Buscador
Noticias
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as axudas do bono Emprega Automoción, un novo programa dirixido a ocupados co que a Xunta apoia a formación á carta nas empresas do sector. O Goberno galego con esta iniciativa financiará o 50% da cualificación ata 2000 euros por persoa. Do que se trata é de mellorar as capacidades dos traballadores, o que permitirá ás compañías ser máis competitivas. O investimento previsto é de 3 millóns de euros ao ano para formar a 1500 persoas cada exercicio. O prazo de solicitude, aberto desde mañá, rematará o 30 de setembro.
Os proxectos que se van desenvolver recibirán 4,66 millóns de euros en axudas que permitirán a mobilización de 11,3 millóns no sector. A instalación destas tecnoloxías posibilitará aforros anuais de 2,45 millóns de litros de gasóleo ao ano e a redución de emisións de 7.300 toneladas de CO2, equivalente á acción de 365.000 árbores. Vanse desenvolver 951 proxectos de biomasa, 512 de aerotermia e enerxía solar e 82 de xeotermia. Estes apoios súmanse ás axudas concedidas en materia de eficiencia enerxética e renovables a empresas, entidades sen ánimo de lucro e á administración local a través das que se impulsarán 434 proxectos que permitirán un aforro na factura enerxética dos beneficiarios de 5,5 millóns de euros ao ano.
O censo oficial recolle este ano un total de 507 zonas de baño, tanto marítimas como continentais. Delas, un 80,8% obtivo unha clasificación sanitaria excelente segundo os datos publicados no informe técnico anual ao peche da campaña 2017 e que son os que están vixentes durante este verán. Segundo se recolle neste informe, ademais das mencionadas zonas de de baño con clasificación excelente, o 11,7 % obtiveron unha clasificación boa, o 5,1% unha clasificación suficiente e o 2,4 % unha clasificación sanitaria insuficiente.
A Fundación Vodafone e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa a Rede CeMIT continúan traballando para impulsar o uso dos smartphones e as tabletas entre as persoas maiores. Os ciclos Aprende a usar o teu smartphone e Aprende a usar a túa tablet. retomaranse en setembro e prolongaranse ata novembro nas localidades de Brión, Oroso, Pontedeume, e Ribadeo. De cara a darlle continuidade a esta programación, a Fundación Vodafone renovou parte do material cedido para a realización destas actividades con 7 novas tabletas.
Na súa 32ª edición, o Festival Noroeste Estrella Galicia continuou o seu ascenso de popularidade para converterse nunha das citas estatais musicais imprescindibles do verán. Cun modelo de festival de rúa, que aposta pola cultura próxima e de calidade, sen esquecer as figuras internacionais, a cita coruñesa conquistou nesta ocasión a máis de 90.000 persoas. Coa cidade como un escenario máis, chamado a ocupar un papel protagonista, o festival converteuse nun dos eventos urbanos máis importantes da península, atraendo a atención de miles de persoas, coruñesas e visitantes en busca dunha experiencia musical e cultural completa.
A Plataforma É-Saúde, ferramenta dixital dirixida a pacientes e cidadáns que permite acceder a unha serie de servizos interactivos e contidos personalizados de saúde dende calquera dispositivo conectado a internet, vén de ser nominada finalista aos premios New Medical Economics 2018 na categoría de mellor proxecto en saúde dixital 2018. É-Saúde conta, actualmente, cun total de 51.000 usuarios. Cada semana realízanse 400 novas altas a este servizo, ao que cada día acceden unha media de 2.500 persoas dadas de alta.
Portos de Galicia recolleu ao longo das últimas semanas máis de 25.000 quilos de residuos dos fondos mariños da costa Cantábrica das provincias da Coruña e Lugo. Así o recolle o informe do organismo portuario de balance das actuacións de limpeza desenvolvidas polo departamento administrativo de zona norte do ente público. Estas actuacións enmárcanse na quinta fase do plan de limpeza de dársenas que o ente público desenvolve anualmente nas tres provincias costeiras, e que este ano na costa Cantábrica tivo lugar nos portos de Morás (Xove), O Barqueiro, Cedeira, Celeiro (Viveiro) e Cariño
A Xunta ten previsto mobilizar 15 millóns de euros en préstamos para impulsar o acceso ao circulante das pemes e os autónomos galegos a través do lanzamento dunha nova convocatoria do programa Resolve, co obxectivo de colaborar co tecido empresarial galego e contribuír ao mantemento do emprego mellorando a situación financeira de arredor de 100 pequenas e medianas empresas. Esta iniciativa favorecerá o funcionamento diario das pequenas e medianas empresas facilitando a concesión de préstamos a partir de 3000 euros.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) está a desenvolver o Plan de Acción en Software Libre 2018, que recolle un total de 110 actuacións co obxectivo de fomentar e promover o uso e reutilización de software libre na administración pública, o impulso dunha oferta de solucións libres e de calidade para as nosas empresas, e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade. Como xa vén sendo habitual, unha parte moi importante destas actuacións desenvolveranse en colaboración dos principais axentes do ecosistema de software libre galego.
O reguetón feminista e combativo das madrileñas Tremenda Jauría suporán este sábado, día 18, un divertido e comprometido alfinete festeiro para pechar o Atardecer no Gaiás de 2018. Precisamente, este ciclo de concertos do verán, ao aire libre e de balde caracterizouse nesta edición por contar cun especial peso das voces femininas maioría entre as súas 21 actuacións e concedeulle máis espazo as cada vez máis emerxentes músicas urbanas. Para este gran fin de festa, a banda despregará tamén o seu repertorio de merengue-punk ‒contan cunha atrevida versión neste rexistro de La línea del frente de Kortatu‒e electro-cumbia con ritmos tropicais e letras sociais.