Noticias

A segunda edición da aceleradora ClimaTech consolidará Galicia como un hub de innovación en sustentabilidade e economía circular

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou hoxe na xornada de lanzamento da segunda edición da aceleradora Business Factory ClimaTech, iniciativa desenvolvida coa colaboración de Viratec -Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular- que busca consolidar Galicia como un hub de innovación en sustentabilidade e economía circular. Toca Carús destacou o impacto positivo do programa, que na súa primeira edición permitiu o desenvolvemento de proxectos con alto potencial de mercado e impacto ambiental.

Neste sentido, e como destacou a directora, ClimaTech é unha iniciativa baseada na colaboración público-privada, na que participan empresas tractoras, centros de investigación e fondos de investimento. O obxectivo, afondou, é facilitar a incubación, aceleración e consolidación de proxectos innovadores no sector ambiental, garantindo que estes “conten co apoio necesario para transformar ideas en solucións reais”.

Para acadar esta meta, explicou Toca Carús, nesta segunda edición amplíanse as prazas dispoñibles nos tres itinerarios do programa, na procura de facilitar a participación de máis emprendedores e startups.

Empresas tractoras, ciencia e investidores

Así, proseguiu a directora, nesta nova convocatoria, a aceleradora reforza a súa rede de colaboración coa incorporación de novas empresas tractoras como Emalcsa, sumándose a compañías líderes do sector como Vertex, Finsa, Viaqua, Sogama, Gestan, Coregal, Valtalia e Agroamb. Estas entidades non só actúan como patrocinadores, senón que desempeñan un papel activo no desenvolvemento dos proxectos, proporcionando mentorización, infraestruturas e apoio estratéxico.

Sobre esta base, Toca Carús puxo en valor a colaboración co mundo académico como “outro dos piares fundamentais do programa”. “O Comité Científico da BF ClimaTech xoga un papel esencial na selección e validación dos proxectos, garantindo que estes conten cunha base tecnolóxica sólida e estean aliñados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Ademais, os emprendedores terán acceso a infraestruturas avanzadas de investigación para mellorar e testar as súa solucións”, aclarou.

Así mesmo, a aceleradora conta co respaldo de fondos de investimento privados, facilitando o acceso a financiamento, redes estratéxicas e recursos especializados que permitan a consolidación e escalabilidade dos proxectos.

A rede de aceleradoras

A BF ClimaTech, continuou a directora do Igape, forma parte da estratexia da Xunta de Galicia para o impulso do emprendemento innovador, enmarcándose na rede de aceleradoras que inclúe iniciativas sectoriais como BFAuto, BFAero, BFFood ou Viagalicia. A través da mesma Galicia ten logrado impulsar xa máis de 830 proxectos innovadores, creando máis de 1.400 empregos cualificados.

“Con esta segunda edición, Galicia reafirma o seu compromiso coa sustentabilidade, apostando pola innovación e o emprendemento innovador como motores de crecemento económico e transformación ambiental”, afondou Toca Carús, quen lembrou que o prazo de inscrición para participar na segunda edición de BF ClimaTech permanecerá aberto ata o próximo 28 de febreiro.

R., 2025-02-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES