
Trala benvida do Alcalde abrindo o acto interveu Reyes Abella para comentar as actividades que en Sarria se van celebrar para festexar que unha sarriá sexa honrada por toda Galicia pola súa escrita e papel social. Valentín García, en representación da entidade patrocinadora desta exposición itinerante, congratulouse de que o Día das Letras deste ano se dedique a unha rapaza rompedora, que abriu camiños na escrita e na impulsión do papel da muller, e reafirmou a decisión da Xunta de implicarse decididamente nas actividades que se van desenvolver. E o Presidente da Real Academia Galega fixo fincapé na figura de Xela, coa que traballou, o seu papel na edición e na escrita e na vixencia das súas mensaxes. No nome da familia, interveu Darío Gil Arias, fillo de Xela, nunha emocionada intervención na que agradeceu a homenaxe das Letras Galegas á súa nai, e puxo de relevo a actualidade do seu pensamento e da súa poesía.
Exposición Aquela nena de Sarria
Con este título, o Colectivo Egeria -do que estaban presentes Antonio Giz e Xulio Xiz, responsables da mostra- preparou unha exposición de 12 paneis nos que se abordan especialmente os anos sarriáns e lucenses de Xela Arias, con incidencia especial no tempo da Granxa-Escola de Barreiros (fundada polo financeiro Antonio Fernández), da que o pai de Xela -Valentín Arias López, destacado intelectual- era director, residindo tamén a familia na vivenda existente na escola.
Xulio Xiz foi resumindo aos asistentes os contidos da exposición, desde a orixe da familia Arias-Castaño, a súa vinculación con Barreiros e Fingoi, a loita de Xela por defender o seu nome galego, o seu vencello co idioma galego desde sempre, e as súas primeiras letras públicas a raíz do premio conseguido no certame de O Facho.
Destacou que sete poetas actuais sarriáns dedican a Xela os seus poemas, o mesmo que o fan alumnos e alumnas dos institutos Xograr Afonso e Gregorio Fernández de Sarria, e os membros do colectivo Nova Poesía Guitírica que aportaron once das súas Vilariñas para Xela. E por fin Elas: Compañeiras de viaxe (Maria Xosé Queizán, Yolanda Castaño, Marica Campo, Susana Trigo, Marga Do Val, Carmen Blanco, Ana Romaní, Cristal Méndez Queizán e Olga Novo) coas que Xela compartiu poemas e loitas. A exposición complétase con lembranzas de Xela -de súa nai, seu fillo, amigas, Manuel María e Arlindo López Arias- rematando coa mención ás palabras de Xela no pregón da Feira do Libro de 1989: Quen nunca leu un libro ten defecto de fábrica.
Poesía e Música
Esta primeira homenaxe rematou no salón de actos da Casa da Cultura, onde leron cadanseu poema de Xela o seu sobriño e as poetas sarriás Sonia Arias e Elena López González, participantes na homenaxe poética da exposición. E o escritor e músico de Sarria, Eloi Caldeiro, tamén participante na exposición, cantou con acompañamento de dous músicos tres poemas de Xela aos que puxo música e que formarán parte do disco que con letras da autora vai publicar con motivo da homenaxe de Galicia á creadora sarriá.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.