Noticias

Os Galicia Biodays buscan posicionar a nosa comunidade como territorio de innovación biotecnolóxica internacional

Foron presentadas as xornadas Galicia Biodays, que buscan posicionar Galicia como un territorio de referencia en innovación biotecnolóxica no ámbito internacional. Este evento vaise celebrar os días 6 e 7 de maio no Auditorio Mar de Vigo, e permitirá reforzar a marca Galicia Calidade en biotecnoloxía, fomentar o intercambio de coñecemento e establecer novas colaboracións científicas, empresariais e institucionais. Está previsto que asistan máis de 1000 persoas de 9 biorrexións convidadas, con máis de 130 relatores.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe en Vigo na presentación das xornadas Galicia Biodays que a Xunta busca posicionar Galicia como un territorio de referencia en innovación biotecnolóxica no ámbito internacional. Neste camiño, “é fundamental a aposta por foros coma este, que mostra todo o potencial da Comunidade neste sector e que xa é unha cita obrigada para a industria biotecnolóxica europea", resaltou.

Román Rodríguez, acompañado da directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, sinalou que este evento que se celebrará os días 6 e 7 de maio no Auditorio Mar de Vigo permitirá reforzar a marca Galicia Calidade en biotecnoloxía, fomentar o intercambio de coñecemento e establecer novas colaboracións científicas, empresariais e institucionais. De feito, está previsto que asistan máis de 1000 persoas e 9 biorrexións convidadas, con máis de 800 reunións e máis de 130 relatores.

Para o titular de Ciencia, Galicia Biodays converteuse nun evento clave para o sector en Europa, “un claro exemplo da fortaleza de Vigo e a súa área no campo da biotecnoloxía“.

Actualmente, Xunta e sector traballan na definición da nova Estratexia de excelencia da biotecnoloxía de Galicia 26-30, que está previsto presentar proximamente. Segundo apuntou o titular de Ciencia, “Galicia é unha potencia no mundo bio, que non sería posible sen o traballo de todo un sector e un ecosistema que medrou nos últimos anos“.

Neste senso, a biotecnoloxía está identificada como un ámbito clave no actual Plan galego de I+D+i 25-27, polo seu potencial para contribuír ao desenvolvemento doutros sectores estratéxicos e lograr un impacto económico relevante no territorio. Por iso, a Xunta de Galicia, en colaboración co clúster Bioga, leva executando estratexias de apoio ao sector en Galicia desde 2016.

O obxectivo desta folla de ruta, que está sendo elaborada a través dun proceso participativo, é acadar a excelencia en Galicia do sector biotecnolóxico nos vindeiros anos e posicionarse como unha biorrexión de referencia a nivel internacional.

Participación no evento

A Xunta de Galicia participará en Galicia Biodays coa ponencia Liderando a biotecnoloxía dende Galicia, na que a directora da Axencia Galega de Innovación presentará as capacidades do ecosistema galego e fará balance da estratexia de consolidación do sector, rematada en 2025. Pola súa banda, o Cesga (Centro de Supercomputación de Galicia) presentará as súas iniciativas no ámbito do OneHealth. En concreto, o demostrador multisectorial de espazo de datos e a factoría europea de IA. Ademais, contará cun stand propio no espazo do foro e unha delegación de Estados Unidos, Brasil e Portugal visitarán o centro para coñecer os seus proxectos e infraestruturas.

R., 2026-04-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES