Archivo (4 del 2026)

Buscador

Noticias

Foron presentadas as xornadas Galicia Biodays, que buscan posicionar Galicia como un territorio de referencia en innovación biotecnolóxica no ámbito internacional. Este evento vaise celebrar os días 6 e 7 de maio no Auditorio Mar de Vigo, e permitirá reforzar a marca Galicia Calidade en biotecnoloxía, fomentar o intercambio de coñecemento e establecer novas colaboracións científicas, empresariais e institucionais. Está previsto que asistan máis de 1000 persoas de 9 biorrexións convidadas, con máis de 130 relatores.
Galicia pechou o primeiro trimestre deste ano con máis poboación empregada que hai un ano. Neste sentido, os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados hoxe e relativos ao primeiro trimestre deste ano reflicten unha suba de 28.000 persoas ocupadas en relación ao ano pasado, lixeiramente superior á do conxunto do Estado e acadando, con 1.178.100, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde 2008. Ademais, a comunidade rexistra a maior taxa de emprego (49,30) nun primeiro trimestre en 18 anos e unha taxa de paro menor (8,96) que no conxunto de España (10,83). Ademais, as taxas galegas de paro feminino (9,51) e xuvenil (24,30) tamén son máis baixas que no conxunto do Estado (onde son de 12,35 e 24,54 respectivamente).
O FaCeLa Fest reúne este ano a 18 bandas, encabezadas polos ingleses Temples, os galegos Triángulo de Amor Bizarro, os asturianos Australian Blonde e as madrileñas Shego. Completan o cartel o novo proxecto lucense The Foolans, Bernal, Axolotes Mexicanos, Los Palms, Pacífica, Ripship, Error 97, Sigilu, Filophóbicas, Toldos Verdes, Las Yhadys, Aeronave Adolescente, Fotocopia e Sapo Bufo. O escenario principal trasládase nesta edición á Sala Tebras pero haberá tamén concertos noutros espazos da cidade, como o Bar Facela, no barrio da Tinería.
Alfonso Rueda informou de que o Consello deu conta do inicio da tramitación do anteproxecto da que será 'a primeira Lei do terceiro sector da acción social de Galicia'. Unha norma que busca 'unificar nun único texto legal a regulación deste eido e recoñecer de xeito formal o seu traballo e o papel que xogan as entidades na sociedade galega'. A necesidade de aprobar esta lei xustifícase na importante presenza destas entidades en Galicia, preto de 1.500, -que constitúen 'unha auténtica rede de solidariedade', segundo resaltou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García-, para apoiar as persoas e fogares máis vulnerables.
Galicia aposta por ampliar as melloras no ensino tamén ás etapas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional con novas propostas en materia de ratios, atención á diversidade e horario docente, dentro da vía de diálogo aberta entre Xunta e sindicatos. As propostas, que se elevarán aos órganos pertinentes coa previsión de comezar a aplicalas desde o novo curso que arranca en setembro, abordan melloras nas ratios de estudantes por aula na ESO e no Bacharelato, na atención que se presta ao alumnado que máis o precisa e na configuración do horario do profesorado e das súas funcións.
O festival Play-Doc desenvolverá do 29 de abril ao 3 de maio en Tui a súa 22ª edición para conectar memoria, creación actual e futuro do cinema galego e internacional. No ámbito galego, a programación desta edición volve ocupar un lugar central cunha Competición Galicia que reúne títulos de Xiana do Teixeiro, Roi Fernández, Xacio Baño, Adrián Canoura, Cristina Souto, Hugo Amoedo, Bea Lema, Berio Molina e Chloé Lecci López, entre outras voces. O festival mantén, ademais, a sección Sombras, dedicada nesta ocasión á recuperación da figura de Rafael Luca de Tena, e unha nova edición de Coming Soon, espazo no que se presentarán proxectos galegos en desenvolvemento. O Play-Doc continúa a reforzar a súa función de escaparate e plataforma de difusión para a produción audiovisual do país e como punto de encontro para novas obras e profesionais.
Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 2 ao 10 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 14 ao 17 de maio; Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
Estase a celebrar a Asemblea Xeral anual de NECSTouR, a rede de rexións europeas centrada en promover o turismo sostible e competitivo. A xuntanza que se desenvolve baixo o lema 'Turismo e cultura: da creación ao legado -construíndo territorios resilentes e conectados' ten lugar estes días en Bourges, no Val de Loira (Francia), e no marco da mesma, a entidade vén de acordar a celebración da vindeira cita anual en Galicia coincidindo co Xacobeo 2027. En NECSTouR están representadas un total de 44 rexións europeas e 32 organizacións académicas, asociacións e redes de empresas de turismo sostible, que representan a 19 países europeos.
O número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua medra en case nove puntos ata acadar o 72 %, isto é, sete de cada dez galegos. Ademais deste incremento do 13 por cento na lectura ocasional ou habitualmente en galego con respecto ao ano anterior, o estudo de 2025 tamén revela a consolidación dunha Galicia lectora, reflectida no sindicadores que sinalan que o 96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio e soporte, o que sitúa a nosa Comunidade nun 1,4% por enriba da media de España. Ademais, o 70 % destas lecturas son de libros.
Inspirada no Camiño da Traslatio, Saias do mar é un espectáculo de danza contemporánea que homenaxea a muller galega como forza ancestral ligada ao mar. A peza transforma o corpo nun territorio fluído e propón unha lectura coreográfica do feminino como memoria viva e indómita, depositaria dunha herdanza espiritual e simbólica, vencellada á ruta sagrada que trouxo o corpo do apóstolo Santiago por vía marítima ata estas terras. Juan Miguel Hernández é o autor da coreografía desta montaxe dirixida por Nerea Andrés, e ambos forman tamén parte do elenco xunto a Dayron Rodríguez, Irene Lorenzo, Laura Pereiras, Lucía Fontenla, Alba Fariña e Zoe Amor. A proposta, de 40 minutos de duración e pensada para poder executarse en todo tipo de espazos, complétase cunha selección musical de Rosa Cedrón, Daniel Minimalia e Luar na Lubre, vestiario de Santos Salgado e atrezzo de Elva Bernat.
« Anterior | 1  de  4 | Siguiente »

Archivo

2026 (121)

2025 (461)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES