
En todo caso, a visibilidade do fenómeno dependerá en gran medida das condicións meteorolóxicas, de aí a importancia de consultar a previsión para a xornada do 12 de agosto no lugar de observación escollido. Neste sentido, cando queden tres días para a eclipse, desde o novo espazo web habilitado pola Xunta poderase acceder pinchando sobre cada concello a unha pestana co prognóstico meteorolóxico para a mañá, a tarde e a noite do 12 de agosto, ademais de toda a predición detallada.
Tamén se dará acceso ás cámaras web das que dispón MeteoGalicia en diferentes puntos da Comunidade (e que permiten comprobar en tempo real o estado do ceo) e ás imaxes que ofrece o satélite.
Toda esta información específica virá complementar os datos que de forma habitual xa están dispoñibles para consulta na páxina web do servizo meteorolóxico autonómico, e que inclúe, entre outros, datos sobre a situación do tempo en xeral en Galicia, avisos, índice UV, radar ou risco de incendios por zonas.
Para minimizar os posibles efectos sobre a contorna, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático preparou tamén unha serie de recomendacións e pautas dirixidas ás persoas que teñan previsto gozar da xornada da eclipse desde algún espazo natural.
Cómpre lembrar que a visibilidade real da eclipse pode variar pola presenza de montes, edificios ou outros obstáculos cara ao oeste, polo que é clave escoller un lugar cun horizonte despexado e pouca contaminación luminosa.
Neste sentido, o departamento autonómico pon á disposición da cidadanía a través do portal oficial da eclipse da Xunta dous decálogos de conduta a ter en conta para aquelas persoas que vaian observar este fenómeno en plena natureza.
Gozar da eclipse sen deixar pegada
Baixo o lema Cos pés na terra e os ollos no ceo, a Consellería incide na importancia de seguir os sendeiros sinalizados ao transitar por estes espazos, respectar a vexetación e a fauna locais, entrar só polos accesos permitidos, afastarse de cantís ou zonas perigosas, minimizar o ruído e o as luces artificiais, deixar a zona limpa, evitar o uso de drons sen autorización e planificar con antelación a visita para evitar aglomeracións e imprevistos.
Así mesmo, o segundo decálogo céntrase na xestión e minimización do lixo co obxectivo de garantir un Eclipse sen pegada. Neste caso, as pautas a seguir que ofrece o departamento autonómico céntranse na redución dos residuos xa en orixe, primando o uso de obxectos reutilizables e minimizando o material que se leva; na recollida dos alimentos e envases sobrantes, así como do microlixo (tapóns, cabichas...); no uso correcto dos contedores dispoñibles, depositando as gafas desbotables no da fracción resto; no seguimento das indicacións locais; e no respecto á contorna natural.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.