Buscador
Noticias
Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.
A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
A Xunta habilitou un apartado específico dentro da web de MeteoGalicia para facilitar o acceso e as consultas relacionadas coa predición do tempo en todos os concellos galegos durante a xornada da eclipse solar, prevista para o 12 de agosto. Galicia será unha das rexións nas que mellor se poderá observar este fenómeno astronómico, aínda que non en todas as zonas se apreciará por igual. No espazo web dedicado ao tempo durante a eclipse hai un mapa con todos os concellos sobre o que se indica en cales será total.
A Cidade da Cultura programa no mes de agosto en Atardecer no Gaiás catro solpores musicais con seis artistas que conxugan música urbana, pop, electrónica e rock para todos os gustos. Os concertos gratuítos ¡arrancan este xoves día 6 coas guitarras e a distorsión de Dogo, grupo compostelán de rock alternativo con influencias do post-punk e o shoegaze, a partir do que constrúen temas de atmosferas densas e melodías envolventes en galego. O trío formado por Carlos Beiró, Xoan Escudero e Ángel Refojo publicou o ano pasado o seu primeiro EP, Brutalismo.
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, valorou os últimos datos de paro rexistrado e afiliacións á Seguridade Social, destacando que Galicia alcanza por segundo mes consecutivo o máximo histórico de afiliacións, con 1.135.950 cotizantes. Ao mesmo tempo, a Comunidade rexistra o menor número de persoas desempregadas nun mes de xullo de toda a serie, con 107.322 persoas paradas. No referido ás afiliacións, estas medran tanto na comparativa anual como na mensual. Galicia conta con preto de 22.500 afiliacións máis que hai un ano (+2,02 %) e con case 13.000 cotizantes máis que en xuño (+1,15 %), sendo a 3ª comunidade autónoma na que máis aumentan as afiliacións.
Co obxectivo de pór en valor os máis de 2.555 quilómetros de litoral que posúe Galicia, a Xunta ven de lanzar o Camiño do Litoral. Trátase dun itinerario único que discorre por 78 municipios costeiros a través de 52 etapas, concibido para ofrecer unha alternativa de turismo sustentable e amosar a convivencia entre a conservación ambiental e o desenvolvemento socioeconómico da zona. Esta gran ruta vertebradora, que xurde como unha das medidas clave ao abeiro da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, conecta espazos naturais, vilas mariñeiras e un rico patrimonio.
A Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) continuou avanzando durante 2025 coa posta en marcha de novas actuacións para acelerar a transformación dixital da Comunidade. O balance anual, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), recolle avances en todos os eixes estratéxicos da Estratexia e unha actualización das súas metas para o final da década. O investimento mobilizado ao longo do pasado exercicio foi de 390,3 millóns de euros, entre capital público e privado.