
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión co equipo de asesores do proxecto EdugalIA de intelixencia artificial no ensino, co obxectivo de ultimar os traballos para comezar o despregamento da IA no sistema educativo galego. A Xunta de Galicia logrou captar con este proxecto case 10 M de fondos europeos no proceso de Compra Pública Innovadora, o que converte a EdugalIA na segunda iniciativa galega con máis financiamento e a sexta de España entre os 20 proxectos que acadaron apoio.
Acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, o conselleiro puxo en valor o traballo realizado no último ano, que posibilita que EdugalIA poida ser pronto unha realidade e estea a xerar xa gran interese en todo o Estado como referente na innovación educativa e no uso da intelixencia artificial.
EdugalIA contará cun orzamento total de 16,5M (6,6 M achegados pola Xunta e 9,9 procedentes dos fondos europeos mediante FEDER plurirrexional) para despregar a intelixencia artificial na xestión educativa. O seu obxectivo é optimizar o deseño e a avaliación de políticas públicas e previr o abandono escolar mediante esta ferramenta.
Abandono escolar e expediente único
A través deste proxecto, integraranse todas as fontes de datos para, por unha banda, crear por primeira vez o expediente dixital do alumnado, que o acompañará ao longo de toda a súa traxectoria académica e permitirá identificar posibles situacións de abandono temperá e abordalas. Por outra, desenvolverase un espazo entre familias, centros e Xunta para asistencia e información áxil e personalizada a alumnos e familias.
O equipo asesor de EdugalIA, composto por investigadores das universidades galegas e do CSIC e persoal técnico da Consellería, leva meses traballando para definir este proxecto de intelixencia artificial no ensino, o que garantiu o seu éxito na convocatoria de Compra Pública Innovadora do Ministerio de Ciencia, Universidades e Innovación. A reunión de hoxe pretende avaliar os últimos detalles co obxectivo de licitar a iniciativa en breve.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.