Buscador
Noticias
O inverno climatolóxico galego, comprendido entre os meses de decembro de 2020 e febreiro deste ano, caracterizouse por rexistrar temperaturas dentro dos valores agardados e precipitacións un 76% superiores ao habitual se se comparan co período de referencia 1981-2010. Neste sentido, os datos de precipitación rexistrados nas estacións máis representativas da comunidade fan que a estación se considere moi húmida, tendo que remontarse ao ano 2001 para atopar un precedente máis chuvioso. Segundo o avance do informe climatolóxico do inverno elaborado por MeteoGalicia, os tres meses do período analizado caracterizáronse por rexistrar precipitacións bastante elevadas.
O conselleiro de Sanidade informou en rolda de prensa das novidades acordadas polo subcomité clínico, e entre as que destacan o levantamento do peche perimetral das áreas sanitarias de Coruña e Pontevedra, e o establecemento do nivel máximo de restricións nos concellos de Boborás, Poboa de Brollón e A Mezquita, que se engadirán ao municipio pontevedrés de Soutomaior. Desde as 00:00 horas do luns, no que entrarán en vigor as novas medidas, os municipios das áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra recuperarán a mobilidade cos restantes concellos galegos, sempre e cando se atopen no seu mesmo nivel de restricións.
Xunta e o Goberno luso coincidiron hoxe na necesidade de aproveitar os fondos europeos para impulsar as comunicacións entre Galicia e Portugal co AVE entre Vigo,Porto e Lisboa como prioridade. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantivo hoxe unha reunión en Melgaço coa ministra da Coesâo Territorial de Portugal, Ana Abrunhosa, para abordar as infraestruturas estratéxicas de comunicación transfronteiriza.
Comezaron os actos de homenaxe a Xela Arias, sarriá á que se lle dedica este ano o Día das letras Galegas, coa presentación na Casa da Cultura de Sarria do proxecto 'Aquela nena de Sarria", levado a cabo polo Colectivo Egeria. Participaron Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, ao que acompañou o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o Presidente da Real Academia Galega, Victor Freixanes, e por parte do Concello de Sarria, o Alcalde, Claudio Garrido e a Concelleira de Cultura, Reyes Abella. Da familia Arias-Castaño acudiron a nai de Xela, Amparo Castaño; o fillo da homenaxeada, Darío Gil Arias, os irmáns de Xela, Marcos e Lois, e outros familiares.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.174, deles 695 son da área da Coruña, 133 da de Lugo, 146 da de Ourense, 246 da de Pontevedra, 577 da área de Vigo, 285 da de Santiago e 92 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 32 están en UCI, 187 en unidades de hospitalización e 1.955 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 113.123 persoas curadas, rexistrándose 2.352 falecementos. O número de PCR realizadas é de 1.872.868.
A preestrea do filme Nación, da directora luguesa Margarita Ledo Andión, abre este venres na Coruña a nova edición do ciclo Olladas de Muller, organizado polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) en colaboración co Consello da Cultura Galega. A través desta iniciativa, enmarcada na programación cultural da Xunta de Galicia no marco do Día Internacional da Muller, proxectaranse ata o 12 de marzo seis filmes de diferentes nacionalidades feitos por e sobre mulleres. A entrada é de balde. Nación, filme realizado co apoio das subvencións á produción da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ofrece unha pescuda inspiradora sobre as galegas na segunda metade do século XX.
Galicia recibirá ao redor de 30.000 doses da vacina elaborada pola farmacéutica Oxford-Astrazéneca a finais da presente semana. Así llo confirmou a Ministra de Sanidade, Carolina Darias, ao máximo responsable da Sanidade galega, Julio García Comesaña, durante a xuntanza do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Con estas novas doses, a Xunta de Galicia poderá seguir avanzando no proceso de vacinación iniciado o pasado 27 de decembro e así acelerar o seu ritmo á hora de administralas doses. Nestes intres, a comunidade galega xa ten administradas un total de 233.316 doses. Nomeadamente, 184.620 doses de Pfizer, 6.367 de Moderna e 42.329 de Astrazéneca.
O consellerio de Sanidade, Julio García Comesaña, valorou positivamente esta mañá en rolda de prensa os datos epidemiolóxicos da comunidade, tras comezar o pasado venres o denominado proceso de desescalada. Con todo, o máximo responsable da Sanidade galega apelou á prudencia e a continuar co cumprimento estrito das medidas hixiénico-sanitarias vixentes. Trala xuntanza, na xornada de onte, do grupo de expertos que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada polo virus Sars-Cov-2, o titular da Sanidade galega apuntou que o vindeiro venres erguerase o peche da área sanitaria de Ferrol co que recuperará a mobilidade co resto de Galicia.
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou na presentación da Unidade Mixta de Investigación FASTFly 2035, que impulsan o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Star Defence Logistics & Engineering (SDLE), que esta iniciativa e o Polo aeroespacial de Galicia demostran que Galicia se pode posicionar na vangarda desta industria. Na súa intervención, Francisco Conde anunciou que no segundo semestre deste ano se lanzará unha nova convocatoria para seguir desenvolvendo programas de compra pública innovadora (CPI), vinculados ao Polo aeroespacial de Galicia, co obxectivo de seguir dando resposta a novos retos tecnolóxicos.
O director do Igape, Fernando Guldrís, salientou hoxe que as vendas no exterior dos produtos de sectores como a automoción, as conservas e o naval -con subas do 33,3%, 20,5%, e 34,6%- contribuíron de maneira decisiva ao volume alcanzado polas exportacións galegas en 2020. Así, ter superado por cuarto ano consecutivo os 20.000 millóns de euros en exportacións confirma a capacidade de resistencia do tecido produtivo galego. A recuperación das exportacións galegas se confirma cos resultados do segundo semestre do ano, no que as vendas aumentaron un 4,9% con respecto ao mesmo período de 2019, e cos do mes de decembro, nos que a suba foi do 6,8%. Esta evolución positiva supón un xiro na caída que experimentaron nos primeiros meses da pandemia.