Noticias

Medra o número de afiliacións no último ano (+0,86%), mentres que o incremento do desemprego respecto a decembro (+1,99%) é menor que o rexistrado no Estado (+2,49%)

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, valorou hoxe os datos do paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social destacando a “boa evolución” do mercado de traballo de Galicia que no último ano (comparativa entre xaneiro de 2023 e xaneiro de 2022) rexistrou unha caída do desemprego do -5,77% (-8.884 persoas). A cifra actual de paro, 145.048 persoas, é a máis baixa contabilizada nun mes de xaneiro de toda a serie histórica (1996).

Máis polo miúdo, Lorenzana explicou que o desemprego caeu nas catro provincias e nas sete grandes cidades galegas, así como en todos os sectores económicos, liderando o descenso a agricultura e pesca (-16,12%) e a construción (-10,06%). Con respecto aos colectivos con máis dificultades para atopar un traballo, os datos tamén amosan unha boa evolución anual: descendeu entre os menores de 30 anos (-8,04%), parados de longa duración (-7,27%) e mulleres (-4,61%). As cifras de parados menores de 30 anos e de mulleres, ademais, son as máis baixas de toda a serie histórica (maio 2005) nun xaneiro.

En canto ás afiliacións, sinalou que a cifra, que continúa a superar a barreira do millón de persoas cotizantes, sitúase a un nivel superior ao reflectido hai 13 anos (2010).

Na evolución mensual, a conselleira explicou que a subida do paro responde a unha caída do emprego estacional despois da campaña de Nadal. De feito, sinalou que o desemprego só aumenta no sector servizos, concentrándose ese incremento no comercio e a hostalería. Pola contra, o desemprego baixa na construción (-1,16%), na industria (-0,37%) e na agricultura e a pesca (-0,19%). No Estado, o paro tamén se incrementou e en maior medida que en Galicia, ao subir nun +2,49% fronte ao aumento galego do +1,99%

En palabras de Lorenzana, as cifras coñecidas hoxe na evolución anual van en liña coas rexistradas na última EPA que reflectiron que Galicia pechou 2022 con menos paro, máis emprego e de maior calidade e con máis activos que o ano anterior, “polo que Galicia segue a recuperar poboación, e, ademais, é poboación que traballa”, subliñou.

Para rematar, a titular de Promoción do Emprego indicou que a Xunta continúa traballando para aumentar as posibilidades laborais das galegas e galegos, afinando na formación, na colocación, a través do sistema de orientación laboral ao que se está incorporando o novo persoal, e “sendo atractivos para o talento que queremos recuperar a través do Plan Retorna Cualifica Emprego”, engadiu. Explicou que o labor da Administración autonómica está a centrarse na actualidade en que as empresas comuniquen á Xunta as vacantes que existen para poder ofrecelas ás galegas e galegos sen emprego e tamén ás persoas emigrantes que desexen retornar.

R., 2023-02-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES