Noticias

A automoción, as conservas e o naval, os sectores que máis contribuíron ás vendas das empresas galegas no exterior en 2020

O director do Igape, Fernando Guldrís, salientou hoxe que as vendas no exterior dos produtos de sectores como a automoción, as conservas e o naval -con subas do 33,3%, 20,5%, e 34,6%- contribuíron de maneira decisiva ao volume alcanzado polas exportacións galegas en 2020. Así, ter superado por cuarto ano consecutivo os 20.000 millóns de euros en exportacións confirma a capacidade de resistencia do tecido produtivo galego. A recuperación das exportacións galegas se confirma cos resultados do segundo semestre do ano, no que as vendas aumentaron un 4,9% con respecto ao mesmo período de 2019, e cos do mes de decembro, nos que a suba foi do 6,8%. Esta evolución positiva supón un xiro na caída que experimentaron nos primeiros meses da pandemia.

O 2020 pechouse no acumulado cun descenso do -6%, catro puntos menos que a nivel estatal, onde a caída acadou o -10%. O volume total das exportacións galegas foi de 20.871,7 millóns de euros.

Guldrís engadiu que o número de empresas galegas que exportaron durante o pasado ano se mantivo por riba das 7000, barreira que se superou por vez primeira en 2018. En concreto, foron 7118. En canto ás exportadoras regulares -as que venderon produtos ao exterior nos últimos catro anos de forma consecutiva-, acadaron as 2519.

O director do Igape fixo fincapé na posición de Galicia no conxunto das exportacións estatais e lembrou que é a quinta comunidade en volume de vendas, por detrás de Cataluña, Madrid, Comunidade Valenciana e Andalucía, subindo un posto con respecto a 2019 e situándose por diante do País Vasco. As vendas galegas no exterior supoñen un 8% do total estatal.

Ademais, incidiu en que a balanza comercial galega é a segunda mellor de España, xa que o seu saldo é de 4274 millóns de euros de superávit. Pola contra, a diferenza entre as exportacións e as importacións no total estatal presentou un resultado negativo de -13.422 millóns de euros.

Sobre as vendas por destinos, Guldrís puxo de relevo as importantes subas das exportacións a Turquía, que se incrementaron un 43% con respecto a 2019; Xapón, cun ascenso do 26%; e Namibia, destino no que as vendas aumentaron un 24,6%. En canto aos países europeos, son salientables os incrementos das exportacións a Francia -20,3%-, Dinamarca -20%- e Polonia -15,7%-.

Programas de apoio á internacionalización das empresas galegas

En canto ás medidas de apoio para impulsar a presenza das empresas galegas no exterior, especialmente das pemes, o director do Igape recordou que están abertos os prazos de solicitudes de varias liñas. É o caso do Galicia Exporta Dixital, que conta con 6 millóns de euros para impulsar as vendas internacionais de pemes, autónomos e comercios a través de ferramentas dixitais innovadoras. Os interesados poden solicitar os apoios ata o 30 de xuño.

Así mesmo, está aberto o prazo de solicitude das axudas para a contratación de expertos en comercio exterior, que facilitarán a incorporación ao mercado laboral de 75 mozos e maiores de 45 anos en situación de desemprego grazas a unha dotación que ascende a dous millóns de euros.

Sobre as axudas implementadas para que as compañías galegas exportadoras e importadoras poidan coñecer e adaptarse aos novos requisitos derivados da saída do Reino Unido da Unión Europea, as empresas interesadas poden solicitar ata o 17 de maio as axudas do Cheque Brexit, que conta cun orzamento dun millón de euros. É unha das cinco medidas incluídas na Oficina Brexit, que tamén contempla unha nova Antena en Londres, a ferramenta de autodiagnóstico xa en funcionamento, o Brexit Igape Responde e diferentes medidas complementarias de información e formación.

R., 2021-03-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES