Buscador
Noticias
O Servizo Galego de Saúde acadou en 2024 a cifra máis alta deste tipo de intervencións desde que no ano 1981 no Hospital Público da Coruña se realizase o primeiro transplante de órganos na comunidade. O pasado mes de febreiro a comunidade realizou o seu transplante número 10.000 tras a implantación xa hai máis de 40 anos dun programa que se encontra completamente asentado no sistema sanitario público. Neste período, a solidariedade de case 3.500 persoas posibilitou que Galicia se situase como referente no ámbito da doazón de órganos. Segundo os datos acumulados, o transplante de ril destaca nestas catro décadas con 5.168 intervencións realizadas; seguido do de fígado, con 2.803; do de corazón, con 959; de pulmón, con 942; e de páncreas con 128.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios celebrado este luns previo ao Consello Europeo de Agricultura e Pesca do vindeiro 24 de marzo no que se vai a discutir 'O futuro da política pesqueira común'. O responsable autonómico defendeu neste foro a posición de Galicia que conta cunha folla de ruta clara emanada do consenso e plasmada no ditame do Consello Galego de Pesca de febreiro de 2022 'Sobre a estratexia de Galicia na defensa dos seus intereses ante a revisión da Política Pesqueira Común (PPC)'.
Galicia terá presencia na Exposición Universal de Osaka, que se celebrará entre o 13 de abril e o 13 de outubro de 2025. Un total de 184 días nos que o evento, organizado polo organismo internacional Bureau International des Expositions, tratará de reunir o maior número posible de nacións do mundo para debater sobre os problemas e retos de actualidade. En concreto, Turismo de Galicia levará á comunidade a Expo de Osaka durante unha semana. Do martes 16 de setembro ata o domingo 21, unha delegación representante da cultura musical e da gastronomía da comunidade estará no pavillón de España. Durante cada unha das xornadas, realizaranse varios concertos no escenario Plaza del Sol e haberá propostas gastronómicas propias de Galicia.
O presidente autonómico, Alfonso Rueda, anunciou a aprobación por parte do Consello da Xunta do Plan director da automoción para o período 2025-2027, que 'estará dotado de 230 millóns de euros' para impulsar un sector 'que está a vivir a súa propia revolución industrial coa chegada do vehículo eléctrico'. Esta industria foi declarada estratéxica xunto coa metalmecánica, a naval, o sector forestal-madeira, a industria das TIC, a loxística industrial, a industria da alimentación, o sector téxtil e confección e a industria da construción. O Plan director da automoción é o resultado dun proceso participativo e colaborativo de interlocución con todo o sector.
O Foro é un espazo de participación e diálogo permanente entre as Administracións públicas, estatal, autonómicas e locais, e a sociedade civil. O seu obxectivo é fomentar unha cultura de gobernanza baixo os principios de transparencia, integridade, rendición de contas e participación cidadá para apoiar a democracia e o crecemento inclusivo. O Pleno está a preparar o V Plan de Goberno Aberto 2025-2029, e Galicia xa remitiu os seus compromisos, que se centran en impulsar e fortalecer a participación da cidadanía, continuar mellorando na transparencia, a calidade e a accesibilidade da información, profundar na simplificación dos procedementos administrativos e impulsar a súa dixitalización e automatización.
Transfiere é un dos principais eventos europeos sobre I+D+i e transferencia. O seu obxectivo é conectar todo o sistema español de innovación e impulsar a súa proxección internacional. Os seus eixos temáticos son o talento, o desenvolvemento científico-tecnolóxico, o acceso a investimento e as oportunidades de negocio, co fin último de xerar alianzas y sinerxías globais. Neste marco, a Xunta impulsa a participación neste evento co obxectivo de facilitar oportunidades de colaboración para a investigación e a innovación feitas en Galicia. A Xunta de Galicia promove a participación de máis dunha vintena de entidades do ecosistema galego de I+D+i neste foro europeo, que se celebra no Palacio de Feiras e Congresos de Málaga, onde están a explorar novas alianzas e oportunidades para os seus proxectos.
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro domingo a estrea do espectáculo Fábrica de fume, unha proposta de teatro comunitario que afonda no concepto de arte e industria a través da historia de Sargadelos. Celina Fernández Ponte e Ana Fontenla asinan a dramaturxia e a dirección de escena deste traballo que tivo a súa orixe no proxecto internacional de teatro en linguas minoritarias Phōnē e que coproduce agora o Centro Dramático galego. A montaxe conta coa interpretación dun elenco de 18 actores e actrices pertencentes a Fegatea: Nieves Pérez, Juanín Ares, Chus Devesa, Antonio V. Turnes, Pablo Fernández, Lola Roel, Valentín Entrialgo, Edita Álvarez, Guadalupe López, Carmen Lois, Sara Nieto, María José Lagoa, Quico Ramilo, Manuel Llilla, Lucía González, María José González, Reyes López e Ana Rosa Pavón.
Foi presentada a oitava edición do festival Alguén que respira!, unha cita organizada para poñer en valor o talento dos creadores galegos e a calidade das letras galegas a través da poesía. O festival Alguén que respira! celebrarase no Teatro Principal de Santiago de Compostela do 20 ao 22 de marzo. Durante esas tres xornadas haberá recitais, concertos e faladoiros onde participarán máis de 40 poetas, músicos ou performers como a autora galega Miriam Reyes; a poeta irlandesa Ailbhe ní Ghearbhuigh; os poetas palestinos Sammer Abu Hawwash e Mohamad Bitari, e o crítico literario Xosé María Álvarez Cáccamo, que será o responsable da lectura do manifesto da cita.
O DOG publica a declaración do Entroido galego como BIC, feito co que conclúe o proceso deste recoñecemento co que se acredita o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, e que supón a aplicación do réxime de tutela da Lei de Patrimonio cultural. O decreto salienta a multitude de funcións sociocomunitarias e culturais que cumpre o Entroido. Neste senso, pon en valor o seu papel para 'reafirmar os lazos de identidade colectiva dun lugar, aldea, parroquia ou concello, a través da manifestación dun espírito lúdico e trouleiro' e, desta forma, favorecer nunha comunidade 'a sociabilidade, a integración e inclusión social e unha rica convivencia interxeracional'.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na segunda sesión da Comisión de Política Económica (ECON) do oitavo mandato do Comité Europeo das Rexións (CdR). As rexións e cidades debateron, entre outras cuestións, sobre política dixital e o uso da intelixencia artificial (IA) por parte das autoridades públicas. No marco deste debate, presentouse o estudo do CdR sobre a adopción da IA por parte das administracións locais e rexionais. Este documento define a Galicia como pioneira por ser a primeira rexión europea en lexislar sobre intelixencia artificial tanto para regular a súa utilización como para impulsala e promover o seu desenvolvemento. Segundo este estudo, trátase dunha iniciativa de vangarda que destaca polo seu carácter innovador e potencial para a gobernanza e a regulación desta tecnoloxía.