Buscador
Noticias
A Cidade da Cultura de Galicia presentará o 5 de xuño, nas Torres Hejduk, Plástico a mareas, unha intervención de María Arceo realizada a partir de refugallos deste material recollidos do río Sar e da costa galega para denunciar a contaminación na nosa contorna. Precisamente, hoxe a artista compostelá retirou en Santiago lixo neste caudal, dentro da iniciativa europea Ocean Initiatives Let´s clean up Europe! de recollida de desperdicios en espazos naturais. As accións en Galicia de Lets clean up Europe! están promovidas por Viaqua, patrocinadora da intervención de María Arceo nas Hejduk. O venres tamén se levou a cabo unha iniciativa similar no río Lonia, en Ourense.
Os museos galegos ofrecen durante toda esta semana un amplo programa de actividades para todos os públicos para celebrar, o 18 de maio, o Día Internacional dos Museos baixo o lema Os museos como eixes culturais: o futuro da tradicións. O obxectivo marcado nesta edición polo Consello Internacional de Museos é subliñar os novos papeis que desempeñan os museos como axentes activos nas súas comunidades. Con este fin, os museos de xestión autonómica teñen programadas actividades como xornadas de portas abertas, visitas guiadas, concertos, obradoiros, espectáculos de monicreques ou romarías. Moitos dos museos empezan xa a celebración da efeméride nas xornadas previas ao 18 de maio.
O proxecto de loita biolóxica contra a avespa velutina desenvolvido por estudantes pontevedreses é o gañador absoluto da Galiciencia 2019. A proposta de Nuno Sinde e Pedro Fernández, do Colexio Internacional SEK-Atlántico de Poio, de combater esta especie invasora usando fungos foi o mellor valorado polos 40 membros do xurado entre os 50 proxectos que competían polo premio final, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2020 (Barcelona). Durante os tres días que durou a primeira edición de primavera da Galiciencia pasaron pola exposición de proxectos e as actividades paralelas máis de 2.000 visitantes.
A World Robot Olympiad (WRO) é unha competición de robótica educativa de ámbito internacional, que ofrece aos nenos e nenas unha oportunidade de achegarse dunha maneira lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñería. Os estudantes, coa orientación dun entrenador, deben construír un robot innovador que supere un reto. Así, aprenden e demostran a súa capacidade de resolución de problemas, ao mesmo tempo que desenvolven competencias persoais. Na WRO englóbanse diversos retos que se celebran de forma independente. Na categoría Regular, os equipos deben construír robots que consigan a máxima puntuación ao resolver probas presentadas sobre un taboleiro.
A Lei 2/2019 de Reforzo de actuacións prioritarias, aprobada esta semana no Parlamento, permitirá que Galicia poida empezar a utilizar xa o superávit contable de 2018, un total de 125 millóns de euros, para reforzar o gasto social en Sanidade, Ensino e Servizos Sociais públicos. A través desta lei autorízase un suplemento que permitirá empregar o superávit sen penalizar o cumprimento das regras fiscais. No que atinxe ao destino dos créditos suplementados, a maior parte das actuacións afectan políticas de gasto social, que se complementan cun financiamento adicional para infraestruturas forestais preventivas, establece o texto da lei.
Tivo lugar en Álava o encontro da España Verde, coa presenza dos directores de turismo das catro comunidades autónomas que integran esta marca que, ademais de Galicia, está conformada por Asturias, Cantabria e País Vasco. Coincidindo con 30 aniversario da España Verde e baixo a coordinación que este ano asume o País Vasco, o encontro serviu para facer balance das actividades realizadas ata o de agora e avanzar na programación deste 2019. Preténdese intensificar agora os esforzos mediante unha serie de accións encamiñadas a captar novos mercados de interese estratéxico, especialmente o asiático, e centrarse nos recursos que unen ás catro comunidades.
Seis de cada dez microempresas galegas emprega software libre, experimentando un aumento do 10,3% no último ano. No caso das empresas de 10 ou máis empregados, a porcentaxe supera o 87%, por riba da media española, o que sitúa a Galicia no quinto posto da comparativa por Comunidades Autónomas, por diante de Madrid, Cataluña ou País Vasco. No caso concreto do sector TIC galego o uso do software libre xa acada o 89,7%. Son datos recollidos nos dous estudos sobre o uso de software libre nas empresas e nas empresas informáticas de Galicia no ano 2018, publicados hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).
O 33º Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña desvelou esta mañá un novo avance do seu cartel para este 2019. A frescura retro-futurista de Belako, que mistura o punk-rock cos ambientes máis cálidos da electrónica sinfónica, subirase ás táboas da Praia de Riazor o sábado 10 de agosto. Pola súa banda, a lenda estadounidense Jello Biafra, considerado como o líder intelectual do movemento punk, súmase ao cartel do venres 9 en Riazor xunto a Patti Smith and Band e Nathy Peluso. Mentres, o inclasificable trobador tecno Joe Crepúsculo celebrará unha década de carreira a ritmo de baile irracional no Noroeste, onde tamén sorprenderá o indie pop imparable de Los Punsetes.
Os investigadores e investigadoras noveis da Galiciencia demostran especialmente nesta edición as súas capacidades para poñer a tecnoloxía ao servizo da concienciación e da adopción de bos habitos. Moitos dos equipos participantes na maior feria científica de Galicia decidiron presentar proxectos sobre a temática central do evento, a saúde e os bos hábitos.
A alimentación saudable, a mellora calidade de vida, a seguridade viaria e a redución do impacto ambiental protagonizan gran parte dos 79 proxectos que se expoñen desde hoxe ata o vindeiro venres no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense) durante a décimo cuarta edición da Galiciencia.
Celebrouse hoxe o Consello Consultivo de Pesca para Asuntos Comunitarios, no que se expuxeron as reivindicacións de Galicia de cara ao futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que rexerá entre os anos 2021 e 2027. Presentouse tamén no encontro o acordo acadado con Francia polo que os dous países reclamarán unha maior simplificación do fondo e que se aclaren cuestións que no pasado provocaron retrasos na execución dos fondos. A xuntanza entre os representantes dos Gobernos autonómicos e do Executivo central para preparar o Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea da próxima semana abordou a necesidade de adaptar o marco financeiro de apoio á cadea mar-industria á súa realidade.