Notas de prensa

María Victoria Moreno, protagonista tamén do Día do Libro en Galicia

O Día das Letras Galegas dedicado a María Victoria Moreno ocupa os espazos centrais das librarías e bibliotecas cos títulos da escritora á que a Real Academia Galega homenaxeará o 17 de maio, mais tamén con libros nos que ela é a protagonista.

Varias propostas son biografías para público máis novo pero tampouco faltan outras para o adulto que profundan na vida persoal, na análise do seu legado literario e tamén no seu activismo cultural, desde o labor docente ata o de editora. Todas elas son un convite para reler, ou descubrir, a escrita dunha autora que, malia nacer e medrar fóra de Galicia, axiña fixo súa a lingua do país no que se estableceu definitivamente.

María Victoria Moreno, unha muller brava. Urco editora dedicou en 2016 o segundo título de Mulleres bravas da nosa historia a María Victoria Moreno, meses antes de que a Academia decidise facela protagonista das Letras Galegas 2018. Continuaba así a colección, inaugurada con Rosalía de Castro, cunha aposta daquela arriscada, conta a autora do texto, Eli Ríos, porque a súa figura permanecía para moita xente "no esquecemento". "Cando presentamos os dous primeiros libros da colección no Culturgal a xente dicía: Quen é esta muller que acompaña a Rosalía? Houbo críticas moi fortes por esta escolla desde o sector cultural, pero ao mesmo tempo produciuse un levantamento da memoria e unha acollida moi boa por parte do público. Comezaron a achegársenos profesoras de galego que nos dicían: ‘Eh! Foi a miña profe!', e persoas que recordaban que leran novelas súas como Anagnórise ou traducións ao galego como a que fixo de Mecanoscrito da segunda orixe", recorda.

O volume, ilustrado por Eva Agra, diríxese ao público máis novo, pero non en exclusiva. "É unha biografía moi sinxeliña, esquemática, pero se queres profundar en María Victoria Moreno dámosche os primeiros pasos para que o poidas facer e, ao mesmo tempo, introduce as crianzas nunha escritora que non teñen como referente", sinala Eli Ríos. Para ese público máis novo recorreuse á axuda de Navia, a rapaza que vai explicando de maneira amena as palabras e os conceptos máis complicados.

Unha historia de amor. Lela Edicións publicou no ano 2017 outra obra sobre a autora dirixida ao público de menos idade, Unha historia de amor. Pequena biografía de María Victoria Moreno, unha lectura recomendada a partir dos 6 anos. Joanna Lorenzo Montero percorre a través das páxinas deste libriño a vida da escritora e Tania Solla ponlle forma e cores coas súas ilustracións. O título dedicado á protagonista das Letras Galegas 2018 forma parte doutra serie que xurdiu co propósito de visibilizar a mulleres afoutas do país, a Colección Mulleres Galegas, na que comparte andel coa oceanógrafa Ãngeles Alvariño, a pintora Maruja Mallo e a mestra e pedagoga Ernestina Otero.

A muller que durmía pouco e soñaba moito. "Eu debo moito aos soños e sería inxusto non recoñecelo porque neles achegueime a situacións marabillosas, resolvín algunhas incertezas do meu vivir e mesmo atopei argumentos para os libros que escribo". Esta cita do Diario da luz e a sombra (2004) abre a biografía para o público infantil e xuvenil da súa autora que asinan en Xerais as académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito. O libro é "un acto de cariño" que escolle como punto de partida o que acontencía na libraría Xuntanza de Pontevedra, da que Moreno era socia, e segue o fío da súa traxectoria desde a infancia, os anos de formación académica e a súa chegada a Galicia en 1963 ata todo o que viría despois: a vida como escritora e docente e tamén a súa actitude valente ante o cancro que sufriu. Ambas as autoras desta obra coñeceron persoalmente a biografiada e, coma ela, dedican boa parte da súa produción literaria aos lectores e lectoras máis novos.

A voz insurrecta. "Esta María Victoria Moreno foi sempre / snob e insurrecta, / o que leva a moita honra, / anque moitos paus lle deran". Este autorretrato que a escritora debuxou no pregón que leu na Feira do Libro de Pontevedra de 2003 inspira o título da biografía que Galaxia presenta da protagonista deste 17 de maio, A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. A autora, Montse Pena Presas, combina a investigación das fontes co relato biográfico e a análise da obra literaria da escritora. Quizais o obxectivo principal da profesora de Didáctica de Lingua e da Literatura da USC con este volume sexa, expresa ela mesma no limiar, divulgar e animar á lectura da obra dunha autora de textos "esencialmente breves, mais fundamentais para entender as orixes e o primeiro desenvolvemento da literatura infantil e xuvenil galega".

Sementadora de futuro. Isabel Soto e Xavier Senín comparten a autoría de María Victoria Moreno. Sementadora de futuro, a biografía da protagonista das Letras Galegas 2018 editada por Xerais para o público adulto. "Pareceunos un título moi acaído porque a María Victoria Moreno lle gustaba moito ensinar e estar coa xente nova", conta o tradutor Xavier Senín, amigo persoal dela. El foi quen tras o seu pasamento editou os poemas reunidos baixo o título Elexías de luz e traduciu ao galego Onde o aire non era brisa, a novela que María Victoria Moreno escribira en castelán en 1969, antes de se instalar definitivamente na nosa lingua tanto na literatura como na vida. A coautora deste volume tamén se dedica á tradución e mais á edición e á divulgación da literatura infantil e xuvenil.

Doce cartas a María Victoria Moreno. A escritora e tradutora Ãnxela Gracián ofrece para estas Letras Galegas 2018 Doce cartas a María Victoria (Hércules de Ediciones), unha biografía novelada sobre María Victoria Moreno dirixida ao público infantil e xuvenil contada por un dos seus personaxes, o lobo Garimoso de Mar adiante (1973), que pasa varias noites coa nena Mariquiña sen papala porque a escritora o soñou bondadoso. Fascinado por esa vida de lobo que non se ve na obriga de comer carapuchiñas, Garimoso le todos os libros de María Victoria Moreno, os escritos por ela e os que sobre ela se escribiron, e decide enviarlle doce cartas nas que vai narrando a vida da escritora. "O resultado foi unha biografía posible, que concibe a súa vida como unha historia de ficción entrecruzando o estilo histórico das biografías co novelesco das biografías literarias", conta a autora no limiar. A obra foi ilustrada por Antonio Seijas.

Real Academia Galega (RAG), 2017-04-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (ensino-edixgal.jpg) Un total de 596 centros de Primaria e Secundaria de toda Galicia van participar o vindeiro curso no programa de ensino híbrido E-Dixgal. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP incorpora á iniciativa, a petición dos centros, dous colexios e deciden saír outros tres, de xeito voluntario. En concreto, os centros de nova incorporación son os colexios CEIP de Castrelo de Miño (Castrelo de Miño, Ourense) e o CEIP de Valeixe (A Caniza, Pontevedra). No que atinxe ás renuncias, son as do CEIP de Zalaeta (A Coruña), CEIP Península da Paz (Cervo) e a do Instituto Martaguisela (O Barco).
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos. Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados.

Notas

Galicia prepárase para acoller a edición máis expansiva do festival Pint of Science, que este ano se celebrará de xeito simultáneo en 14 localidades galegas do 18 ao 20 de maio. O evento, que busca sacar a ciencia dos laboratorios e levala ao ambiente distendido dos bares, marca un fito en 2026 ao consolidar a súa presenza tanto nas sete grandes cidades como en concellos do rural e vilas de toda a xeografía galega.
Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, 'unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español'. A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES