
Están previstas máis de 60 actividades para a promoción do talento dixital e o fomento da presenza da muller en carreiras e profesións do ámbito tecnolóxico. Ademais, a Rede de Aulas CeMIT está en pleno proceso de transformación para proporcionar unha capacitación apoiada na dixitalización con tecnoloxía. A Rede prevé impartir 140.000 horas de formación dixital e acadar un total de 128.110 usuarios. Para facilitar o acceso a todas estas iniciativas, concederanse un total de 5.744 bonos dixitais para o acceso á conectividade de colectivos vulnerables ata o 2025.
Eliminar a fenda dixital
O primeiro eixe do plan oriéntase ao eliminar a fenda dixital en colectivos vulnerables, persoas maiores e cidadanía en xeral con iniciativas concretas para cada grupo.
Para a alfabetización dos colectivos vulnerables, desenvolverase un programa de inclusión dixital a través da Rede CeMiT, que está a abordar a modernización e transformación dos seus espazos. Ademais, porase en marcha un programa de bonos dixitais que faciliten ás persoas en situación de vulnerabilidade a contratación de internet ou un maior ancho de banda.
Para a inclusión dixital dos maiores o plan contempla dúas actuacións, un programa de concienciación sobre uso de servizos dixitais e ciberseguridade; e outro destinado a mellorar as súas competencias dixitais, acompañándoos no uso de dispositivos e aplicacións.
A cidadanía en xeral poderá beneficiarse da formación dixital a través do Certificado Galego de Competencias Dixitais, que ofrece capacitación e a acreditación oficial das habilidades dixitais en diferentes niveis.
Promover as competencias dixitais dos profesionais
O segundo eixo do plan busca a adquisición, reforzo e actualización das competencias dixitais de todos os profesionaispara facilitar unha adaptación proactiva e áxil ás esixencias dun mercado laboral cada vez máis tecnolóxico.
Este obxectivo vehicularase a través de tres iniciativas, as medidas do Plan Reacciona TIC para a favorecer a transformación dixital das pemes; o Plan de Capacitación do Empregado Público e o Marco Galego de Competencias Dixitais, tanto para os traballadores do sector público como para a cidadanía en xeral.
Impulsar as vocacións e o talento dixital
No terceiro eixo do Plan abordarase o impulso das vocacións científico-tecnolóxicas e o talento dixital avanzado.
Para avanzar neste camiño o plan prevé medidas específicas para fomentar o interese nos estudos STEAM dos máis cativos a través de talleres, encontros e actividades lúdicas, así como campamentos dixitais e Espazos Maker no GaiásTech e a Rede CeMIT dotados con equipamento tecnolóxico interactivo, impresoras 3D, drons, lentes de realidade virtual ou kits de robótica e programación.
Ademais, continuarase co Programa GirlSteam para reducir a fenda de xénero na contorna tecnolóxica e crearanse espazos de coworking e webinars sobre tecnoloxías disruptivas para profesionais.
A inclusión, capacitación e o talento, un compromiso compartido
DigiTalent 2030: Camiña en dixital nace con vocación de ser un instrumento vivo e flexible, conectado á evolución dos desafíos da sociedade galega e ao servizo das necesidades da comunidade.
Para dar cumprimento aos seus obxectivos, o plan incorpora un modelo de colaboración reforzado cos axentes do ecosistema dixital galego que contará coa colaboración das entidades locais, as asociacións e colexios profesionais do eido tecnolóxico da rexión, as universidades, as entidades do Pacto Dixital de Galicia e as empresas do terceiro sector, así como da Rede CeMIT e os voluntarios dixitais.
DigiTalent 2030: Camiña en Dixital fusiona o Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 e o Plan DigiTalent 2020 nun único instrumento estratéxico e toma o seu relevo para enfocarse no horizonte 2030 coa misión de acadar unha sociedade máis autónoma dixitalmente, que non deixe a ninguén atrás.
A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.