Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu proxectará entre o 7 e o 15 de setembro preto de 100 títulos galegos e internacionais, ademais de ofrecer charlas, conferencias, espectáculos de narración oral e humor, concertos, actividades infantís e de implicación social. O evento, que chega este ano á súa undécima edición, conta con financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. A sede da asociación organizadora acolleu a presentación do programa completo do certame, no que participaron o director da Agadic, Jacobo Sutil; o alcalde de Bueu, Félix Juncal; o deputado de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra, Xosé Leal; e mais o director do FICBueu, Manuel Pena.
As Torres Hejduk convértense ata o 25 de novembro nun arquivo sonoro para rescatar a arquitectura galega desaparecida ou transformada, lonxe dos grandes relatos arquitectónicos presentes na contorna. Isto é posible grazas á intervención AAMA (Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica) de Francisco Ramallo (Granada, 1974), inaugurada como clausura do Encontro de Artistas Novos 2018. Esta residencia artística, xa consolidada na programación da Cidade da Cultura, reuniu durante cinco días a 40 creadores emerxentes, procedentes de toda España. Precisamente, o AAMA -proxecto entre o metafórico e o documental de Francisco Ramallo- foi a iniciativa gañadora do Encontro de Artistas Novos 2017 da V Convocatoria de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk.
Este mércores terá lugar a inauguración da temporada expositiva na Fundación DIDAC en Santiago de Compostela coa exposición Manuel Eirís / Miguel Marina. A Fundación DIDAC retoma a súa actividade, que nos próximos meses completarase coas mostras individuais do artista galego Antón Reixa e a valenciana Irene Grau, así como os encontros e conferencias do ciclo Galicia. Un século de creación, programación que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña. Manuel Eirís (Santiago de Compostela, 1977) e Miguel Marina (Madrid, 1989) son os artistas encargados de inaugurar a temporada de exposicións na Fundación DIDAC.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, deu a benvida aos 40 creadores e creadoras que participan na oitava edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, EAN8. O Encontro, que promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento a través dunha residencia artística no Gaiás, está impulsado pola Xunta a través da Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. Román Rodríguez destacou que desde a apertura en 2011 da Cidade da Cultura “tiñamos claro que a súa programación cultural debía contar con espazos abertos para o intercambio de ideas e a convivencia creativa”.
Quedou aberta no Museo comarcal de A Fonsagrada a exposición “MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emigrante galego-poeta obreiro”, promovida por Galicia Digital, a familia do escritor e o Concello de Paradela, que permanecerá nesta localidade enclavada no Camiño Primitivo a Compostela ata mediados de outubro. Con este motivo, presentouse o libro “MANUEL RODRÍGUEZ LOPEZ, 25 ANOS DESPOIS”, que recolle medio cento de traballos literarios sobre o escritor de Paradela que foi e segue a ser ponte entre os galegos da terra e os da emigración en Catalunya.
O reguetón feminista e combativo das madrileñas Tremenda Jauría suporán este sábado, día 18, un divertido e comprometido alfinete festeiro para pechar o Atardecer no Gaiás de 2018. Precisamente, este ciclo de concertos do verán, ao aire libre e de balde caracterizouse nesta edición por contar cun especial peso das voces femininas —maioría entre as súas 21 actuacións— e concedeulle máis espazo as cada vez máis emerxentes músicas urbanas. Para este gran fin de festa, a banda despregará tamén o seu repertorio de merengue-punk ‒contan cunha atrevida versión neste rexistro de La línea del frente de Kortatu‒e electro-cumbia con ritmos tropicais e letras sociais.
Galicia será o territorio convidado de honor á vindeira edición do Festival Intercéltico de Lorient. Así o confirmou a propia organización do evento, que presentou nunha conferencia de prensa o cartel promocional da cita para o 2019, no que se fai referencia á 49ª edición como “O ano de Galicia”. A nova foi tamén publicada no propio web do festival. No presente ano o territorio convidado de honor é o País de Gales. Con 48 anos de historia, o Festival reúne en cada edición máis de 4.500 artistas de Bretaña, Escocia, Gales, Cornualles, Illa de Man e Irlanda, así como de Galicia e Asturias.
Atardecer no Gaiás chega xa á penúltima semana da súa edición 2018. Nesta ocasión, o ciclo de concertos que pon a banda sonora aos solpores do verán na Cidade da Cultura trae tres apostas orixinais, sorprendentes e reivindicativas chegadas de tres recantos da Península: Rodrigo Cuevas (Asturias), Pony Bravo (Andalucía) e Las Odio (Madrid). Os encargados de arrancar a semana este xoves serán o grupo sevillano Pony Bravo, que traerá ao Gaiás o característico humor que tingue as súas letras ‘protesta’, á vez que un directo sempre encomiado que os ten levado a festivais como o Primavera Sound e a cidades como Bos Aires ou Caracas.
Uxía e Rodrígo Romaní actúan esta semana no Festival Intercéltico de Lorient, encabezando a ampla delegación galega que desde o pasado día 3 participa neste histórico encontro da cultura celta. Uxía subirase este xoves ao escenario do Theâtre de Lorient para presentar o seu traballo Uxía-o, o seu persoal tributo á obra de Uxío Novoneyra. Pola súa banda, Rodrigo Romaní actuará o sábado á noite na gran gala da arpa celta que terá lugar no Palacio de Congresos, onde esa mesma mañá ofrecerá unha master class.
A Cidade da Cultura programa para as noites dos venres de final do verán unha descuberta diferente e distendida das grandes exposicións que acolle arestora o Museo Centro Gaiás: Baldomero Pestana, a verdade entre as mans e Galicia Universal. A arte galega nas colección de ABANCA e Afundación. Será a través das Nocturnas, unhas visitas comentadas moi especiais, fóra do horario habitual de apertura do centro, que rematarán da mellor maneira: con boa música e petiscos.
| 111,4  de  289 | Siguiente »

Notas cultura

O Día das Letras Galegas dedicado a María Victoria Moreno ocupa os espazos centrais das librarías e bibliotecas cos títulos da escritora á que a Real Academia Galega homenaxeará o 17 de maio, mais tamén con libros nos que ela é a protagonista.
A Xunta canaliza a súa achega a esta mostra internacional de documentais a través da convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais. O programa deste ano estende a súa duración a seis días, do 26 de abril ao 1 de maio, ademais de aumentar o número de actividades e os filmes de estrea, entre outras novidades.
A obra do máis recoñecido dos autores escandinavos pode verse ata finais do ano 2018 no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia, comezando por títulos como Xogos de verán, Un verán con Mónica ou Amorodos salvaxes. Continúa no mes de maio coa célebre O sétimo selo.
A xornalista monfortina Julia Otero é a gañadora da XIV Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. A premiada afirmou sentirse "abrumada e mandou "un recordo especial" á familia de Couso.
Os Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do CCG coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, cumpren dúas décadas arredor da normalización lingüística cun programa no que, baixo o subtítulo de “Paso a paso, man con man. Deporte e lingua”.
Promovida polo Centro de Emprendemento do Gaiás, a iniciativa busca apoiar, formar e pór en valor profesionais e emprendedores do sector cultural e creativo. Nesta primeira edición CREAGAIÁS pon o acento na importancia da marca e imaxe persoal para emprendedores e profesionais do sector creativo, e en como xestionala de forma eficaz a través das redes sociais. Lanzouse un concurso dirixido a instagramers para publicar fotografías relacionadas co emprendemento.
Trinta e cinco palabras lle abondaron a Silvia Camesella Gesteira, natural de Nigrán, para facerse co primeiro premio do concurso de micro-relatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal, entidades que amosaron a súa satisfacción pola alta participación rexistrada e a calidade dos textos recibidos.
O Roteiro, conducido polo historiador Emilio Grandío, a investigadora María Lopo e a actriz Mabel Rivera, celebrarase o sábado 7 de abril a partir das 11.30 h. cun máximo de 25 prazas previa inscrición. O mércores 11 de abril, ás 20.00 h, a Casa Museo Casares Quiroga acollerá un coloquio sobre a figura da actriz coa participación de María Lopo, da actriz e investigadora Sabela Hermida e o dramaturgo Ernesto Is, gañador do Premio Rafael Dieste cun texto dramático sobre a vida de María Casares.
As editoriais e produtoras participantes reuniranse na Cidade da Cultura en setembro na procura de novos proxectos en común. No caso das editoriais, poderán presentar un máximo de cinco títulos que participen por primeira vez nesta iniciativa e se correspondan con obras orixinais galegas ou traducións.
Concello de Santiago vén de adherirse ao proxecto denominado "As pegadas de Rosalía", unha Ruta Rosaliana da que tamén forman parte os concellos de Padrón, Ames e Brión. Trátase dun itinerario circular que parte da praza de Vigo e chega ao Panteón de Galegos Ilustres, despois de percorrer lugares vinculados á vida de Rosalía de Castro.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES