Noticias

O Noroeste Estrella Galicia culmina a súa 32ª edición con máis de 90.000 persoas para consolidarse como un dos grandes festivais urbanos estatais

Na súa 32ª edición, o Festival Noroeste Estrella Galicia continuou o seu ascenso de popularidade para converterse nunha das citas estatais musicais imprescindibles do verán. Cun modelo de festival de rúa, que aposta pola cultura próxima e de calidade, sen esquecer as figuras internacionais, a cita coruñesa conquistou nesta ocasión a máis de 90.000 persoas. Coa cidade como un escenario máis, chamado a ocupar un papel protagonista, o festival converteuse nun dos eventos urbanos máis importantes da península, atraendo a atención de miles de persoas, coruñesas e visitantes en busca dunha experiencia musical e cultural completa.

Unha ebulición e unha efervescencia contaxiosa entre aqueles e aquelas que repiten ou que asisten por primeira vez e que puido comprobarse a través da proxección nos medios de comunicación e as redes sociais.

Máis de 150 horas de música en 14 escenarios singulares para unha edición onde o punto diferencial estivo marcado pola presenza feminina. O 54% das bandas estaban lideradas por unha muller ou eran solistas femininas, mentres que no 72 % de bandas polo menos unha das súas compoñentes era muller. Así mesmo, do mesmo xeito que outros anos, o festival apostou por artistas de Galicia, que supuxeron preto dun 50% do cartel.

As cifras de asistencia lograron grandes picos ao longo da semana. No primeiro día de concertos por distintos lugares emblemáticos da cidade, o chamado Noroeste Expandido, chegáronse a registrar máis de 10.000 persoas. Un día despois, o mércores 8 de agosto, celebráronse máis da metade de actuacións previstas a pesar da choiva, que obrigou a cancelar oito concertos –catro na Praza das Bárbaras e catro na Praza de San Nicolás-. Con todo, a actuación estelar da portuguesa Dona Rosa, que debía celebrarse no Castelo de Santo Antón, puido recolocarse no Teatro Colón evitando así a súa cancelación. O xoves todo volveu á normalidade e tras gozar de tres días de Noroeste Expandido, contabilizáronse máis de 20.000 persoas nos escenarios do festival.

Con respecto á Selección Noroeste, os tres concertos programados nos teatros da cidade -Neneh Cherry, Maria del Mar Bonet e James Holden & The Animal Spirits- lograron un amplo número de oíntes, máis de 1.500 asistentes en total, abrindo o espectro musical e de idade con cada unha das súas actuacións.

Na praia, os escoceses Belle & Sebastian convenceron ao público o venres ofrecendo un recital para máis de 15.000 almas onde corearon cancións de todas as súas épocas. O seu líder, Stuart Murdoch, acirrou a audiencia ata convidar a varias persoas para subirse ao escenario e terminar cun apoteósico baile grupal. Pola súa banda, Chrissie Hynde os seus aterraron na Praia de Riazor congregando a máis de 30.000 persoas nun concerto de The Pretenders impecable, coa voz da estadounidense en estado de graza, e no que non faltaron moitos dos seus éxitos.

Éxito das Matinais

Unha das apostas máis importantes do festival, os concertos das Matinais, consolidouse nesta edición como unha das actividades preferidas do público ao congregara máis de 4.500 persoas durante as tres xornadas. A elección de bandas, cada vez máis eclécticas, logrou que a súa audiencia crecese nesta edición e que houbese aforamentos completos, como co concerto de Los Nastys na rúa Capitán Troncoso ou o de Esteban & Manuel na Praza José Sellier. A celebración musical por toda a cidade invadiu as diferentes prazas durante os tres días que tiveron lugar.

Difusión en todo o estado

A importante presenza en medios locais, autonómicos e estatais do Noroeste Estrella Galicia segue a afianzarse nesta edición do festival, que logrou proxectar desta maneira a imaxe transformadora de cidade musical, próxima e cosmopolita que posúe A Coruña.
En internet, o festival alcanzou un forte impacto, con case 290.000 visitas na web oficial e cun alcance en redes sociais que superou os 3,1 millóns de persoas. O Noroeste Estrella Galicia ten máis de 25.500 seguidores e seguidoras en redes, que o levaron a ser Trending Topic na Coruña co seu perfil de usuario @FestNoroeste e cos hashtags desta edición: #Noroeste2018 e #SOMOSNOROESTE. Este último situouse ademais entre os 100 primeiros do ámbito estatal durante os dous primeiros días.

Dispositivo de protección ambiental

Dentro do seu Plan de Eventos Sustentables, a Concellería de Medio Ambiente desenvolveu unha serie de medidas orientadas a diminuír o impacto ambiental do Festival Noroeste Estrella Galicia, contribuíndo -xunto coa limitación da programación de concertos de rúa en horarios nocturnos, para minimizar a contaminación acústica, e coas accións de mobilidade orientadas ao fomento do transporte público e á redución de emisións- a celebrar un evento máis sustentable e máis respectuoso coa cidadanía, co espazo público e co planeta.

Respecto ao dispositivo de protección ambiental, este ano volveu apostarse pola utilización do ecovaso, producido pola entidade Ecovidrio, nos concertos da praia e na romaría do domingo, debido á especial preocupación do goberno municipal por reducir o impacto ambiental dos eventos que suceden en contornas naturais. Distribuíronse 6.000 unidades a un prezo de 1 euro, concienciando ademais do seu uso desde as pantallas da praia de Riazor e incidindo na importancia de non tirar residuos no areal, así como do uso das Illas de Reciclaxe.

Agradecementos a colaboradores e público

O éxito do Festival Noroeste Estrela Galicia 2018 non sería posible sen a axuda do patrocinador principal, Estrella Galicia, e as distintas entidades colaboradoras, CUAC FM, a asociación Desconcierto Cultural e Radio 3. Do mesmo xeito, a organización quere agradecer ás salas Mardi Gras e Playa Club a súa disposición para a recolocación dos concertos que debían celebrarse no Mercado da Colleita e que, debido a causas meteorolóxicas, houbo que reubicar.

R., 2018-08-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES