Noticias

Galicia defende a alianza con Francia para reformar o futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e mellorar a súa eficacia

Celebrouse hoxe o Consello Consultivo de Pesca para Asuntos Comunitarios, no que se expuxeron as reivindicacións de Galicia de cara ao futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que rexerá entre os anos 2021 e 2027. Presentouse tamén no encontro o acordo acadado con Francia polo que os dous países reclamarán unha maior simplificación do fondo e que se aclaren cuestións que no pasado provocaron retrasos na execución dos fondos. A xuntanza entre os representantes dos Gobernos autonómicos e do Executivo central para preparar o Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea da próxima semana abordou a necesidade de adaptar o marco financeiro de apoio á cadea mar-industria á súa realidade.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe ao Consello Consultivo de Pesca para Asuntos Comunitarios no que expuxo as reivindicacións de Galicia de cara ao futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que rexerá entre os anos 2021 e 2027. A representante do Executivo galego coñeceu no encontro o acordo acadado con Francia polo que os dous países reclamarán unha maior simplificación do fondo e que se aclaren cuestións que no pasado provocaron retrasos na execución dos fondos. “Temos que facer un FEMP flexible, que prescinda de moita burocracia e dea seguridade xurídica aos nosos profesionais, o que fará máis competitivo o noso sector”, resumiu a titular de Mar.

A xuntanza entre os representantes dos Gobernos autonómicos e do Executivo central para preparar o Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea da próxima semana abordou a necesidade de adaptar o marco financeiro de apoio á cadea mar-industria á súa realidade e corrixir disfuncións como a falta de axilidade, simplificación e claridade, unhas demandas que inclúe o acordo acadado con Francia. “Síntome tremendamente satisfeita con ese documento pois as súas liñas xerais están no ditame que presentou o presidente da Xunta no Comité Europeo das Rexións”, salientou Rosa Quintana en referencia ao ditame que foi aprobado por ese organismo e por unanimidade en maio do ano pasado.

Entre os asuntos máis relevantes para Galicia está a necesidade de redefinir o concepto de frota artesanal, que na actualidade se limita a barcos de eslora de ata 12 metros e ao emprego do arrastre, co que queda fóra moita frota de artes menores. “Un único parámetro non debe definir o que se entende por frota artesanal. É difícil explicarlle ao sector que un barco de 12 metros acceda a axudas e outro que pesca na mesma zona, as mesmas especies e coas mesmas artes non pode por ser de 12,5 metros”, lamentou a titular de Mar.

Nesta liña, a representante da Xunta tamén reivindicou a necesidade de axudas a novas construcións e modernizacións de buques, unhas achegas que considera necesarias pois contribuirían a mellorar as condicións de traballo a bordo dos pesqueiros. “Esa mellor habitabilidade do barco non vai aumentar a capacidade pesqueira senón que vai facer máis atractiva a actividade e que a xente nova aposte por ela”, remarcou Rosa Quintana.

A conselleira do Mar tamén lembrou a necesidade de modificar o xeito en que quedarán configuradas as axudas ao sector da transformación no futuro fondo, pois elimínanse as achegas directas e empregaríanse instrumentos financeiros. “Trátase de empresas competitivas que teñen que facer fortes inversións para seguir innovando, para mellorar os procesos e aproveitar a excelente materia prima que temos, polo que é necesario manter esas axudas”, apuntou a representante da Xunta.

Entre as reclamacións de Galicia tamén está a de exixir o incremento da porcentaxe de cofinanciamento do fondo do 75% ao 80% e elevalo ata o 85% no caso concreto de actuacións no marco dos Grupos de Acción Local. Mentres, para accións nas rexións ultraperiféricas, a comunidade defende un cofinanciamento do 100%.

“España ten acreditado o que é facer unha pesca sustentable, con caladoiros nos niveles máximos de explotación, e tamén nos caracterizamos por loitar contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada. Estamos en condicións de pedir á Comisión e ao Parlamento Europeo que entendan a necesidade de seguir apoiando a este sector tan importante da UE e fundamental nas zonas pesqueiras españolas”, concluíu Rosa Quintana.

R., 2019-05-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES