Notas de prensa

O CORNO, de Jaione Camborda, chega a 82 salas de cine en versión orixinal galega

O CORNO, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, estréase este mércores 11 de outubro nun total de 82 salas en todo o territorio español, 24 delas en Galicia. Trátase da maior estrea en salas dun filme en versión orixinal galega da historia. Unha sala chea dos Cantones Cines da Coruña recibiu o equipo da película para a estrea comercial do filme. O CORNO foi a película gañadora da Cuncha de Ouro á mellor película no 71º Festival Internacional de Cine de San Sebastián.

Acompañada polas actrices Janet Novás, Carla Rivas, María Lado, Belén Merino e o actor Felipe G. Pariente, Jaione Camborda presentou a proxección, agradecendo aos cines a estupenda acollida á película, xusto despois de recibir o máximo galardón en Donostia.

O CORNO foi a película gañadora da Cuncha de Ouro á mellor película no 71º Festival Internacional de Cine de San Sebastián, onde Camborda xa fixo historia ao ser a primeira directora muller española que acada co seu filme a Cuncha de Ouro, por primeira vez cun filme en galego.

Antes Jaione Camborda e Janet Novás foron recibidas polo Delegado do Goberno de Galicia, Pedro Blanco, xunto coa Subdelegada na provincia da Coruña, María Rivas, na sede da Delegación na cidade da Coruña.

A película, un drama rural ambientado na Galicia dos anos 70, está protagonizada pola bailarina Janet Novás (Premio ‘El Ojo Crítico’ de Danza 2021 de RNE), no que é o seu debut no cinema, e conta no seu reparto con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes e Diego Anido, entre outros.

O CORNO está rodada en galego e en portugués en varias localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Minho (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, vese ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas.

Sinopse

Illa de Arousa, 1971. María é unha muller que gaña a vida mariscando. Tamén é coñecida na illa por axudar outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Tras un inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que a fará loitar pola súa supervivencia. Buscando a súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galicia e Portugal.

JAIONE CAMBORDA (Donostia, 1983)

Cineasta donostiarra afincada en Galicia, cursa os seus estudos na Escola de Cinema de Praga (FAMU) e na Escola de Cinema de Múnich (HFF). É en Galicia onde desenvolve un recoñecido traballo como directora e guionista. A súa primeira longametraxe, Arima (2019), obtivo o premio á mellor dirección na sección Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla, e á mellor película na sección Escáner do festival Márgenes, ademais de pasar pola sección Made in Spain do Festival de San Sebastián.

Previamente destaca o seu traballo dirixindo pezas curtas rodadas con material fílmico, como Proba de axilidade, Nimbos, Lilit ou Rapa das Bestas, todas elas coa súa produtora Esnatu Zinema, fundada en Santiago de Compostela. Participou ademais como guionista das longametraxes Os fenómenos e Ons, dirixidas por Alfonso Zarauza, e ten traballado como directora de arte en varias películas doutros cineastas.

Tamén foi seleccionada para participar en diferentes laboratorios e residencias como o TIFF Filmmaker Lab do Festival Internacional de Cinema de Toronto, no programa de desenvolvemento La Incubadora – The Screen da ECAM, no programa Ikusmira Berriak do Festival de San Sebastián, ademais de ser recentemente beneficiaria da bolsa TIFF Canada Goose.

O CORNO é unha produción de Esnatu Zinema, Miramemira e Elastica Films, en coprodución con Bando à Parte (Portugal) e Bulletproof Cupid (Bélxica). Conta co financiamento do ICAA – Unión Europea – NextGenerationEU e coa subvención de Agadic - Xunta de Galicia. Coa participación de RTVE, Televisión de Galicia, Radio Televisión Portuguesa, Movistar Plus+. Co apoio de Eurimages, Ibermedia, The Taxshelter Of The Federal Government Of Belgium, BNP Paribas Fortis Film Finance, Deputación de Pontevedra, Ikusmira Berriak (San Sebastián Film Festival), The Screen - ECAM, Toronto FilmMaker Lab.

Elastica Films distribuirá o filme nos cinemas do territorio español. As vendas internacionais corren a cargo de Films Boutique.

Vinte Media, 2023-10-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES