Noticias

A alimentación, a calidade de vida, a seguridade viaria e o medio ambiente protagonizan os proxectos da Galiciencia 2019

Os investigadores e investigadoras noveis da Galiciencia demostran especialmente nesta edición as súas capacidades para poñer a tecnoloxía ao servizo da concienciación e da adopción de bos habitos. Moitos dos equipos participantes na maior feria científica de Galicia decidiron presentar proxectos sobre a temática central do evento, a saúde e os bos hábitos. A alimentación saudable, a mellora calidade de vida, a seguridade viaria e a redución do impacto ambiental protagonizan gran parte dos 79 proxectos que se expoñen desde hoxe ata o vindeiro venres no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense) durante a décimo cuarta edición da Galiciencia.

A maior feira científica de Galicia comezou esta mañá a recibir os máis de 2.000 escolares que a visitarán durante os seus tres días de duración, aos que se suman as familias e grupos que se achegan pola súa conta, dado que o evento é de entrada libre polas tardes. O certame conta de novo coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

A carpa da Galiciencia acolle 50 proxectos de Secundaria que compiten polo premio final, mentres que os 29 de Primaria se expoñen fóra de concurso. A delegación máis numerosa na exposición de proxectos procede da provincia de Pontevedra, cun total de 34 equipos defendendo as súas investigacións e inventos. A eles súmanse 22 de Ourense, 12 da Coruña, 7 de Lugo, 2 de Barcelona, un de Asturias e outro de Sevilla.A delegada territorial da Xunta na provincia de Ourense, Marisol Díaz, e o xefe territorial fixo hoxe un percorrido polos stands para coñecelos.

Das pataqueiras para astronautas aos monedeiros antibacterias

A alimentación é sempre un tema popular entre os participantes na Galiciencia. Este ano incrementouse o número de proxectos sobre o tema, dada a temática central do certame. A creación dunha cadea de comida rápida saudable que elabora os menús en función das características de cada persoa é a proposta dos alumnos do Colexio SEK-Atlántico de Poio (Pontevedra). Desde o Colexio Montecastelo de Vigo, preséntase un invernadoiro de patacas para viaxes espaciais que permite o cultivo sen terra e controlado mediante unha app. Do IES O Couto chega unha aplicación móbil con máis de 30 receitas específicas para persoas cun ril transplantado.

A mellora da calidade de vida está detrás dun bo número de propostas. Dúas alumnas das Aulas Tecnópole (Ourense) presentan unha pulseira capaz de monitorizar os síntomas dunha crise epiléptica e enviar sinais de alerta. Do IES Menéndez Pidal da Coruña chega un mapa dixital que dá indicacións aos cidadáns para moverse de forma máis saudable e eficiente pola cidade. Á parte de analizar a cantidade de bacterias presentes no diñeiro que circula entre nós, dúas alumnas do Colexio San José de Ourense deseñaron un monedeiro antimicrobiano. Do Colexio Compañía de María de Santiago procede un espirómetro deseñado e impreso en 3D que permite detectar anomalías pulmonares, co obxectivo asociado de concienciar a xuventude sobre os riscos do consumo de tabaco.

Os coñecementos sobre programación están detrás dos enxeños que buscan contribuír a mellorar a seguridade viaria. É o caso do sistema de acendido intelixente para coches que se bloquea cando detecta que o condutor está bébedo desenvolvido por unha alumna do Colexio Maristas de Ourense. E tamén do Bikerduino, o casco con luces LED que lle indica aos vehículos que circulan pola estrada, mendiante movementos de cabeza, se o ciclista está freando ou que dirección quere coller nun cruce.

O coidado do medio ambiente e a redución do impacto nel a causa das actividades humanas son cuestións tamén recurrentes nesta edición da Galiciencia. O deseño de biomateriais –de orixe orgánica e biodegradables– capaces de substituír o plástico é un reto compartido por dous dos equipos participantes, un do Centro Educativo Galén de Lugo e outro do Colexio Eduardo Pondal de Cangas (Pontevedra). A biorremediacióne o uso de especies vexetais para loitar contra insectos e especies invasoras son aplicados por equipos de Ourense, Lugo e Pontevedra para eliminar contaminantes tóxicos no fogar, erradicar a vespa velutina usando fungos e limpar as plantas de parásitos.

Os enxeños tecnolóxicos de última xeración ten tamén o seu oco na Galiciencia, como todos os anos. Do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela chega unha sofisticada neveira portátil baseada nunha célula Peltier. Alumnos do CPR Cemar de Mondariz (Pontevedra) presentan aplicacións dos drons multirrotores en transporte de enfermos e servizos antiincendios, entre outros. E do IES A Xunqueira, de Pontevedra, procede un téxtil que incorpora electrónica para axudar a comunicarse ás persoas con diversidade funcional.

A estes súmanse numerosos estudos como o que lles permitiu a alumnos do CPI Mosteiro-Meis (Pontevedra) descubrir que máis da metade dos rapaces levan sobrepeso nas súas mochilas. Tamén o realizado por alumnas do IES de Ortigueira (A Coruña) sobre a presenza inferior de rapazas nos estudios tecnolóxicos. Ou, entre outros, o relativo aos hábitos da xente nova elaborado polo equipo do IES Celso Emilio Ferreiro, de Celanova (Ourense).

Espectáculo rentransmitido por internet

Hoxe comezaron tamén ostalleres e o espectáculo científico centrado na astronomía que poderá seguirse mañá ás 11 horas en streaming(retransmisión en directo por internet) desde calquera centro escolar ou desde a casa, accedendo á canle de Tecnópole en Youtube.

R., 2019-05-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (cine-obxectivo.jpg) A Filmoteca de Galicia recibiu esta mañá na súa sede da Coruña o alumnado dos tres colexios galegos participantes no programa Cinema en curso para a estrea das películas que realizaron co acompañamento dos cineastas Alejandro T. Tarraf, Fon Cortizo e Ángel Santos no marco desta iniciativa pedagóxica internacional. Nesta nova edición de Cinema en curso participaron 44 estudantes e sete docentes de sexto de Primaria dos colexios A Reigosa de Ponte Caldelas, A Rúa de Cangas e Tenorio de Cerdedo-Cotobade. A Filmoteca encárgase da coordinación na nosa Comunidade deste proxecto internacional impulsado pola asociación A Bao A Qu, cuxa metodoloxía fundaméntase no vínculo entre ver e facer cinema.
Foto de la tercera plana (universidade-estudante.jpg) As tres universidades públicas galegas ofertarán o vindeiro curso catro dobres graos e 12 másteres de nova implantación, dentro das 17.102 prazas universitarias totais dispoñibles, tal e como avaliou o Consello Galego de Universidades na súa reunión de hoxe. Coma todos os anos, a oferta deberá ser ratificada definitivamente polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través da Conferencia General de Política Universitaria. No que atinxe ás titulacións de grao, condicionado á resolución de verificación favorable a nivel estatal, o Consello Galego de Universidades na súa reunión de hoxe autorizou a implantación de dobres graos nas universidades da Coruña e de Vigo.

Notas

Dende o luns 16 ao mércores 18 de xuño, desenvólvese na Facultade de Matemáticas da USC, a NoLineal 2025 que chega xa á súa edición número catorce. A tamén denominada International Conference on Nonlinear Mathematics and Physics está organizada pola Facultade de Matemáticas da USC e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga). O Congreso NoLineal 2025 forma parte dunha serie de encontros científicos que naceron no ano 1997.
Coa illa de San Simón como anfitrioa, preto dun cento de especialistas de toda España debaten sobre a situación actual e os retos de futuro das empresas da economía social (aquelas nas que o interese colectivo dos seus integrantes e o interese xeral económico e social están por riba do capital), dentro do VIII Congreso Internacional de Economía Social Eescoop (Escola de Especialización Profesional en Economía Social, Cooperativas e Outras Organizacións de Participación).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES