Buscador
Noticias
O Museo Casa de la Troya manterá abertas as súas portas durante todo o verán -ata mediados de outubro- para que composteláns e visitantes poidan percorrer a vella pensión de estudantes, inmortalizada por Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima. O horario de apertura é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, de martes a sábado, pechando os domingos e os luns.
Pilar Couto Cantero, docente de Didáctica da Lingua e a Literatura da UDC, lidera o proxecto AWKE (A Welcome Kit to Europe), dentro do ERASMUS+ KA220-SCH - Cooperation Partnerships in School Education, cofinanciado pola UE e dotado con 250.000 euros, que terá unha duración de dous anos. Esta iniciativa da UDC foi escollida entre as 40 finalistas dun total de 257 solicitudes presentadas.
Os xardíns tamén poden ser verticais: muros vexetais interiores e exteriores que reverdecen paredes maximizando o uso do ben máis escaso na cidade, o espazo. Boa proba é o proxecto 'Xardín vertical con planta viva, montable e monitorizado mediante app móbil polo usuario', desenvolvido na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, por Adolfo López Fabal, Mª Isabel Iglesias Díaz e Santiago Lamosa Quinteiro.
O Emprega-T Fest nace para ser 'un espazo dinámico e cheo de enerxía' que conecte as empresas cos perfís de demandantes de emprego. O evento, organizado polo Campus Terra e a Área de Orientación Laboral da USC, en colaboración co Concello de Lugo e coa Asociación de Empresarios do polígono do Ceao - As Gándaras, ofrece a través da súa web a posibilidade de que as persoas interesadas rexistren os seus currículos.
Videoarte en Movemento (VEM) chega a Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña. A furgoneta do VEM, que viaxará por España e Portugal ofrecendo unha programación de videoarte internacional ao aire libre e de carácter gratuíto, ten parada este 31 de xullo na UDC, en Normal. VEM é unha experiencia itinerante da creación visual en ambientes de transición e de paso, exhibindo un programa composto por obras de videoartistas internacionais.
Dentro do plan de actuación da UDC na Cidade das TIC está a posta en marcha dunha infraestrutura dirixida a potenciar a transferencia de coñecemento no ámbito da IA. Trátase de 'sinerxIA', unha Incubadora de Alta Tecnoloxía en Intelixencia Artificial, iniciativa que vén de presentarse á segunda Convocatoria da Fundación INCYDE para Infraestruturas destinadas a Incubadoras de Alta Tecnoloxía en sectores estratéxicos emerxentes en Europa.
Ao longo dunha semana, do 2 ao 8 de setembro, a provincia de Ourense acollerá a celebración do Congreso Internacional sobre Socialización do Patrimonio no Medio Rural (Sopa). Nel presentaranse máis de 60 comunicacións procedentes de países como México, Colombia, Chile, Arxentina, Grecia, Alemaña, Portugal e España e realizadas por case un centenar de investigadores e investigadoras en ámbitos como a arqueoloxía, a educación e a antropoloxía.
Apoiar os negocios relacionados coas Paisaxes de Produción Socioecolóxica podería contribuír á conservación da biodiversidade e a sustentabilidade no territorio. Esta é a principal achega do traballo dos grupos de investigación da USC Planificación e Xestión en Sistemas Socio-Ecolóxicos Adaptativos Complexos, Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social e Biodiversidade e Botánica Aplicada.
O Pont-Up Store fixo pública este martes a selección de iniciativas que van participar na súa undécima edición, que se desenvolverá a fin de semana do venres 20 e sábado 21 de setembro nunha carpa instalada na Praza de España de Pontevedra. En total, na cita vanse presentar 42 emprendementos. Como novidade, seis empresas revolucionarias no seu sector tentarán convencer a potenciais investidores nun novo formato chamado Pont-Up Venture.
Un equipo composto por 15 institucións de 6 países europeos, entre as que figura a Universidade de Santiago de Compostela, reunirá forzas durante os vindeiros 42 meses no proxecto 'MORAI-Multiscale Ocean models and Information for climate Risk Assessment and Impact mitigation', que desenvolverá novas solucións para reducir e mitigar os efectos do cambio climático no medio mariño. MORAI está coordinado pola Universidade Técnica de Atenas (Grecia).