Archivo (2 del 2025)

Buscador

Noticias

Ata o de agora, o teito de renda para unha unidade familiar para o acceso á unha VPP situábase en 2,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem), límite que pasará a ser de 3 veces o Iprem. Con respecto ás VPA de réxime especial, o límite máximo do Iprem increméntase tamén en medio punto, pasando de 3 a 3,5; e pasando ademais do 4,5 ata 5 veces o Iprem nas vivendas de réxime xeral. Mantense o tramo de ingresos ponderados para o acceso ás VPA de réxime concertado, en ata 6,5 veces o Iprem. Ata o de agora, para que unha parella cun fillo poda adquirir unha VPP ou unha VPA de réxime especial, o Iprem fixaba os ingresos máximos anuais brutos en ata 26.250 euros. Coa modificación do tope, e a modificación dos tramos de ingreso, esa mesma unidade familiar para a adquisición da mesma vivenda, acadará os 31.500 euros anuais brutos.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que Galicia deixa de ingresar 127 millóns de euros cada mes pola inacción do Goberno central na actualización das entregas a conta. Tal e como destacou Rueda, esta é unha das conclusións do informe sobre as repercusións na Tesourería da Comunidade do retraso da actualización do importe das entregas a conta do Sistema de Financiamento Autonómico (SAF), que o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou hoxe no Consello de Goberno. Para o titular do Goberno galego, o próximo Consello de Política Fiscal e Financieira “vai ser unha oportunidade perdida” se non se fala do financiamento autonómico, unha cuestión prioritaria.
O festival internacional de animación Imaxinaria regresa por terceiro ano consecutivo á Coruña para amosarlle ao público galego unha selección das máis destacadas curtametraxes europeas neste ámbito. O certame desenvolverase do 12 ao 16 de marzo arredor dunha sección competitiva e varias paralelas, como a que se lle dedica este ano á animadora británica Joanna Quinn. Na sede coruñesa de Afundación poderán verse as 43 películas a concurso da Sección Oficial, das que 38 proceden de diferentes países europeos e, na súa meirande parte, terán aquí a súa estrea española ou galega. Entre as fitas seleccionadas, figura Sobre el rostro, da galega Uxía Larrosa Villanueva.
A Biblioteca de Lugo organiza un 'escape room' para escolares de sexto curso de Educación Primaria de Lugo arredor da figura de Castelao, que se desenvolverá na Biblioteca Pública entre o 10 de marzo e o 21 de abril. Esta iniciativa combinará xogo e literatura para implicar aos rapaces e rapazas na celebración do Ano Castelao, resolvendo misterios e retos baseados nos seus textos, ilustracións e ideais. 'Pescudando en Castelao. O tesouro das cousas' propón un xogo de pistas que cada grupo de alumnos deberá resolver no prazo dunha hora. Os participantes, 'detectives literarios', deberán adentrarse na Biblioteca para descifrar unha serie de enigmas baseados na vida e obra de Castelao. A meta é descubrir unha mensaxe oculta que o autor deixou nos seus escritos e debuxos, e só superando todos os pasos poderán desbloquear a mensaxe final.
Tivo lugar unha reunión do proxecto EdugalIA de intelixencia artificial no ensino, co obxectivo de ultimar os traballos para comezar o despregamento da IA no sistema educativo galego. A Xunta de Galicia logrou captar con este proxecto case 10 M€ de fondos europeos no proceso de Compra Pública Innovadora, o que converte a EdugalIA na segunda iniciativa galega con máis financiamento e a sexta de España entre os 20 proxectos que acadaron apoio. EdugalIA contará cun orzamento total de 16,5M€ (6,6 M€ achegados pola Xunta e 9,9 procedentes dos fondos europeos mediante FEDER plurirrexional) para despregar a intelixencia artificial na xestión educativa. O seu obxectivo é optimizar o deseño e a avaliación de políticas públicas e previr o abandono escolar mediante esta ferramenta.
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou hoxe na xornada de lanzamento da segunda edición da aceleradora Business Factory ClimaTech, iniciativa desenvolvida coa colaboración de Viratec -Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular- que busca consolidar Galicia como un hub de innovación en sustentabilidade e economía circular. Toca Carús destacou o impacto positivo do programa, que na súa primeira edición permitiu o desenvolvemento de proxectos con alto potencial de mercado e impacto ambiental.
A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á sétima semana do ano que determina que a intensidade da gripe continúa sendo baixa, mantendo unha tendencia estable. Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria aumentou un 14 % respecto da semana previa e fica en 59,2 consultas por 100.000 habitantes. O aumento da taxa obsérvase en todos os grupos de idade, sendo máis salientable no de 0 a 4 anos. O grupo con maior taxa de consultas foi de 5 a 19 anos, con 125,3 por 100.000 habitantes. Por áreas sanitarias, a taxa de consultas foi superior á da semana anterior en todas elas agás na da Coruña, na que permaneceu estable, e Santiago de Compostela e Ferrol, nas que descendeu.
A Cidade da Cultura promove a estrea este venres de Mala vida e pior morte do rei Ricardo III, unha peza teatral que confronta con humor o cruel retrato da traxedia de Shakespeare protagonizada polo monarca inglés. O espectáculo, que esgotou entradas para esta fin de semana, compón o volume XII das Clásicas desfeitas, o ciclo impulsado polo Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura que revisa obras fundamentais da literatura desde unha óptica contemporánea. O actor e dramaturgo Evaristo Calvo, co-fundador do dúo cómico Mofa e Befa, pon a coroa nesta nova creación escénica para encarnar un Ricardo III que defende non ter sido nin tan malvado nin tan asasino como o quixeron facer ver Shakespeare e algúns historiadores da época.
Galicia aspira a reducir un 75% as emisións de dióxido de carbono antes de 2030 e que a xeración eléctrica renovable chegue ao 85% dentro do seu obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040. Estes son algúns dos retos recollidos no II Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima (PRIEC 2030), que foi presentado hoxe. Este segundo PRIEC pretende guiar de forma transversal as políticas galegas ao abeiro da Estratexia Galega de Cambio Climático e dar continuidade ao desenvolvido entre 2019 e 2024, que permitiu que Galicia reducise a emisión de gases de efecto invernadoiro a un ritmo tres veces superior ao de España e da UE así como que sexa a comunidade na que máis se reduciron as emisións contaminantes.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que trasladará ao comisario europeo de Pesca e Océanos, o chipriota Costas Kadis, que para Galicia é prioritario que a Unión Europea aposte por un desenvolvemento pesqueiro sostible e que compatibilice aspectos sociais e ambientais. Rueda fixo fincapé en que 'somos os primeiros interesados en coidar' uns recursos marítimos que 'necesitamos que se nos deixe seguir explotando'. Desde a primeira potencia pesqueira de toda Europa, Rueda transmitirá mañá en Bruxelas ao novo comisario a necesidade de que a Unión Europea promova un marco equitativo na extracción e comercialización pesqueira a nivel internacional, o chamado level playing field.
« Anterior | 2  de  5 | Siguiente »

Archivo

2025 (168)

2024 (514)

ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES