
Galicia aposta por ampliar as melloras no ensino tamén ás etapas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional con novas propostas en materia de ratios, atención á diversidade e horario docente. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, compareceu hoxe xunto ás organizacións sindicais CCOO, ANPE, UGT e CSIF para dar conta desta liña de traballo na vía de diálogo aberta con sindicatos no marco do Acordo de melloras asinado en 2023.
O titular de Educación da Xunta, que estivo acompañado de varios membros do seu equipo, explicou a proposta de novas melloras de carácter integral que permitirán avanzar un novo chanzo na modernización progresiva do sistema educativo galego iniciada en 2023. Aínda que moitas destas melloras son globais, é certo que xa se están notando con máis intensidade na etapa de Infantil e Primaria. E queremos amplialas tamén agora ao resto das etapas, abondou o conselleiro, que defendeu o diálogo como a vía para acadar froitos en beneficio do conxunto da comunidade educativa.
As propostas, que se elevarán aos órganos pertinentes coa previsión de comezar a aplicalas desde o novo curso que arranca en setembro, abordan melloras nas ratios de estudantes por aula na ESO e no Bacharelato, na atención que se presta ao alumnado que máis o precisa e na configuración do horario do profesorado e das súas funcións.
Mellores ratios tamén en Secundaria
No que atinxe ás ratios, prevese intensificar o proceso de mellora progresiva iniciado en 2024 coa redución de 25 a 20 alumnos por aula en Infantil que, seguindo o calendario previsto, se completará para toda esta etapa en setembro e comezará en Primaria en 2027. Agora, froito do diálogo no marco do traballo entre a Consellería e as organizacións sindicais asinantes do Acordo de 2023, proponse acelerar a implantación do calendario inicialmente previsto para a etapa de Secundaria. Isto é, que se adiante a setembro de 2028 a redución de 30 a 25 alumnos por aula na ESO prevista inicialmente para o ano 2033, o que supón anticipar cinco cursos esta mellora.
Máis atención á diversidade
Outro dos puntos de traballo no que se acadarán avances é en materia de inclusión. Xa no Acordo de 2023 se incluíu a contabilización do alumnado con necesidades por dous ou por tres, unha medida pioneira que agora quere imitar o Goberno do Estado. A partir de setembro, vaise dar un novo avance ao despregar un plan de impulso á atención á diversidade, asunto que supón unha prioridade de goberno, explicou.
Nesta liña dotarase aos centros de máis recursos estruturais e farase en varias vías: modificando os catálogos de persoal nas etapas de Infantil e de Primaria e incrementando o persoal especialista e os orientadores nos cursos de Secundaria.
Apoio ao labor do profesorado
Así mesmo, apóstase pola reconfiguración do horario do profesorado de Secundaria, de xeito que poidan desempeñar mellor os labores múltiples que teñen asinados dentro e fóra da aula e que van en aumento ante unha realidade máis diversa e complexa.
A día de hoxe, os docentes de Secundaria, ao igual que o resto dos traballadores públicos, contan cun horario semanal de 37,5 horas das cales 30 son de permanencia no centro. E dentro desas teñen distribuídas 20 sesións de clase e o resto para outras funcións. A proposta pasa por reconfigurar ese horario desde setembro, de xeito que sexan 18 sesións de clase e pasen a dispoñer das dúas sesións restantes para atender outras necesidades de carácter escolar. Trátase, pois, de tempo que redundará nunha maior dispoñibilidade para a xestión de protocolos educativos, atención ás familias e aos alumnos, as gardas ou para desenvolver iniciativas en ámbitos como as novas tecnoloxías, os idiomas, a convivencia ou as bibliotecas escolares, entre outras.
Tamén se propoñen novas medidas de apoio aos titores e os equipos directivos, xa que desempeñan funcións cunha responsabilidade maior e cunha esixencia que require de máis tempo de dedicación, algo que contempla a proposta da Xunta e os sindicatos, a quen o conselleiro agradeceu a súa altura de miras a súa disposición ao diálogo.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.