
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou este xoves o apoio do Goberno galego ao evento internacional de disciplinas de baile Vigo Porté que se celebrará a vindeira primavera. Estamos falando dunha iniciativa que converte á cidade en epicentro internacional da danza, polo que a Xunta fará de novo o esforzo necesario para garantir a súa celebración, sinalou.
Nun acto na sede da Delegación Territorial viguesa, a representante autonómica e a directora de Vigo Porté, Lorena López, celebraron o apoio institucional para a que será terceira edición do Trofeo de Baile Internacional Vigo Xacobeo. A través deste trofeo a Xunta de Galicia continúa prestando soporte a esta iniciativa que se consolidou como un dos eventos de danza de referencia en España e a nivel europeo e que regresará ao Auditorio Mar de Vigo os días 28, 29 e 30 de abril e 1 de maio, ampliando a competición por primeira vez a catro días.
Segundo indicaron durante a presentación, ata a data e desde a apertura de inscricións no mes de outubro, Vigo Porté 2023 xa superou os rexistros da pasada edición no que a número de centros de danza (37), participantes (850) e coreografías (370) refírese. Encaramos esta XI edición coa mesma ilusión e ganas que nos primeiros certames. Vigo Porté demostrou ter un gran potencial e supón un importante escaparate para as escolas e os mozos bailaríns, algo que se ve reflectido nas cifras de inscricións que esperamos sexan as máis elevadas da historia, apunta Lorena López.
A directora do certame mostrouse moi agradecida á Xunta polo apoio incondicional ao certame. Queremos agradecer unha vez máis a Marta Fernández-Tapias a súa aposta polo evento, pola danza e por Vigo. Gracias á súa colaboración, Vigo Porté pode continuar realizándose na nosa cidade, sinalou.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.