Noticias

Presentado Centro de Coidado Integral do Cancro, que pretende situar Galicia á vangarda europea en materia oncolóxica

O Centro de Coidado Integral do Cancro de Galicia é un dos 14 centros españois designados para formar parte da rede de excelencia no tratamento do cancro no continente que a Unión Europea quere poñer en marcha, un paso fundamental cara á certificación plena que se agarda acadar no ano 2028. O obxectivo principal é consolidar Galicia como un referente de excelencia e calidade nesta materia, garantindo que os avances científicos se apliquen de forma efectiva na práctica clínica e que todos os galegos e galegas teñan acceso a unha atención oncolóxica de calidade, vivan onde vivan.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá na presentación do Centro de Coidado Integral do Cancro de Galicia, que definiu como un “proxecto estratéxico” que situará á sanidade pública galega na vangarda oncolóxica europea: “Aquí hai infraestruturas, hai equipo, hai estratexia, hai coñecemento, hai vocación. Sen iso, todo sería moito máis difícil. E hai unha enorme experiencia e un enorme prestixio”, resaltou.

O Centro de Coidado Integral do Cancro de Galicia que se presentou hoxe é un dos 14 centros españois designados para formar parte da rede de excelencia no tratamento do cancro no continente que a Unión Europea quere poñer en marcha, un paso fundamental cara á certificación plena que se agarda acadar no ano 2028. Así, o novo centro será un “fito histórico” para a sanidade galega, acreditando a todo o Servizo Galego de Saúde para a atención dos pacientes oncolóxicos seguindo os máis altos estándares europeos de calidade e equidade.

Tal e como explicou o presidente, que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, non se trata dun centro cunha sede física, senón dun modelo organizativo que agrupa todos os recursos asistenciais destinados á atención ao cancro no ámbito do sistema público sanitario galego, coa participación dos profesionais e servizos das sete áreas sanitarias: “Isto vai de aproveitar todo o que conseguimos ata agora e facelo funcionar de maneira aínda máis coordinada para ter mellores resultados”, apuntou Rueda.

Así, o obxectivo principal é consolidar Galicia como un referente de excelencia e calidade nesta materia, garantindo que os avances científicos se apliquen de forma efectiva na práctica clínica e que todos os galegos e galegas teñan acceso a unha atención oncolóxica de calidade, vivan onde vivan: “Un tratamento, unha oportunidade non pode depender dun código postal. A nosa responsabilidade é que os galegos, cando teñen que acceder a un servizo público coma este, teñan todas as mesmas posibilidades”, destacou o presidente.

Esta estrutura integrará nun mesmo sistema a prevención, o diagnóstico, o tratamento, a investigación e a innovación. Un modelo que beneficiará tanto aos pacientes, que accederán a terapias máis innovadoras; como aos profesionais, que verán reforzado o seu liderado; e ao propio sistema que gañará prestixio e atraerá talento e financiamento: “A medicina sempre é para curar persoas. E, polo tanto, que as persoas sigan estando no centro, como ocorre aquí, é algo fundamental”, salientou.

Galicia, referente en innovación e prevención

Durante o acto, Rueda destacou que a designación de Galicia para formar parte desa rede de excelencia europea é o recoñecemento a un traballo que a comunidade leva tempo facendo ben. Neste sentido, lembrou que é pioneira en cribados, ampliando a detección precoz de mama ata os 74 anos e impulsando programas de cribado de cancro de pulmón e de próstata.

Tamén destacou o avance nas terapias CAR-T, das que xa se beneficiaron 170 pacientes, e o reto de comezar a fabricar fármacos propios este mesmo ano no Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia: ”Dentro do bo funcionamento da Sanidade, que é tan amplo, ao final ao que todo o mundo lle interesa é que os servizos fundamentais funcionen especialmente ben. Creo que en Galicia temos moitos motivos para dicir que ese obxectivo se persigue. Con magníficos profesionais e iniciativas, con investimentos, priorizando e obtendo resultados”, apuntou o presidente.

Así mesmo, fixo referencia á medicina personalizada a través do proxecto Xenoma Galicia e á vindeira posta en marcha do Centro de Protonterapia, que converterá a Galicia na primeira comunidade en ofrecer esta tecnoloxía no sistema público. Agárdase que entre finais deste ano ou principios do próximo se estea tratando aos primeiros pacientes. A previsión é tratar a 250 persoas cada ano de Galicia, Asturias, Castela e León e o norte de Portugal.

Cronoloxía cara a excelencia

É importante salientar que a designación do centro galego por parte da Unión Europea forma parte dun camiño que se estrutura en varias fases. Con todo, Galicia parte dunha boa base, xa que posúe os alicerces necesarios para aspirar ao selo de excelencia.

Así, en marzo creouse o Comité Operativo e do Grupo Técnico de acreditación, que acometerá as tarefas de dirección, coordinación técnica e seguimento integral do proceso.

Na seguinte fase, a de autoavaliación, comprobarase que o proxecto galego se adecúa aos máis de 300 estándares propostos en ámbitos como a gobernabilidade, o coidado ou a integración da investigación. Seguiralle a fase da auditoría, prevista no primeiro semestre de 2028 ata acadar a certificación definitiva, que se decidirá no último trimestre dese mesmo ano.

O presidente da Xunta agarda que Galicia acade a súa meta e o Centro de Coidado Integral do Cancro de Galicia sexa finalmente certificado por Europa, grazas ao traballo, á implicación, ao compromiso e ao talento dos profesionais da sanidade pública galega e de todas aquelas persoas que colaboraron e se involucraron para sacar adiante este “proxecto de país” que permite levar o selo Galicia Calidade alén das nosas fronteiras. E rematou recoñecendo o bo traballo feito por todos os profesionais: “A Xunta, que ten que priorizar, ten claro que aquí hai que priorizar e moito. Pero se non houbera profesionais e este convencemento de traballar en equipo, de pouco serviría. É unha satisfacción ver que os servizos públicos fundamentais en Galicia non fallan”, concluíu.

R., 2026-04-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES