
O Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui presentou a súa décimo cuarta edición, que terá lugar do 26 de abril ao 1 de maio, intensificando a súa programación tanto en días de celebración como de actividades e filmes de estrea, entre outras novidades. A organización da mostra volve contar este ano co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que se materializa nunha achega económica de 28.863 euros a través da convocatoria anual de subvencións a festivais do sector audiovisual.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto a Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; Ángel Sánchez, director do Play-Doc, e Beli Martínez, reponsable da programación de cine galego.
Potencial galego
Na súa intervención, Jacobo Sutil referiuse especialmente á destacada atención que a mostra de Tui lle concede sempre ao cinema galego. Nesta edición, ofreceralle ao público unha escolma de 10 documentais, que deixan constancia do potencial galego neste ámbito: Alberto García Alix. La línea de la sombra (Nicolás Combarro), Algunhas nubes flotan lonxanas (Gonzalo E. Veloso), M. (Ángel Santos), Nueva Galicia (Iván Nespereira), O salvaxe leva o seu tempo (Oliver Laxe), O fareiro de Sálvora (Gloria Vilches), Os fillos da vide (Ana Domínguez), Caerán lóstregos do ceo e Salitre nas veas (Adrián Canoura) e Trinta lumes (Diana Toucedo).
Galicia posúe realizadores e cineastas que defenden a súa mestría e o seu talento no xénero documental con presenza, mencións e premios nas principais citas internacionais do sector por todo o mundo, sinalou, ao tempo que subliñou a participación nesta edición de Lois Patiño, Oliver Laxe e Eloy Enciso na sección Tres procesos. Nela, compartirán cos asistentes os proxectos nos que están traballando nestes momentos e como afrontan o seu desenvolvemento técnico e creativo.
Sutil incidiu, así mesmo, no reforzo da programación do Play-Doc: Máis días de celebración, máis actividades paralelas e en colaboración con novos socios estratéxicos, máis accións de formación e de intercambio profesional e máis películas documentais de estrea, no só en Galicia, senón para toda España, sinalou.
Así, por exemplo, a sección competitiva de 2018 presenta cinco estreas que, segundo a organización, trazan un itinerario da diversidade do cine dos nosos días. Trátase de The Waldheim Waltz, de Ruth Beckermann; Going South, de Dominic Gagnon; Lamaland, de Pablo Sigg; Terra Franca, de Leonor Teles, e Les Unwanted de Europa, de Fabrizio Ferraro.
Retrospectivas
Ao tempo, o Play-Doc continúa fiel ao seu obxectivo de recuperar e redescubrir para o público tanto autores de culto como obras mestras pouco coñecidas. Nesta edición, o festival dedicaralles retrospectivas a Peter Emanuel Goldman, considerado un dos xenios esquecidos do New American Cinema, e aos brasileiros Aloysio Raulino e Ozualdo Candeias.
O ciclo (Anti)heroínas, que abordará a representación das mulleres no cinema; a programación musical cos concertos de Rubblebucket e de Esteban & Manuel, este último en colaboración co Festival Sinsal Son Estrella Galicia; ou a celebración do Día do Cine Doméstico son outras das citas destacadas do cartel deste ano.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.