Noticias

O 'Festival Ou Yeah!' situará a Ourense nun destino turístico atractivo e singular nos meses de xuño a outubro

A edición 2026 artéllase arredor dun formato expandido, con varias datas e localizacións ao longo da provincia, convertendo cada encontro nunha peza dun ecosistema cultural máis amplo. O 6 de xuño, en Expourense será a cita inaugural co rock lendario de Loquillo, o magnetismo vintage de Kitty, Daisy & Lewis e o fenómeno galego do momento, The Rapants. O 31 de xullo, na Praza da Veracruz do Carballiño a banda Burning, ofrecerá un concerto gratuíto; e o 4 de outubro, no Pazo de Deportes Paco Paz, o festival culminará o regreso de Luz Casal a Ourense. Loquillo, icona indiscutible do rock estatal con case cinco décadas de traxectoria, chega en plena xira do seu último traballo Corazones Legendarios, cun directo que revisita os grandes éxitos dunha carreira tan influente como extensa.

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ata o embarcadoiro de Santo Estevo, no concello de Nogueira de Ramuín, para, abordo dun catamarán na Ribeira Sacra, presentar o ‘Festival Ou Yeah! 2026’.

O delegado territorial salientou que “este escenario non é casual; o acto insírese no propio relato do festival, reforzando a conexión co territorio e convertendo a paisaxe nun elemento máis da experiencia”. “A presentación do ‘Festival Ou Yeah! 2026’ non é só unha rolda de prensa – salientou Manuel Pardo- senón unha experiencia que reproduce o ADN do festival: música, territorio e gastronomía”.

Manuel Pardo significou que esta iniciativa comezou na súa primeira edición como unha declaración de intencións convértese agora nunha confirmación; “Ou Yeah! non é un evento que simplemente chega a Ourense, senón un proxecto que nace desde dentro, que medra co territorio e que se constrúe a partir del”. “Trátase dunha iniciativa arraigada no territorio, comprometida coa súa xente e deseñada para proxectar Ourense ao mundo. A súa esencia é a transformación: do local ao global, do tradicional ao contemporáneo, do escenario ao prato, do concerto ao encontro”; sentenciou.

Por iso, subliñou o delegado territorial que o apoio da Xunta ao novo festival Ou Yeah! responde á filosofía do Goberno galego de apoiar ás mellores e máis singulares citas coa música en directo de Galicia, que se erixen como un gran motor económico, turístico e cultural para a nosa comunidade de xeito desestacionalizado ao longo de todo o ano; e destacou ademais a filosofía dos Concertos do Xacobeo, como “un programa amplo e global co que a Xunta de Galicia consolida o seu apoio á música en vivo, e continúa a liña de traballo estratéxico de pasadas edicións do evento, que sumaron desde 2021-2022 máis de 2,5 millóns de espectadores”.

Nesta nova edición, o festival consolida e amplía o seu formato expandido no tempo e no espazo, transformando a provincia de Ourense nun escenario vivo no que cada cita forma parte dun relato máis amplo que conecta cultura, turismo e desenvolvemento local, proxectando Ourense como un destino cultural singular.

Programación

A edición 2026 artéllase arredor dun formato expandido, con varias datas e localizacións ao longo da provincia, convertendo cada encontro nunha peza dun ecosistema cultural máis amplo.

O 6 de xuño, en Expourense será a cita inaugural co rock lendario de Loquillo, o magnetismo vintage de Kitty, Daisy & Lewis e o fenómeno galego do momento, The Rapants. O 31 de xullo, na Praza da Veracruz do Carballiño a banda Burning, ofrecerá un concerto gratuíto; e o 4 de outubro, no Pazo de Deportes Paco Paz, o festival culminará o regreso de Luz Casal a Ourense.

Loquillo, icona indiscutible do rock estatal con case cinco décadas de traxectoria, chega en plena xira do seu último traballo Corazones Legendarios, cun directo que revisita os grandes éxitos dunha carreira tan influente como extensa. Lidera así un cartel que se completa co magnetismo vintage e mestizo do trío británico Kitty, Daisy & Lewis, recoñecidos polas súas producións analóxicas e por un directo no que transitan con naturalidade entre o blues, o soul e o rock and roll. A proposta complétase coa enerxía desbordante de The Rapants, banda galega do momento, que vén de publicar o seu novo LP Rapants Club e de encher o Multiusos Fontes do Sar na súa estrea ao vivo, consolidándose como unha das propostas máis destacadas e en clara proxección da nova escena.

Burning, lenda viva do rock estatal, suma máis de catro décadas de traxectoria marcadas por unha identidade propia, canalla e nostálxica, que atravesa xeracións. Liderados por Johnny Burning, reivindicarán na terra do Carballiño unha historia construída entre luces e sombras, convertida xa en patrimonio do rock en español.

E, por último, se falamos dun festival de rock galego, a presenza de Luz Casal convértese en imprescindible no cartel. A artista subirase ao escenario ourensán para presentar o seu novo traballo Me voy a permitir, un dos proxectos máis libres e persoais da súa carreira. Cunha proposta escénica que funciona como ponte entre pasado e futuro, o público do Paco Paz será testemuña da súa intensidade emocional, da elegancia da súa chanson e da forza do seu rock.

En cada cita, o público poderá desfrutar de propostas deseñadas por chefs vinculados á asociación Cociña Ourense, integrando produto local e creatividade culinaria.

As entradas para o 6 de xuño e o 4 de outubro xa están dispoñibles en ouyeah.gal e ataquilla.com, mentres que o concerto de Burning en O Carballiño será de entrada libre e de balde.

O festival, conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia no marco de Concertos do Xacobeo, da Deputación de Ourense e do Concello do Carballiño.

R., 2026-04-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (eclipse-2026-xunta.jpg) A Xunta habilitou hoxe un apartado específico dentro da páxina web de MeteoGalicia para facilitar o acceso e as consultas relacionadas coa predición do tempo en todos os concellos galegos durante a xornada da eclipse solar, prevista para o vindeiro día 12 de agosto. Galicia será unha das rexións nas que mellor se poderá observar este fenómeno astronómico de carácter excepcional, aínda que non en todas as zonas se apreciará por igual. De feito, no espazo web dedicado ao tempo durante a eclipse hai un mapa con todos os concellos sobre o que se indica en cales será total e en cales se verá de forma parcial.
Foto de la tercera plana (camino-litoral.jpg) Co obxectivo de pór en valor os máis de 2.555 quilómetros de litoral que posúe Galicia, a Xunta ven de lanzar o Camiño do Litoral. Trátase dun itinerario único que discorre por 78 municipios costeiros a través de 52 etapas, concibido para ofrecer unha alternativa de turismo sustentable e amosar a convivencia entre a conservación ambiental e o desenvolvemento socioeconómico da zona. Esta gran ruta vertebradora, que xurde como unha das medidas clave ao abeiro da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, conecta espazos naturais, vilas mariñeiras e un rico patrimonio cultural e etnográfico.

Notas

O Neolítico Final foi un período de profundos cambios sociais en toda a Península Ibérica. Con todo, en Galicia existe un importante oco de coñecemento sobre como vivían e como morrían as persoas que habitaron ese tempo. Agora, unha investigación liderada polo catedrático da USC Antonio Martínez Cortizas acaba de publicar dous traballos científicos que permiten afondar na vida das persoas que facían olaría hai 5.000 anos.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC será o anfitrión do III Congreso Internacional Solar MHD, un encontro científico de referencia que reunirá a persoal investigador de todo o mundo durante a semana da eclipse solar total do 12 de agosto de 2026, un fenómeno que converterá a España nun dos principais escenarios para a observación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES