Noticias

Os complexos hospitalarios universitarios de Santiago de Compostela e de Vigo, seleccionados para a administración de terapias CAR-T a pacientes adulto

Os complexos hospitalarios universitarios de Santiago de Compostela e de Vigo veñen de ser seleccionados para a administración de terapias CAR-T en pacientes adultos. Esa designación formalizarase mediante resolución da Secretaría de Estado de Sanidade, logo da validación por parte do Grupo Institucional do Plan para a Abordaxe das Terapias Avanzadas no Sistema Nacional de Saúde. Galicia xa dispoñía desde 2022 de dous centros designados polo Ministerio de Sanidade para a administración de terapia CAR-T: o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña administraba estes medicamentos avanzados en pacientes adultos e o de Santiago de Compostela en pacientes pediátricos.

Concretamente, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña xa fora designado como pertencente á rede de centros autorizados para o uso de medicamentos CAR-T para o tratamento de pacientes adultos con linfoma difuso de células grandes B recidivante ou refractario, linfoma recorrente ou refractario de células de manto e mieloma múltiple en recaída e refractario no Sistema Nacional de Saúde.

Pola súa parte, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela fora elixido como pertencente á rede de centros designados para o uso de medicamentos CAR-T para o tratamento de pacientes pediátricos con leucemia linfoblástica aguda de células B refractaria.

O plan de acceso a terapias avanzadas de Galicia ten como misión coordinar aos diferentes actores do sistema de saúde para garantir a equidade no acceso, a eficiencia na administración e o seguimento da efectividade dos tratamentos. Este plan está aliñado coas políticas nacionais de saúde, e adaptado ás necesidades e capacidades específicas da comunidade.

Tendo en conta o aumento de novas indicacións destes medicamentos en patoloxías prevalentes en Galicia, así como a experiencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo no manexo das terapias CAR-T, considerouse necesario traballar na ampliación do modelo organizativo da administración destas terapias avanzadas, para poder dar resposta ás necesidades asistenciais reais dos pacientes da nosa comunidade.

En aras da equidade e a homoxeneidade de acceso en todo o Sistema Nacional de Saúde, a inclusión de novos centros en Galicia garante a oportunidade de que todos os pacientes que sexan clinicamente candidatos a estas terapias poidan ser tratados na súa comunidade autónoma de orixe, sen que a distancia xeográfica sexa un problema para eles nin para as súas familias ou coidadores.

Un total de 136 pacientes tratados

En Galicia xa se trataron 136 pacientes con estas terapias, as cales supuxeron un investimento de 19 millóns de euros, tendo en conta que o pago destas terapias faise en función dos resultados obtidos no paciente.

Cabe destacar que os tres centros galegos actualmente designados para a utilización destes medicamentos participan tamén en ensaios clínicos con CAR-T, tanto industriais como académicos.

O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago participou no ensaio clínico do CAR-T académico ARI0002h, na indicación de mieloma múltiple en recaída/refractario, desenvolvido e promovido polo Hospital Clínic de Barcelona.

Esta participación permitiu a inclusión do centro galego na autorización de uso do dito medicamento unha vez finalizado o ensaio clínico, no programa de uso compasivo, dando lugar así á administración do primeiro CAR-T para mieloma múltiple en territorio galego e evitando o desprazamento deses pacientes a outras comunidades autónomas.

Nestes momentos, está en proceso de solicitude da autorización de uso para a indicación de mieloma múltiple autorizada pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, o cal podería permitir a fabricación do dito medicamento académico no Centro de produción de terapias avanzadas de Galicia.

R., 2025-05-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES