Noticias

A gripe mantén unha intensidade baixa e tendencia estable en Galicia

A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á sétima semana do ano que determina que a intensidade da gripe continúa sendo baixa, mantendo unha tendencia estable. Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria aumentou un 14 % respecto da semana previa e fica en 59,2 consultas por 100.000 habitantes. O aumento da taxa obsérvase en todos os grupos de idade, sendo máis salientable no de 0 a 4 anos. O grupo con maior taxa de consultas foi de 5 a 19 anos, con 125,3 por 100.000 habitantes. Por áreas sanitarias, a taxa de consultas foi superior á da semana anterior en todas elas agás na da Coruña, na que permaneceu estable, e Santiago de Compostela e Ferrol, nas que descendeu.

A rede de farmacias sentinela, que nesta campaña remiten os seus datos á Dirección Xeral de Saúde Pública, reflicte que a taxa de dispensación de antigripais descendeu lixeiramente, mentres que a de dispensación de probas de antíxenos aumentou de maneira lixeira.

En canto aos ingresos hospitalarios, ingresaron 188 persoas con gripe confirmada, un 13 % máis que na semana anterior (167). A taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 6,9 por 100.000 habitantes. Por grupos de idade, a taxa aumentou no de 0 a 4 anos e nas persoas de 60 ou máis anos. Por áreas sanitarias, a taxa de ingresos aumentou nas áreas sanitarias de Lugo, Ourense e Vigo. No que vai de tempada notificáronse 1.590 ingresos, a maioría deles (1.234) con virus do tipo A.

Respecto da positividade das mostras estudadas para virus do tipo A, foi do 17,5 %, o que supón un aumento respecto da semana anterior, que foi do 14,4 %. A positividade das mostras estudadas para virus do tipo B foi do 3,2 %, polo que a positividade dos virus da gripe foi do 20,7 %, superior á da semana anterior (18,6 %).

Evolución covid e VRS

O informe de actividade das infeccións respiratorias agudas indica que na sétima semana ingresaron oito persoas con covid confirmada, o que supón un 33 % menos que a semana previa (12 ingresos).

Pola súa banda, no que atinxe ao Virus Respiratorio Sincitial (VRS), a taxa de ingresos foi de 1,1 por 100.000 habitantes, inferior á da semana anterior. Esta taxa descendeu en todos os grupos de idade e en todas as áreas agás na de Ferrol, na que permaneceu estable.

Estimación

Segundo se recolle no informe, a estimación puntual do modelo de predición suxire que, nas vindeiras dúas semanas, a taxa de consultas por gripe descenda de 59,2 consultas por 100.000 habitantes a 57,4 e 55,9 consultas nas semanas 8 e 9 respectivamente.

En consecuencia, a situación desta semana é algo diferente á da anterior, cunha taxa de consultas algo máis elevada e un aumento en todos os grupos de idade (máis salientable na poboación menor de 4 anos).

Así mesmo, segue a observarse un aumento na positividade para o virus de tipo A que adoita afectar con maior frecuencia ás persoas de maior idade. Non obstante, a situación epidemiolóxica da gripe semella non ter impacto a nivel asistencial, como amosa a taxa de ingresos que, se ben aumentou, fíxoo de maneira moi leve, pasando de 6,2 a 6,9 por 100.000 habitantes.

Aínda que se aprecia un lixeiro aumento dos indicadores e evolución da actividade gripal, é necesario continuar coa vixilancia para comprobar se dito aumento é puntual.

A Xunta lembra a recomendación do uso da máscara en pacientes con síntomas respiratorios, ademais dos seus acompañantes e visitas, e no caso dos profesionais que os atenden, así como en determinados grupos de risco ou dispositivos asistenciais como poden ser as urxencias hospitalarias.

R., 2025-02-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES