Noticias

O TRC danza 2024 ofrecerá estreas, coproducións e 39 actividades para o fomento de públicos

O programa TRC Danza, organizado polo Teatro Rosalía Castro da Coruña, ten como obxectivo promover as artes do movemento, e para iso ofrecerá a exhibición de 13 espectáculos e 39 actividades de mediación para o fomento de públicos arredor desta disciplina escénica. TRC Danza 2024, que se articula anualmente en dous bloques temporais de primavera e outono, inclúe tres pezas programadas no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios e contén outras propostas creadas coa contribución das subvencións á creación escénica ou como coprodución co Centro Coreográfico Galego, ademais de acadar un patrocinio específico para toda as citas de mediación.

O programa TRC Danza, organizado polo Teatro Rosalía Castro da Coruña co apoio da Xunta para promover as artes do movemento coa exhibición de 13 espectáculos e 39 actividades de mediación para o fomento de públicos arredor desta disciplina escénica, presentou hoxe a súa carteleira nun acto que contou coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

TRC Danza 2024, que se articula anualmente en dous bloques temporais de primavera e outono, inclúe tres pezas programadas no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios e contén outras propostas creadas coa contribución das subvencións á creación escénica ou como coprodución co Centro Coreográfico Galego, ademais de acadar un patrocinio específico para toda as citas de mediación. Así o explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, quen se referiu a TRC Danza como proxecto pioneiro en España pola súa celebración desde o ano 2013 e co apoio da Administración autonómica desde a súa primeira edición.

Para o responsable da Axencia Galega das Industrias Culturais “se están a dar pasos importantes na normalización dunha expresión artística na que Galicia está a despuntar de xeito notable a nivel creativo, de produción e de interpretación, con diversas liñas de acción que parten do Plan integral da danza de Galicia”.

Proxección exterior e interior da danza galega

Jacobo Sutil enumerou outros apoios como a colaboración da Xunta en proxectos como Atopémonos bailando, Residencias Paraíso, Abanea, 6Coreógrafas ou A Casa Vella, coa protección especial á danza nas convocatorias de subvencións e nas dinámicas de programación dos circuítos de espectáculos que se impulsan desde o Goberno galego.

Engadiu que nesta mesma dinámica se sitúa o actual curso Deseño de programacións de artes escénicas, organizado xunto á Asociación de Xestores Culturais e no que a danza ten un peso destacado, con contidos sobre a importancia da mediación e co obxectivo de dotar de recursos as persoas encargadas da selección de espectáculos nos espazos de exhibición para potenciar e incrementar a visibilidade desta arte a todos os niveis.

Citou tamén o novo acordo asinado entre a Xunta e a emblemática mostra Dansa València, en virtude do que dúas figuras xa destacadas na danza galega actual, como son Paula Quintas e Marcia Vázquez, actuarán no certame que acollerá a capital valenciana a vindeira semana.

Estrea absoluta de Anöa

A programación de TRC Danza 2024 arranca o próximo venres 19 de abril no Teatro Rosalía Castro coa estrea absoluta de Anöa, a nova proposta da compañía da coreógrafa e directora Elvi Balboa, en coprodución co Centro Coreográfico dentro da modalidade para potenciar o talento emerxente, e como parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Xa máis preto do 29 de abril, Día Internacional da Danza, pisarán o mesmo escenario outros dous espectáculos no marco do circuíto autonómico: Multiperspectivas#2 de Paula Quintas Cía. (venres 26 de abril), unha proposta que combina improvisación teatral, danza e circo, e É difícil fotografar o baleiro, creado por Colectivo D´Elas e dirixido por Julia Laport, con seis intérpretes cuestionándose se hai algo máis aló do corpo (sábado 27 de abril). Estas dúas últimas pezas, producidas coa subvención da Xunta.

O xoves 16 de maio chegará Ceibe, a nova produción de Fran Sieira Cía., que tamén obtivo subvención da Xunta á creación escénica. O espectáculo, que conta no seu corpo de baile con Aida Tarrío, de Tanxugueiras, e Martín Mondragón, do proxecto Mondra, indaga nas identidades de xénero enas normativas hexemónicas do baile tradicional galego, experimentando co folclore popular para crear unha linguaxe máis inclusiva.

A oferta do TRC Danza Primavera complétase con Go Figure, de Sharon Fridman (venres 3 de maio); Otempodiz, da Compañía Ertza, A raíz de, de Daniel Rodríguez Cía. (sábado 4 de maio), e Placton, unha proposta contemporánea para público familiar do colectivo Big Bouncers (o luns 20 de maio no Fórum Metropolitano).

Janet Novás no outono e 39 accións de mediación

Abrirá o programa de outono no TRC Danza o 21 de setembro Janet Novás con PROTO (SN1806), con dramaturxia de Ricardo Santana e con Yuantao Gorriz, Julia Kayser e Danielle Mesquita como intérpretes. Trátase dunha coprodución coa Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico na que a coreógrafa e bailarina, Premio Goya á Mellor Actriz Revelación 2023, toma como punto de partida o fenómeno das supernovas.

Dentro da estratexia de impulso á danza, as actividades de mediación intégranse plenamente na liña de traballo da Xunta co sector. No caso do TRC Danza serán 39 as accións desenvolvidas, xa que cada un dos 13 espectáculos programados xerará tres accións encamiñadas ao fomento e consolidación de públicos. A creación de contexto a través de textos elaborados por especialistas, a implicación das compañías e artistas en sesións prácticas previas e conversas co público tras as funcións son os eixos de acción deste apartado.

R., 2024-04-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (turismo-hotel-cama.jpg) A comunidade galega vén de alcanzar varios fitos históricos nos indicadores turísticos do sector hoteleiro rexistrados o pasado mes de xuño cando por primeira vez superou o millón de noites acadando 1.011.613 noites realizadas polos 573.849 visitantes dese mes. Isto tradúcese nun incremento do 5 % en demanda turística e do 7,5 % en número de visitantes; nos dous casos por riba das medias nacionais, que se sitúan no 2,1 % e no 3,3 %, respectivamente. Estas boas cifras tamén se trasladan ao bo rendemento económico ao confirmar que no que vai de ano, de xaneiro a xuño, o sector hoteleiro galego obtivo uns ingresos nominais de 165,5 M€, un 4,3 % máis que nos seis primeiros meses de 2024.
Foto de la tercera plana (lavuelta-2025.jpg) Do total das 21 etapas que compoñen esta edición de La Vuelta , tres desenvolveranse por solo galego. En concreto, o paso por Galicia deste certame será entre o 7 e o 10 de setembro. O día 7, na etapa 15, o grupo de competidores entrará na comunidade desde Asturias, no tramo A Veiga/Vegadeo-Monforte de Lemos. Tras dunha xornada de descanso, a competición retómase o día 9 coa etapa 16, que vai de Poio a Mos -rematando en concreto no Castro de Herville-. O día 10 de setembro, ‘La Vuelta’ despídese da comunidade galega coa etapa 17, que por primeira vez sairá desde O Barco de Valdeorras para chegar, 143 quilómetros despois, ao Alto de El Morredero, xa en Ponferrada.

Notas

O grupo 'Virus and Cancer' do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas logrou identificar un novo mecanismo de regulación da proteína p14ARF, un factor chave na supresión tumoral. O achado, publicado na revista Cell Death and Disease, podería ter importantes implicacións no tratamento do cancro, ao contribuír a entender os procesos que regulan o crecemento tumoral e potenciar o efecto dun novo fármaco.
A integración do proxecto CORTIS (Camera Observation & Radiation Test in Space), da asociación de estudantes UVigo SpaceLab, no vehículo de transferencia orbital OSSIE da empresa galega UARX Space xa é unha realidade. A carga útil, que permitirá ao alumnado comparar os resultados de cámaras e sensores de radiación que se implementarán no cubesat BIXO, integrouse no primeiro vehículo de transferencia orbital desenvolvido en España.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES