
Deste xeito, as noites do 24 e 31 de agosto e do 7 e 14 de setembro o Museo Centro Gaiás acollerá á caída da noite 21 horas As Nocturnas 2018, visitas comentadas ás exposicións que inclúen unha sesión DJ e unha degustación e cata de queixos, grazas á colaboración da D.O.P. Arzúa Ulloa.
As Nocturnas propoñen así unha viaxe emocional polas exposicións máis sensitiva aínda grazas ao ambiente íntimo e distendido que se xera nesta actividade. Grupos de máximo 30 persoas como únicos visitantes do Museo, música axeitada para o momento, espazo para a conversa e petiscos fan das Nocturnas un acubillo de creación, ritmo e lecer para as últimas noitiñas do verán. As dúas primeiras sesións achegaranse á mostra de Baldomero Pestana, mentres que as dúas últimas será a quenda de Galicia Universal. As entradas para as catro sesións xa están dispoñibles a través dos puntos de venda habituais e pode consultarse máis información sobre a actividade en cidadedacultura.gal.
Mergullarse no universo de Baldomero Pestana
As Nocturnas arrancan o venres 24 de agosto vinculadas á exposición Baldomero Pestana, a verdade entre as mans. As dúas primeiras sesións da actividade supoñen unha oportunidade de mergullarse dun xeito singular na vida e na obra deste fotógrafo galego (Castroverde, Lugo. 1917-2015), moi descoñecido entre o gran público, pero un referente da imaxe da segunda metade do século XX. Trátase da mostra máis ambiciosa realizada ata o momento sobre Pestana e recolle arredor de 150 fotografías que inclúen retratos de escritores e intelectuais como Pablo Neruda, Gabriel García Márquez, Mario Vargas Llosa, Man Ray, Dizzy Gillespie ou Adolfo Bioy Casares; así como imaxes de denuncia social tomadas durante o seu traballo como fotoxornalista. As Nocturnas suporán unha das últimas oportunidades para achegarse ata esta exposición, que pecha as súas portas o 2 de setembro.
Galicia Universal, protagonista das Nocturnas de setembro
Nos dous primeiros venres de setembro será a quenda de Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación. Nesta ocasión, as persoas participantes poderán facer un percorrido guiado pola arte galega dos últimos 150 anos a través das case 200 pezas desta mostra, entre pinturas, esculturas, fotografías e instalacións. Galicia Universal, que pode visitarse ata o 14 de outubro, reúne por vez primeira a máis dun cento dos artistas galegos máis relevantes, como Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez de Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Vieitez, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Arturo Souto, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro, ou Antía Moure, entre outros moitos.
As Nocturnas propoñen un percorrido comentado a través das distintas seccións que artellan a exposición e que permiten descubrir desde os grandes murais de Laxeiro, Lugrís ou Castelao, á representación da muller como imaxe do país, ou aos artistas máis contemporáneos, entre a abstracción e a nova figuración.
Verán no Gaiás
As Nocturnas enmárcase na programación de verán da Cidade da Cultura para 2018, que inclúe 67 actividades culturais e de lecer, pensadas para todos os públicos, que se desenvolven tanto no Museo Centro Gaiás como nos espazos exteriores do complexo. Ao longo de tres meses ata mediados de setembro, prevese que participen máis de 50.000 persoas en ciclos que xeran grande expectación e demanda como os concertos de Atardecer no Gaiás, as acampadas para a cativada de Unha noite no Bosque, Cidade Imaxinaria, Camiño ao Gaiás ou as Visitas Astronómicas. En cidadedacultura.gal pode consultarse toda a programación.
Un total de 596 centros de Primaria e Secundaria de toda Galicia van participar o vindeiro curso no programa de ensino híbrido E-Dixgal. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP incorpora á iniciativa, a petición dos centros, dous colexios e deciden saír outros tres, de xeito voluntario. En concreto, os centros de nova incorporación son os colexios CEIP de Castrelo de Miño (Castrelo de Miño, Ourense) e o CEIP de Valeixe (A Caniza, Pontevedra). No que atinxe ás renuncias, son as do CEIP de Zalaeta (A Coruña), CEIP Península da Paz (Cervo) e a do Instituto Martaguisela (O Barco).
Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos. Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados.