
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compareceu hoxe ante a Comisión 6ª do Parlamento de Galicia para dar conta do balance turístico da nosa comunidade no 2022, onde expuxo que Galicia bateu récords históricos de ocupación turística, logrando superar nun 40% as cifras do ano 2021.
Durante a súa intervención, Nava Castro puxo en valor o modelo turístico galego, baseado nun turismo baseado na colaboración público-privada, tranquilo e de calidade, fomentando valores paisaxísticos, patrimoniais e enogastronómicos, o que segundo indicou, axudou a favorecer a recuperación da demanda turística.
Avanzou que Galicia mellorou tamén as súas cifras con respecto ao conxunto do Estado, cunha ocupación oito puntos maior respecto da media e manténdose como o sétimo destino máis importante, unicamente por detrás de Canarias, Cataluña, Baleares, Andalucía, a Comunidade Valenciana e Madrid.
Destacou tamén, que este ano se avanzou na desestacionalización do sector, conseguindo cifras nunca acadadas. Así, explicou que o 38% da demanda concentrouse na temporada alta -meses de xullo e agosto-, ficando a porcentaxe restante repartida entre a temporada media -o 38%- e baixa -co 24% neste caso-.
Ao peche da temporada turística do 2022, o 75% da demanda corresponde ao turismo de ámbito nacional que engloba ao interno e ao que procede das restantes comunidades autónomas- mentres que o 25% restante é internacional.
Tanto o turismo nacional como o internacional superan de forma notable as cifras do pasado ano -nun 22% o nacional e en máis do dobre o internacional. Cabe destacar que o segmento dos españois consegue superar tamén o nivel de 2019 -nun 4,4%-, marcando un máximo da serie histórica con preto de 9,4 millóns de noites.
Grazas a todo elo, Galicia superou por vez primeira na serie histórica a barreira dos 12 millóns de noites no total anual, debido á excelente capacidade de recuperación da demanda que mesmo permite superar as cifras de 2019 e a incorporación ao cómputo global dos albergues -que engaden máis de 1,3 millóns de noites ao conxunto total-.
Finalmente, indicou que o proceso de recuperación do Camiño de Santiago consolidouse durante o 2022 marcando unha cifra récord nunca antes acadada, con 438.682 compostelas entregadas, o que supuxo un incremento dun 26% con respecto á anterior cifra máis alta acadada no 2019 con case 350.000 certificacións.
O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para reforzar o acompañamento psicolóxico aos estudantes. Este acordo, dotado con 60.000 euros, dá continuidade ao xa asinado en 2025, un ano no que se os dispositivos de acompañamento psicolóxico das universidades públicas galegas atenderon 370 alumnos.