Buscador
Noticias
Os 12 museos públicos galegos ofrecerán un total de 68 exposicións, despois de vivir un gran 2022, ao recuperar niveis de visitantes previos á pandemia -con preto de 400.000- e triplicar as cifras de 2009. O calendario de actividades conta con propostas ao redor de grandes artistas e que, ademais de exposicións, haberá iniciativas que situarán a Galicia no mapa de importantes efemérides culturais nacionais e internacionais, en referencia a citas como o Ano Picasso, os aniversarios do CGAC e o Museo de Viladonga, os centenarios do poeta Carlos Oroza e do Seminario de Estudos galegos e o 50 aniversario do pasamento de Urbano Lugrís, entre outras.
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, reuniuse hoxe por videoconferencia con responsables dos distritos forestais portugueses da zona fronteiriza con Galicia. Na xuntanza participou tamén, por parte galega, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo. Do lado luso, estiveron Joao Noel Alfonso e Marco Domíngues, comandantes operacionais distritais da área da fronteira coa nosa comunidade. O encontro serviu para avanzar na mellora da colaboración e a coordinación ao longo de todo o ano entre os responsables dos operativos galego e portugués de loita contra o lume, máis alá da época de alto risco de incendios.
A Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León exixen ao Goberno de España que lles proporcione información sobre a afección que o contrato fallido de Renfe terá sobre a renovación da frota de trens de ancho métrico que operan en ambas as dúas comunidades. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade do Goberno galego, Ethel Vázquez Mourelle, e a conselleira de Mobilidade e Transformación Dixital de Castela e León, María González Corral, dirixíronse hoxe á secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, para trasladarlle a súa preocupación ante a gravidade das novas relacionadas co retraso que suporá o erro do Ministerio na licitación para o subministro de trens de ancho métrico e alpinos.
A Xunta pon en marcha o Plan para o impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, que conta cun orzamento de máis de 39 millóns de euros para promover ata nove medidas artelladas en tres eixes estratéxicos: eliminar a fenda dixital, promover as competencias dixitais dos profesionais e impulsar as vocacións e o talento dixital avanzado en Galicia. O plan marca unha serie de obxectivos intermedios para 2025 como que o 70% das persoas conten competencias dixitais básicas, das que cando menos o 50% serán mulleres.
Trátase dos filmes 'Matria', de Álvaro Gago, 'Sica', de Carla Subirana, e 'Samsara', de Lois Patiño, cuxa promoción na mostra será reforzada cun acto especial arredor do cinema galego baixo a marca Films from Galicia. De feito, Galicia acapara tres das catro longametraxes de produción exclusiva española que están presentes no prestixioso festival. 'Galicia está a experimentar unha particular idade de ouro no audiovisual, con grandísimos profesionais en todos os eidos e indicadores como ter por primeira vez tres filmes representados na Berlinale nos falan deste bo momento', segundo expresou o titular de Cultura da Xunta.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe o pleno do Consello Galego de Pesca no que se analizou o anteproxecto de Lei de ordenación do litoral de Galicia e as súas implicacións para o complexo mar-industria da comunidade. A titular de Mar salientou que esta normativa pretende dar seguridade xurídica ás empresas e velar polos investimentos que realizaron nos últimos anos así como polos que acometan no futuro para impulsar a súa actividade.
Galicia mellorou tamén as súas cifras con respecto ao conxunto do Estado, cunha ocupación oito puntos maior respecto da media e manténdose como o sétimo destino máis importante, unicamente por detrás de Canarias, Cataluña, Baleares, Andalucía, a Comunidade Valenciana e Madrid. Por outra banda, este ano avanzouse na desestacionalización do sector, conseguindo cifras nunca acadadas. Así, explicou que o 38% da demanda concentrouse na temporada alta -meses de xullo e agosto-, ficando a porcentaxe restante repartida entre a temporada media -o 38%- e baixa -co 24% neste caso-.
O derradeiro barómetro sanitario do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) reflicte que Galicia se sitúa como a segunda comunidade na que maior porcentaxe de poboación elixiría á sanidade pública, para ter unha consulta co médico de cabeceira ou pediatría, cun 76,5% fronte o 68,6% media nacional. Do mesmo xeito, Galicia ocupa a segunda posición a nivel nacional, na porcentaxe da cidadanía elixiría a sanidade pública para un ingreso hospitalario (84,2% fronte ao 75,2% de media nacional).
A terceira edición do evento internacional de disciplinas de baile Vigo Porté vaise celebrar a vindeira primavera. Trátase dun dos eventos de danza de referencia en España e a nivel europeo, e regresará ao Auditorio Mar de Vigo os días 28, 29 e 30 de abril e 1 de maio, ampliando a competición por primeira vez a catro días. Ata a data e desde a apertura de inscricións no mes de outubro, Vigo Porté 2023 xa superou os rexistros da pasada edición no que a número de centros de danza (37), participantes (850) e coreografías (370)
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, valorou hoxe os datos do paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social destacando a boa evolución do mercado de traballo de Galicia que no último ano (comparativa entre xaneiro de 2023 e xaneiro de 2022) rexistrou unha caída do desemprego do -5,77% (-8.884 persoas). A cifra actual de paro, 145.048 persoas, é a máis baixa contabilizada nun mes de xaneiro de toda a serie histórica (1996).