Noticias

A plataforma É-Saúde nominada finalista dos premios New Medical Economics como mellor proxecto en saúde dixital

A Plataforma É-Saúde, ferramenta dixital dirixida a pacientes e cidadáns que permite acceder a unha serie de servizos interactivos e contidos personalizados de saúde dende calquera dispositivo conectado a internet, vén de ser nominada finalista aos premios New Medical Economics 2018 na categoría de mellor proxecto en saúde dixital 2018. É-Saúde conta, actualmente, cun total de 51.000 usuarios. Cada semana realízanse 400 novas altas a este servizo, ao que cada día acceden unha media de 2.500 persoas dadas de alta.

É-Saúde, en marcha dende setembro de 2016, posibilita a estas persoas consultar e xestionar as súas citas, revisar a súa folla de tratamentos, os informes de alta, informes de probas diagnósticas, entre outras prestacións directamente dende o seu móbil, ordenador ou tablet.

Dende o mes de setembro do pasado ano os usuarios poden descargarse os informes dos programas de Saúde Pública. En concreto, os informes de prevención e detección precoz de metabolopatías, xordera neonatal, cancro de mama e cancro de colon; ademais dos de calendario de vacinacións. Toda esta información xérase na data da consulta, e contén as probas realizadas ata ese momento.

Para facilitar a consulta, os usuarios poden acceder a estes informes a través da carpeta A miña historia clínica Sergas, e nas carpetas de A miña carpeta de saúde infantil e A miña carpeta de cribado do adulto.

Outros usos da Plataforma

É-Saúde permite acceder á axenda de citas en atención primaria ou especializada actualizada, posibilitando completala con citas e eventos persoais de maneira que o paciente, dende o propio móbil, poida consultar cando ten que recoller unha receita na farmacia, ir a unha consulta médica, realizar unha proba diagnóstica ou facer as actividades de promoción da saúde que tivera programado.

A Plataforma permite, ademais, o acceso a todos os cursos de formación da Escola Galega de Saúde para Cidadáns e dos cursos desenvolvidos polas asociacións de pacientes.

Así mesmo, a través dela pódense consultar servizos ou participar nas comunidades entre o seu persoal médico e de enfermería e outros pacientes, e nas asociacións de pacientes que lle permitan contactar con outros doentes cos que comparta dúbidas, recomendacións de hábitos de vida, etc.; todo iso coa garantía que ofrece o feito de que toda a información estea albergada no servidor do Servizo Galego de Saúde, coa conseguinte seguridade xurídica e tecnolóxica que iso supón.

Acceso delegado

Máis de 1.000 persoas teñen delegado o acceso a esta plataforma; este acceso está planificado de tal forma que permite que os pais, nais e titores, no caso dos menores de idade, ou os representantes legais ou persoas expresamente autorizadas polo paciente, no caso dos maiores, accedan no nome dos titulares aos servizos telemáticos personalizados que se ofrecen neste dispositivo.

Isto posibilita xestionar de modo máis directo e áxil os procesos de saúde a través dunha terceira persoa autorizada para o efecto. Entre outros servizos, permite ter acceso aos mesmos informes médicos e información sanitaria do titular do dereito, como os informes médicos de probas diagnósticas, as citas médicas ou os fármacos prescritos e pendentes de dispensación na oficina de farmacia. Ademais, Sanidade tamén engadiu aos servizos dispoñibles os informes de calendario de vacinación infantil.

Polo tanto, calquera pai, nai, titor legal ou coidador pode solicitar o permiso no seu centro de saúde, acompañando o seu DNI ou pasaporte, así como libro de familia, partida de nacemento ou documento que acredite a tutela ou a patria potestade para o caso de menores, ou sentencia xudicial de incapacitación ou tutela legal no caso de persoas incapacitadas. É tamén necesario que tanto o paciente como a terceira persoa autorizada e solicitante de dito acceso dispoñan da tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

R., 2018-08-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES