Buscador
Noticias
A estadía media nos establecementos de aloxamento galegos medrou no primeiro trimestre un 2,3%, situándose na cifra máis alta dos últimos cinco anos. Nos tres primeiros meses visitaron Galicia máis de 614.000 viaxeiros, que realizaron máis de 1,1 millóns de pernoitas, o que supón un crecemento dun 18% no último lustro. Durante os tres primeiros meses deste ano o turismo internacional medrou preto dun 2% . É o quinto ano consecutivo no que se rexistra un crecemento do turismo internacional en Galicia neste primeiro trimestre situando o nivel de 2019 en máis de 218.000 noites, a cifra máis alta en 11 exercicios. No que se refire só ao mes de marzo, tamén se rexistrou un aumento no tempo que os viaxeiros permanecen na Comunidade galega malia o efecto de Semana Santa, que nesta ocasión se celebrou en abril.
Galicia mantén a súa segunda posición no número total de areais que contan con bandeira azul, despois de Valencia con 135 distincións. Deste xeito, a comunidade galega acapara case un 20% das 566 bandeiras azuis totais outorgadas en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) aos areais, e vai seguida no ranking nacional pola Comunidade catalana (97 bandeiras),e pola andaluza (79). Nesta nova edición, o Concello de Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego -e do conxunto do Estado- con máis bandeiras azuis, con 14 praias distinguidas. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que suma 10 en 2019; Cangas do Morrazo (7), Marín e Baiona, con 5 cada concello.
A Cidade da Cultura de Galicia súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha lectura participativa e polas redes sociais, o mesmo 17 de maio, de obras do homenaxeado neste 2019, Antonio Fraguas (Cerdedo, 1905 Santiago de Compostela, 1999). Parte das importantes achegas e achados deste investigador e divulgador da cultura popular galega serán lidas -e emitidas en liña- por aqueles visitantes que estean esa xornada no Museo Centro Gaiás, no que precisamente se realizarán visitas comentadas, e de balde, á exposición Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia. Estarán especializadas nas pezas cedidas polo Museo do Pobo Galego (MPG), institución da que foi director e tamén presidente do padroado.
Foi presentado no Instituto Lucus Augusti de Lugo (antigo Instituto Masculino) o proxecto-homenaxe "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO". Convocados polo profesor Manuel Regueiro Tenreiro, que tivo gran relación profesional e persoal con don Antonio Fraguas, xuntaron lembranzas o historiador Antonio Prado Gómez (ao que nada do antigo Instituto Masculino de Lugo lle é alleo), e os antigos alumnos do vello profesor, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, para por serlle dedicado a Fraguas o Día das Letras Galegas do ano 2019 facer un achegamento á pegada que o Mestre Fraguas deixou na cidade das murallas, e en todos os que tivemos / tiveron a sorte de telo por docente e amigo.
Galicia acollerá en 2020 a sexta edición do evento Unvex, un foro centrado en sistemas non tripulados en España e Latinoamérica, organizado pola editorial IDS, especializada en información sobre mercados e industrias tecnolóxicas e editora de medios dixitais como Infodron, Infodefensa e Infoespacial. O evento celebrarase en Santiago de Compostela e o Polo aeroespacial de Rozas do 16 ao 18 de xuño de 2020, co patrocinio da Xunta de Galicia. O evento estará centrado nun mercado emerxente, o dos servizos públicos, xa que cada vez máis as administracións demandan solucións tecnolóxicas e eficientes para ofrecer mellores servizos aos cidadáns en ámbitos como a protección do medio ambiente, a vixilancia costeira, o rescate, as emerxencias, saúde e seguridade, infraestruturas ou acceso a áreas remotas.
O Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta semana a Contraproducións con sete pases do espectáculo Fillos do sol, unha proposta escénica de Cándido Pazó arredor da figura do escritor Eduardo Pondal e do seu poema épico Os Eoas. Serán catro funcións para público xeral, do xoves 9 ao domingo 12, e outras tres dirixidas a escolares, nos días lectivos. A compañía galega presenta esta montaxe no centenario da morte do autor de Ponteceso, un dos piares literarios do Rexurdimento Galego, e faino achegándose á súa vida e obra a través dunha produción que mestura realidade ficcionada e fabulación dramática.
A contratación tamén continúa en aumento, mentres que no Estado baixa, e, ademais, o paro baixa nos colectivos prioritarios para a Xunta. O desemprego descende, así, entre os menores de 30 anos (-9,52%), nas mulleres (-7,73%) e nos parados de longa duración (-14,48%), o que supón que 3 de cada 4 persoas que saíron do paro no último ano pertencían a este colectivo. O paro tamén caeu nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade, liderando o descenso a construción (-19%) e a industria (-9,12%), ambos por riba da media xeral de Galicia (-8,81%), seguidos da agricultura e a pesca (-8,17% e os servizos (-7,31%). En canto ás provincias, lidera a caída do paro Lugo (-10,85%), seguida da Coruña (-9,44%), Pontevedra (-8,65%) e Ourense (-5,34%).
Recoñécense a 95 novos deportistas galegos e galegas de alto nivel polo procedemento iniciado en novembro de 2018 (34 mulleres, 61 homes e 4 deportistas con discapacidade) que se suman á lista de 308 deportistas galegos e galegas de alto nivel recoñecidos en anteriores convocatorias (122 mulleres, 186 homes e 6 deportistas con discapacidade). No momento actual Galicia conta con 403 deportistas galegos e galegas de alto nivel (156 mulleres e 247 homes), dos que 10 (8 homes e 2 mulleres) son deportistas con discapacidade, o número máis elevado desde que se recoñecen aos deportistas galegos e galegas de alto nivel, o 2004.
A lonxa de Burela foi durante o escenario da presentación do proxecto Peque Peixe, unha iniciativa destinada a formar os nenos e nenas de 3 a 15 anos na terminoloxía mariñeira e pesqueira en galego. O evento contou co apoio da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-7) e de Armadores de Burela (ABSA). Participaron un total de 132 nenos e nenas de tres CEIP da comarca, que recibiron, xunto con outros agasallos, unha das seis unidades didácticas que compoñen os materiais de Peque Peixe. Os 132 estudantes de segundo de primaria dos CEIP Virxe do Carme de Burela, Fondo Nois de Foz e Península da Paz de San Cibrao tiveron ocasión de percorrer a lonxa de Burela acompañados por uns guías moi especiais: os famosos Bolechas.
O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) acollerá o vindeiro luns a cuarta edición do Gastroforum, co título Gastronomía con propósito, que afondará este ano nas claves da xestión sustentable aplicada á gastronomía. No cuarto Gastroforum citaranse representantes de diferentes restaurantes galegos avalados pola súa traxectoria como Iván Domínguez, do restaurante Nado; Sergio Musso e Paco Chicón do restaurante Eclectic; Diego López, de La Molinera; Javier Olleros, de Culler de Pau; Iria Espinosa de Árbore da Veira; Kike Piñeiro, de A Horta do Obradoiro; Marco Martínez, bar manager de Boanerges; Pepe Solla, de Casa Solla, Alberto Lareo; Miguel Fernández, de Morgana, ou Lucía Freitas, de A Tafona.