
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do calendario das Feiras do Libro de 2024, no que colaboran a Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia. Grazas a el, un total de 13 municipios encherán as súas rúas de libros desde finais de abril ata finais de agosto.
Este ano, o calendario chega con importantes novidades, entre as que destaca o regreso da Feira do Libro de Vigo ao centro, localizándose na praza de Compostela. Tamén se reforzarán todas as citas con maior variedade de eventos, contando con mesas redondas, presentacións, actividades infantís e debates, entre outras actividades.
Baixo o título Atopa a túa Historia, a cita inaugural será en Ferrol, do 19 ao 21 de abril. A Feira do Libro de Santiago de Compostela celebrarase do 27 de abril ao 5 de maio; no Porriño será do 9 ao 12 de maio, e en Lugo do 13 ao 17 dese mesmo mes. Xa en xuño, Ourense acollerá a súa feira do dia 5 ao día 8, mentres que en Redondela será do día 13 ao día 16. Vigo abrirá o 1 de xullo, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas do 11 ao 14 de xullo e en Rianxo do día 24 ao día 27. Finalmente, en agosto as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña do día 1 ao día 10, a Viveiro do día 12 ao día 15, a Foz do día 16 ao día 19 e a Monforte de Lemos do día 21 ao 24 de agosto.
Así se expuxo durante a presentación, onde o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades aproveitou para enxalzar o cartel deste ano, elaborado pola cooperativa Cestola. É un cartel vivo e evocador que busca dar vida ao concepto que acompañará este ano as feiras: un espazo de aventura e convivencia entre autores e lectores, no que atopar a historia perfecta para cada un de nós, dixo. Neste senso, remarcou o papel que xogan as librarías na nosa Comunidade: Son espazos vivos, contribúen a facer crecer os nosos barrios e aportan un plus de profesionalización ao sector, facendo crecer o tecido literario galego.
Mellora do convenio de colaboración
Máis alá da realización das Feiras do Libro por toda a xeografía galega, a Xunta e a Federación de Librarías contan cun amplo programa destinado a mellorar o sector literario galego. Para iso, a Consellería de Cultura ratifica o seu convenio coa entidade.
Este ano, a colaboración entre entidades posibilita a realización dun proxecto de formación continua para as librarías asociadas, con cursos que afondarán en temas tan importantes como a Intelixencia Artificial dentro do sector libreiro e editorial. Así mesmo, tamén se desenvolverán actividades dentro das librarías galegas, axudando especialmente a aquelas que teñen maiores complicacións na súa programación.
Ademais, este ano traballarase na creación dunha intranet para as librarías federadas que permita unha maior coordinación e difusión das actividades realizadas. É un dos proxectos estrela deste 2024, ano no que queremos continuar mellorando o crecemento e asentamento do sector literario en Galicia, e o posicionamento das librarías como espazos de convivencia e profesionalización do sector, concluíu Anxo M. Lorenzo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.