Noticias

Seis de cada dez microempresas galegas empregan software libre, un 10% máis que o ano anterior

Seis de cada dez microempresas galegas emprega software libre, experimentando un aumento do 10,3% no último ano. No caso das empresas de 10 ou máis empregados, a porcentaxe supera o 87%, por riba da media española, o que sitúa a Galicia no quinto posto da comparativa por Comunidades Autónomas, por diante de Madrid, Cataluña ou País Vasco. No caso concreto do sector TIC galego o uso do software libre xa acada o 89,7%. Son datos recollidos nos dous estudos sobre o uso de software libre nas empresas e nas empresas informáticas de Galicia no ano 2018, publicados hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).

As aplicacións libres con maior implantación nas empresas galegas seguen a ser os navegadores de internet e as aplicacións ofimáticas libres. Non obstante, o maior incremento produciuse nas aplicacións relacionadas co software de seguridade, plataformas de aprendizaxe ou servidores de correo electrónico.

O uso do software de seguridade, plataformas de aprendizaxe, servidores de correo electrónico libres medrou tanto en microempresas (27,1%) como en empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia (41,2%), ocupando o segundo posto na comparativa por Comunidades Autónomas.

Uso por sectores

O sector servizos confírmase como o que máis uso realiza do software libre, independentemente do tamaño das empresas. Nas microempresas o uso de aplicacións libres supera o 64% das entidades e nas empresas de 10 ou máis empregados sitúase por riba do 90%.

As empresas informáticas galegas como provedoras de solucións TIC

Máis da metade das empresas TIC galegas oferta produtos en software libre (50,8%). Os programas de software libre máis ofertados son os sistemas de “Sistemas de xestión de bases de datos” “servidor web” e os programas “xestión de contidos de portais e páxinas web”.

En termos evolutivos, cabe salientar os seguintes: o “Software para dispositivos móbiles”, que experimenta un aumento de 3,6 puntos e o “E-learning”, que aumenta case 4 puntos porcentuais.

Debilidades e fortalezas do software libre

Entre os motivos polos que as empresas TIC non empregan software libre, a máis destacada é a “incompatibilidade cos sistemas ou interlocutores actuais”, sendo a segunda causa a “complexidade ou risco de cambio”.

En relación ás fortalezas, os principais aspectos que valoran os clientes do software libre son o custo (70,7%), a independencia do provedor (57,3%) e a persoalización (44,8%).

Outro aspecto positivo que destaca este estudo é o aumento da formación TIC recibida polo persoal tanto técnico como usuario nas empresas TIC galegas no ano 2018. O maior crecemento produciuse na formación recibida en software libre do persoal técnico (59%), cun incremento de 13,6 puntos porcentuais. A formación en software libre do persoal usuario (42,3%), experimentou un aumento de 9,4 puntos porcentuais.

En relación á previsión que realizan as propias empresas TIC galegas sobre a evolución do software libre, cabe salientar que un significativo 45,4% opina que se incrementará a súa presenza nos próximos anos.

Plan de software libre da Xunta

A Xunta de Galicia, a través da Amtega, vén desenvolvendo, en colaboración cos principais axentes do software un Plan anual para o impulso e difusión do software libre na Administración, nas empresas e entre a cidadanía. Ás actuacións deste Plan súmanse as actividades do Centro Demostrador TIC para achegar ás empresas as diferentes solucións en software libre ao seu alcance e as realizadas a través da Rede de Aulas CeMIT para formar á cidadanía neste tipo de ferramentas.

R., 2019-05-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foto de la tercera plana (galicia-ilusiona-2026.jpg) Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.

Notas

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu a presentación pública de 'TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade en torno ao Patrimonio Literario Rural', un proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), na modalidade Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (ACTS).
A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES