sector supera os 65 millóns de euros nun mes de xullo desde que existen rexistros.

Notas

Dous investigadores acaban de construír as primeiras ‘xeometrías de Einstein’ non homoxéneas sobre un dos espazos máis fundamentais das matemáticas, os espazos proxectivos complexos. Con isto responden afirmativamente nas dimensións n = 4 e n = 6 unha pregunta que o xeómetra francés Marcel Berger formulou en 1965 e que se resistira durante seis décadas.
No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES