Noticias

O punk feminista de Las Odio, a zarzuela bufa de Rodrigo Cuevas e o humor de Pony Bravo, esta semana en ‘Atardecer no Gaiás’

Atardecer no Gaiás chega xa á penúltima semana da súa edición 2018. Nesta ocasión, o ciclo de concertos que pon a banda sonora aos solpores do verán na Cidade da Cultura trae tres apostas orixinais, sorprendentes e reivindicativas chegadas de tres recantos da Península: Rodrigo Cuevas (Asturias), Pony Bravo (Andalucía) e Las Odio (Madrid). Os encargados de arrancar a semana este xoves serán o grupo sevillano Pony Bravo, que traerá ao Gaiás o característico humor que tingue as súas letras ‘protesta’, á vez que un directo sempre encomiado que os ten levado a festivais como o Primavera Sound e a cidades como Bos Aires ou Caracas.

Con claras influencias do rock andaluz dos 70, Pony Bravo nacía a comezos de 2006 en Sevilla formado por Daniel Alonso, Pablo Peña, Javier Rivera e Darío del Moral. Ademais de cancións míticas da súa carreira, traerán ao Gaiás os seus ritmos máis frescos, pois precisamente o pasado mes de maio lanzaban tres novos temas –‘Rey Boabdil’, ‘Espectro de Jung’ e ‘Piensa McFly’– tras cinco anos de silencio desde o seu traballo anterior De palmas y cacería.

Coma sempre, a cita será no escenario Alhambra da Praza Central da Cidade da Cultura ás 21 horas, para un concerto con entrada libre e de balde. Nesta ocasión ademais, tras a actuación de Pony Bravo a festa continuará cunha sesión DJ a cargo de ‘La Isla del Tesoro’, por cortesía de A Cantina do Gaiás.

Asturias irreverente e punk feminista

A noitiña do venres será a quenda de Rodrigo Cuevas co seu inclasificable espectáculo ‘El mundo por montera’. Con este segundo traballo en solitario, o artista asturiano procura unha chamada de atención sarcástica en formato de zarzuela bufa, feita desde Asturias e para o mundo, na que amosa o seu particular universo.

Un mundo tradicional, rural e excéntrico, pero ao mesmo tempo urbano, crítico e tecnolóxico reflíctese no escenario nun traballo persoal e atrevido que une folclore, música popular e gargallada, enfiado cunha grande calidade musical e vocal. Cun proxecto no que mestura o traxe rural con aires de cabaré e a música tradicional cantada en bable con bases electrónicas e reggaetón, Rodrigo Cuevas destila humor e amor polo folclore asturiano a partes iguais e promete non deixar a ninguén indiferente.

Para finalizar a semana, a banda madrileña Las Odio, inserida no movemento punk feminista Riot grrrls, chega ao Gaiás coa promesa de que o público non parará de bailar desde o primeiro ao último tema. Formado por Ágata Ahora (guitarra), Ali Holgado (batería), Paula JJ (voz e sintes) e Sonsoles Rodríguez (baixo) o cuarteto nace en 2015 no underground madrileño ¬–ou infraground nas súas propias verbas–. Cando dous anos despois ve a luz o seu álbum debut, Futuras esposas, Las Odio deixa de ser o segredo mellor gardado da escena musical da capital para saltar ás páxinas da prensa cultural, que as clasifica entre o máis prometedor do ano, resaltando a frescura e o descaro do seu son.

Con ritmos entre o post-punk, o pop, o rock, o yeyé ou o garage, as súas letras divertidas, afiadas e feministas móvense entre o discurso xeracional e a narración costumista, sempre desde a ironía e o humor máis acedo.
Recta final dos solpores musicados no Gaiás

Atardecer no Gaiás encara así xa a recta final das 21 actuacións que o ciclo programa o para este verán 2018, nunha edición caracterizada —ademais de por unha maior presenza das músicas urbanas— pola aposta por voces femininas. A actividade, organizada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia conta coa colaboración do Inaem e o patrocinio de Cervezas Alhambra. En cidadedacultura.gal pode consultarse máis información sobre os concertos, que están a ter lugar na Praza Central do Gaiás –con entrada libre e de balde– todos os xoves, venres e sábados do verán ás 21 horas ata o 18 de agosto.

R., 2018-08-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES